
A familia Pfaffenbichler (Josef, Marianne, Michael e Nadja), no centro, xunto aos técnicos e gandeiros galegos que os visitaron no mes de marzo, nunha viaxe promovida pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria
Michael Pfaffenbichler (@felber.bauer) é un queixeiro innovador. Experto en marketing, forma parte dunha iniciativa de mozos agricultores e gandeiros chamada farmfluencer, unha rede formada por unha vintena de produtores mozos de toda Austria que contan nas súas redes sociais o seu día a día nas explotacións.
A granxa familiar de vacas da familia Pfaffenbichler data de 1757 e está situada na localidade de St. Peter in der Au, no distrito de Amstetten, en plena paisaxe montañosa de Mostviertel. La zona de Mostviertel está situada entre os ríos Danubio y Ötscher, xusto no centro do estado de Baixa Austria.
A rexión debe o seu nome ao most, unha bebida alcohólica de baixa gradación feita de peras ou mazás típica da zona, onde se segue a facer na maioría das casas. Tamén na de Michael, pero el decidiu darlle un novo uso á vella bodega baixo terra e aproveitala para curar os queixos que agora fai.
Incorporación á granxa
Michael ten 29 anos e fai 2 que se fixo cargo da granxa familiar que até entón levaban o seu pai Josef e a súa nai Marianne. Michael estudou 5 anos na escola de formación agraria Francisco Josephinum, ubicada en Wieselburg, e logo estivo outros 5 anos traballando no Parlamento en Viena, pero decidiu voltar para seguir, xunto á súa moza Nadja, coa tradición familiar, pero valorizando a produción de leite da gandería mediante a elaboración dos seus propios queixos. O que máis valora, di, é poder ser o seu propio xefe.
Para non ter que investir en montar unha queixería, alugan as instalacións dun centro público de tecnoloxía alimentaria para fabricar os seus queixos
Nadja, que traballa na fábrica da cooperativa Berglandmilch, é a encargada de facer os queixos. Para abaratar custos decidiron empezar a elaborar sen investir na maquinaria necesaria para montar unha queixería. O que fan é levar o leite no seu propio coche, en bidóns de 20 litros, ás instalación coas que conta a escola agraria na que estudaron tanto Michael coma Nadja, onde lles alugan a queixería para facer alí o seu queixo, que despois traen de volta a madurar á vella bodega familiar do most , onde se dan unhas condicións ideais, cun 90% de humidade e entre 10 e 