A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Ferplan, a tecnoloxía que revolucionará as estratexias de fertilización dos cultivos

Ferplan, a tecnoloxía que revolucionará as estratexias de fertilización dos cultivos

A cooperativa de segundo grao DELAGRO ultima os detalles do lanzamento de FERPLAN, unha tecnoloxía de última xeración que sairá á luz para mediados do mes de decembro e que marcará un antes e un despois na forma de entender a fertilización dos cultivos, adiantándose aos cambios normativos que se imporán coa nova PAC. Unha ferramenta froito dunha complexa investigación que nace cun obxectivo: facer o traballo máis doado a gandeiros e agricultores.

A nova normativa europea en materia de abonado está a piques de entrar en vigor e suporá un importante desafío para os agricultores, que terán que adaptarse aos requisitos técnicos e administrativos, pero tamén unha gran oportunidade para reforzar e garantir o futuro do sector e o seu legado ambiental ás novas xeracións.

Neste contexto, DELAGRO quixo adiantarse á obrigatoriedade das novas medidas europeas e por iso suma xa anos de traballo coa vista posta nun manexo máis eficiente e sostible dos fertilizantes. Así xurdiu a idea de FERPLAN, que nace para transformar a forma na que se deseñan os plans de abonado e se coida o solo, co obxectivo de que os nutrientes se apliquen de forma moito máis eficiente, unicamente alí onde existe a necesidade e onde se vai xerar un impacto positivo no cultivo pero tamén no medio ambiente.

Desta forma, un grupo de especialistas DELAGRO centrouse no desenvolvemento desta ferramenta dixital que axudará agricultores, gandeiros e técnicos a adaptarse ás novas obrigas e a levar á práctica da forma máis sinxela posible os cambios lexislativos que virán en materia de fertilizantes, ademais de deseñar innovadores mecanismos para o máximo aproveitamento de nutrientes dispoñibles en función de cada tipo de chan.

En total, foi máis dunha década de traballo por parte do equipo técnico de DELAGRO, que estudaron máis de 8.000 mostras de terra do norte da Península, en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. A minuciosa investigación que deu lugar ao deseño de FERPLAN, a piques de lanzarse ao mercado, centrouse principalmente no cumprimento das novas obrigacións ambientais encamiñadas cara a unha nutrición sostible, un uso eficiente dos fertilizantes e un coidado responsable dos solos agrarios.

Nova normativa comunitaria

O novo contexto normativo que levará á práctica os obxectivos do Pacto Verde Europeo fixou metas ambiciosas en canto á eficiencia no uso dos fertilizantes. Así, a Comisión Europea aspira a reducir a perda de nutrientes polo menos á metade de aquí a 2030, de forma que se garanta ao mesmo tempo que non se deteriore a fertilidade do solo. Como consecuencia, prevese unha redución no uso de fertilizantes de polo menos un 20%.

FERPLAN, a nova ferramenta informática de DELAGRO, quere axudar aos agricultores, gandeiros e técnicos a cumprir os obxectivos marcados pola nova lexislación, seguindo a filosofía de aplicar aos cultivos só os produtos necesarios e no momento necesario, establecendo un uso cada vez máis eficiente dos recursos. Estes cambios esixirán esforzos por parte de gandeiros e agricultores, que terán que poñer especial atención ao manexo dos nutrientes que se achegan ao chan e ao control dos procesos de lixiviación.

Ademais, a nova PAC implicará que os propios agricultores teñan que facerse cargo de novos trámites administrativos, como é a elaboración do plan de abonado ou a actualización dun caderno de explotación. Precisamente para facilitar todos estes novos procedementos, nace a ferramenta FERPLAN, que moi pronto estará dispoñible para facer o traballo máis fácil de gandeiros e agricultores que queiran ir un paso por diante dos cambios que se aveciñan.

Unha transformación cun obxectivo: sustentabilidade e eficiencia

A nova ferramenta que DELAGRO lanzará ao mercado para facer fronte a todos estes cambios normativos que se aveciñan xestouse no centro multidisciplinar que a cooperativa de segundo grao ten nas Pontes. Un centro loxístico de 36.000 m2 que conta tamén con capacidade para recompilar as miles de mostras necesarias para o desenvolvemento desta aplicación.

FERPLAN é, ante todo, a resposta ás necesidades que nun futuro moi próximo terán agricultores e gandeiros para cumprir coas esixencias europeas en materia de abonado, pero tamén é o resultado dunha transformación a nivel interno da cooperativa de segundo grao, xa que a sustentabilidade pasou a ser unha das prioridades de DELAGRO, tanto a nivel operativo e loxístico, como a nivel de produción.

FERPLAN supón avanzar cara a un futuro cada vez máis próximo no que a importancia da cantidade de abono, pasará a un segundo plano para dar paso á calidade: como aplicamos os fertilizantes? como fabricamos para ser sostibles?, como realizamos os nosos envíos para non emitir gases contaminantes?, como eliminamos ou reaproveitamos os posibles residuos xerados durante todo o proceso loxístico? Toda unha reconfiguración da cadea de subministración na que o uso da tecnoloxía e a formación das persoas terán un papel crucial”, aseguran desde DELAGRO.

En definitiva, unha transformación que ten o seu maior expoñente en FERPLAN, en tanto que cumpre coa misión que se propón a cooperativa de segundo grao no seu día a día: velar pola sustentabilidade, garantir o futuro do sector e facerlle os cambios máis fáciles aos socios, poñendo á súa disposición ferramentas que permiten que vaian un paso por diante en materia normativa, á vez que garanten unha maior eficiencia no uso das materias primas, neste caso, os fertilizantes nos cultivos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *