Ferme de la Naz, exemplo suízo de diversificación e valor engadido en pastoreo

A familia Bach produce ao ano 1,2 millóns de litros de leite, que destinan a facer queixo Gruyère. Ademais das 155 vacas da súa cabana leiteira, ceban 40 bois que comercializan directamente

O establo, construído fai 10 anos, é de madeira e ten capacidade para 155 vacas

O establo, construído fai 10 anos, é de madeira e ten capacidade para 155 vacas

Ferme de la Naz é unha gandaría suíza ubicada na comuna de Carrouge, pertencente ao cantón francófono de Vaud, e que xunto aos de Friburgo e Jura, situados tamén no suroeste da Confederación Helvética, a carón dos Alpes, constitúen a zona onde se produce o queixo da Denominación de Orixe Gruyère.

A granxa pertence á familia Bach, propiedade de dous irmáns que levan 25 anos facendo pastoreo. Nela traballa tamén Sabine Bougeois, a muller de Nicolás, un dos dous socios, que se encarga da contabilidade, da inseminación e de facer as substitucións. Este ano incorporarase tamén á sociedade o seu fillo. Contan ademais coa axuda de varios aprendices, que están un ano, e de estudantes en prácticas da escola de agricultura.

Fai unha década construíron unha nova nave, con estrutura de madeira, na que teñen hoxe 155 vacas en produción. O establo foi ubicado no medio dos pastos, nunha parcela alonxada das casas do pobo e da estrada. “Deste xeito para manexar o gando nas pradeiras non temos que cruzar ningunha estrada nin ningún outro impedimento”, explican.

O seu leite destínase á fabricación do queixo Gruyère, para o que non se pode alimentar o gando con ensilaxe e o 70% da forraxe debe proceder da propia explotación

O establo está rodeado por 30 hectáreas de terreo onde fan pastoreo rotativo integral día e noite, co que tentan que as vacas pazan o máis posible. “Somos propietarios da metade da superficie e o resto son intercambios cos veciños para lograr apezar a maior superficie posible a carón da explotación. Eles adícanse a cultivos extensivos de cereal e pataca, nós cedémoslles os terreos máis chaos e eles cámbiannolos por fincas de máis pendente”, conta Sabine.

Ás 30 hectáreas a carón da granxa que tiñan até agora para pastoreo sumaron esta primavera outras 15, que até este ano cultivaban e que están do outro lado dun río pero que uniron cunha ponte para poder usalas para pasto. “A ponte en principio era só de paso peonil, pero sacando varios permisos permitíronnos amplialo para o paso das vacas, pero non para poder cruzar co tractor”, di.

Millo verde en outono e herba seca e patacas en inverno

Nesta explotación suíza producen leite sen ensilado, xa que non está permitido pola denominación de orixe dos queixos Gruyère. As vacas pasan arredor de 5 meses dentro do establo, de novembro a marzo e o resto do ano pastorean día e noite.

As vacas pasan arredor de 5 meses dentro do establo, de novembro a marzo e o resto do ano pastorean día e noite

“Na primavera e no verán as vacas están a pasto case exclusivamente e pastorean día e noite. Só as metemos ao mediodía cando fai moita calor. Se temos herba dabonda non lles damos nada máis, tan só algo de concentrado ás vacas que están por enriba dos 30 litros de produción. O concentrado é a base de cereais que lles mercamos aos veciños e que moemos nun muiño que hai e que nos fai a mestura que lle pedimos. Non traballamos con ningunha empresa de pensos”, explica Sabine.

De novembro a marzo as vacas están estabuladas

De novembro a marzo as vacas están estabuladas

A granxa atópase a uns 700 metros de altitude pero no verán acusan tanto o calor como a falta de precipitacións. “En función da seca empezamos a dar millo en verde máis ou menos a finais de agosto e dámosllelo todos os días até mediados de outubro. A partir dese momento comezamos a transición cara ao inverno, no que as vacas están dentro e a alimentación está baseada en herba seca e patacas que cultivamos nós e que tamén mercamos. Unicamente engadimos algo de soia ou de colza”, aclara.

Cota a cambio de produción forraxeira

A granxa da familia Bach procura ser o máis autosuficiente posible e trata de mercar o resto de insumos que precisa a nivel local. Teñen unha comunidade operativa semellante ao modelo das GAEC francesas (Groupement agricole d’exploitation en commun) ou das SAT españolas pero diferente, xa que o que fixeron foi asinar contratos individualizados con agricultores doutros municipios veciños que deixaron a produción de leite por razóns de rendibilidade. A explotación de Nicolás e Sabine fíxose cargo da súa cota leiteira e das súas vacas (lograron deste xeito reunir unha cota de 1 millón dous centos mil litros anuais) e os seus veciños continúan traballando as súas terras e aportándolles as colleitas para alimentar o gando.

Cultivan 5 hectáreas de patacas e 2 de millo para complementar a alimentación cando escasea o pasto e teñen acordos de subministro con outros agricultores da zona

Dispoñen en total de 70 hectáreas sumando ás 45 deles as que aportan outros agricultores da zona mediante estes acordos. É destas parcelas que están máis alonxadas do establo, ás que non levan o gando, das que traen a herba seca para o inverno e é nas que botan tamén as 5 hectáreas de patacas e as 2 de millo coas que complementan a alimentación do gando cando non hai pasto. Son fincas menos produtivas, onde o rendemento é catro veces menor que nas de pastoreo. “En anos normais funcionamos sen mercar forraxes pero en 2018 houbo unha seca moi grande e tivemos que mercar alfalfa francesa”, indica.

Establo de madeira que tamén serve de palleira e almacén de cereal

Polo corredor de alimentación mediante unha ponte grúa accédese á palleira, que está sobre o patio das vacas

Polo corredor de alimentación mediante unha ponte grúa accédese á palleira, que está sobre o patio das vacas

O establo, de 3.000 metros cadrados, foi construído no ano 2009 pola empresa suíza Farmwood. A estrutura é toda de madeira, cunha altura que permite que se aproveite o espazo que hai enriba dos patios das vacas como palleira. O corredor de alimentación central tamén serve para acceder aos produtos almacenados (forraxe, cereal, patacas) mediante unha ponte grúa que se despraza por uns raís para acceder aos distintos produtos e baixalos para introducilos no carro mesturador e servilos ás vacas na ración de inverno.

Inicialmente o establo foi feito para 130 cabezas, pero quedou xa prevista unha ampliación que foi acometida o ano pasado, na que aumentaron o rabaño en 30 vacas en produción máis. Tamén ampliaron a sala de muxido, que conta agora con 20 puntos.

Secado selectivo para reducir o uso de antibióticos

Instalación para as vacas secas

Instalación para as vacas secas

Para facilitar o manexo separan o gando en dous lotes, recén paridas e final de lactación e o secado é selectivo. “A unha vaca que non tivera mamite durante a lactación non lle metemos antibióticos e en caso de que tivera mamite, só llo poñemos nos cuarteróns nos que o tivo, pero nese caso preferimos non correr riscos”, argumenta.

Tampouco fan preparto. “O que facemos é apartar a vaca que vai parir e tomámoslle a temperatura e cando sobe e baixa de golpe sabemos que vai parir en 12 horas. A preparación facémola co concentrado. A base da alimentación das vacas secas é a herba seca e 3 semanas antes do parto dáselles unha ración co 20% de proteína até o momento do pariren”, detalla.

Recollida do leite dúas veces ao día

O obxectivo de Ferme de La Naz é lograr moito valor engadido, polo que fai 15 anos optaron por destinar o seu leite a facer queixo Gruyère. As instalacións da queixaría local pertencen aos gandeiros e funcionan con leite de entre 5 e 10 produtores. O queixeiro é independente e paga un aluguer de entre 10 e 12 céntimos por litro de leite. Recóllenlles o leite dúas veces ao día porque o queixo Gruyère faise con leite cru. “Muximos ás 5 da mañá e ás 5 da tarde e o camión do leite ven en canto acabamos”, explican.

A queixaría á que mandan o leite é propiedade dos gandeiros e o queixeiro usa as instalacións pagando de aluguer ente 10 e 12 céntimos por litro de leite

Pero ademais de dar valor engadido ao seu leite coa produción de queixo, a súa estratexia de cara ao futuro pasa por revalorizar a explotación con gando de carne, biogás e mesmo porcos. “Os porcos podían ser unha plusvalía interesante por contar con moito soro procedente da queixaría. Antes ese soro ía para porcos dunha cooperativa pero fracasou e agora vaise poñer en marcha un proxecto privado”, avanza.

Poñen cruces cárnicos e ceban bois até os 20 meses

Suiza recriaAs vacas leiteiras son de distintas razas: holstein vermellas e negras buscando altas producións leiteiras, montbeliarde na procura de sólidos e kiwi cross, unha raza procedente de Nova Zelandia e seleccionada pola súa fertilidade, a súa facilidade para o pastoreo e os seus niveis de graxa e proteína. Con todo, indica Sabine, “as montbeliarde collen máis espazo no rabaño e os xatos montbeliarde non van ao mercado coma os outros, vendémolos aos colegas pola maior calidade da súa carne”, di.

Da inseminación encárgase Sabine cun notable éxito, pois a media é de 1,8 doses por vaca

Ademais de producir leite, nesta gandaría tratan de diversificar os ingresos, polo que tamén ceban os xatos dos cruces cárnicos. “Empregamos seme sexado nas xovencas para garantir a recría necesaria para a explotación e o resto inseminamos con carne, máis ou menos poñemos carne a tres cuartas partes dos animais. Poñemos azul belga, piomantesa e inra, que é unha mestizaxe francesa”, contan. Sabine é quen se encarga da escolla e selección xenética así como da inseminación, con notable éxito, pois a media necesaria para que queden preñadas é de 1,8 doses por vaca.

Engordan uns 40 animais por ano en fincas de montaña cos que fan venda directa da súa carne sacrificando un por semana

Os becerros que ceban están en fincas alonxadas das vacas de produción de leite

Os becerros que ceban están en fincas alonxadas das vacas de produción de leite

Cos machos fan uns 40 bois ao ano e engórdanos en extensivo até os 20 meses dentro dunha denominación de orixe. Están noutras fincas, distantes da granxa de leite, en pastos que se atopan en zonas de montaña entre os 1.300 e os 1.500 metros de altitude. Nos últimos tres meses remátanos con silo de millo e esa é a razón para telos afastados, separados das vacas de leite, porque para facer queixo Gruyère está prohibida a alimentación con ensilaxe.

Aos becerros danlles grao machacado desde o principio e até o destete. Fan eles mesmos a mestura. O descornado segundo a lexislación suíza hai que levalo a cabo antes dos 21 días de vida do tenreiro e aplicar anestesia. Está tamén prohibida a sosa.

Pastorean coas vacas divididas en dous lotes

Suiza pastoreo2As vacas desta gandaría están no pasto día e noite a meirande parte do ano. De marzo a novembro están fóra e tan só no verán, cando a temperatura alcanza os 28 ou 30 graos centígrados, métenas dentro ao mediodía. Cando comeza a escasear o pasto o que fan e metelas despois de muxilas pola mañá para que coman millo verde, herba seca ou patacas, dependendo da época do ano. “Hai que ter coidado de non dar pataca verde ou xerminada, antes dabámosllelas enteiras, pero agora dámola en carro mesturada na ración”, explica Sabine.

As parcelas pastoréanas coas vacas divididas en dous lotes. No primeiro lote están as vacas de máis produción e as que levan menos tempo paridas. Cando veñen pola tarde xa teñen o complemento de cereais no pesebre, un máximo de 3 quilos por vaca ao día.

Aos animais do lote de máis produción compleméntanlles o pasto con 3 quilos diarios de cereal

No segundo lote estarían as vacas de menos produción. “Facer dous grupos á hora de pacer as fincas é moi útil, porque as vacas do segundo grupo van rematar as parcelas e se baixan un pouco ao leite ao final da lactación non é tan prexudicial como se esa baixada se producise nas vacas recén paridas do primeiro grupo”, argumenta. As vacas deste segundo lote non reciben tampouco complemento de cereal.

No primeiro lote separan 70 vacas e no segundo quedan entre 50 e 70. No verán o que fan é invertir o número de animais nos lotes, con menos cabezas no lote de máis produción debido á diminución do pasto.

Entre 1 e 3 días nas fincas en función da estación e a climatoloxía

“Cada semana medimos co herbómetro a herba dispoñible e organizamos a ruta de pastoreo para a semana. As vacas deben entrar ao pasto cando a herba ten 11 centímetros de altura e saír cando baixa até os 3,5. Cando chove saímos das pradeiras coa herba máis alta”, indica Sabine. Ese traballo de planificación e medición co herbómetro lévalles unhas dúas horas cada semana.

As vacas entran nas parcelas cando a herba ten 11 centímetros de altura e saen do pasto cando baixa dos 3,5 centímetros

“As parcelas teñen todas 1,2 hectáreas e o que facemos é calcular o número de comidas, cando é o periodo de máximo crecemento da herba teñen pasto para 2 ou 3 días (4-6 comidas) pero cando o tempo é moi seco igual esa mesma parcela lles chega unicamente para unha comida”, engade. O pastoreo é rotativo e na primavera o gando volve ás parcelas pacidas ás 3 semanas. Antes as parcelas eran máis grandes, dunhas 3 hectáreas, pero reducíronas a máis da metade para que o gando pase menos tempo nas fincas e o pacido da herba sexa máis rápido.

As pradeiras non poden segarse até o 15 de xuño

Herba seca que almacenan para alimentar o gando no inverno

Herba seca que almacenan para alimentar o gando no inverno

Na época na que se alcanza o crecemento máximo dos pastizais o que fan é sacar algunhas fincas do circuito e adicalas a herba seca. “A herba seca facémola sempre do segundo corte da herba, logo de pacer o primeiro”. O que fan é apartar as fincas que están máis alonxadas. “As parcelas a pastizais que están máis lonxe sitúanse a quilómetro e medio do establo e usámolas unicamente un par de semanas ao ano. Noutras parcelas facemos pasto segado, sobre todo cando vai moita calor. Segamos pola mañá, partimos con fío a comida diaria e as vacas comen o que hai no terreo”, explica.

Aínda que Ferme de la Naz non está en produción ecolóxica, a normativa existente nesta zona de Suíza para as pradeiras é moi estrita. Deben ter catro cultivos diferentes, o chan cuberto durante o inverno, as pradeiras non poden segarse antes do 15 de xuño, non se pode sulfatar nin abonar a carón dos ríos e deben facer balance tanto de nitróxeno como de fósforo do solo. Para o control das malas herbas non poden usar produtos químicos, así que os carabeis o que fan é arrincalos planta a planta e ás ortigas pásanlles a grade de dentes.

Deben ter catro cultivos diferentes e non se pode sulfatar nin abonar a carón dos ríos

O custo da auga, igual que da enerxía ou do resto de custos de produción é moi elevado en Suíza, polo que nesta granxa tratan de aproveitar todos os recursos e mesmo os refugallos nun exemplo de economía circular. “A auga que empregamos para beber as vacas ou para lavar a sala de muxido é da traída e é cara (o seu prezo é de 1,8 francos suízos o metro cúbico, o que equivale a 1,7 euros), así que queremos recuperar e reutilizar a auga dos tellados”, detalla Sabine.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información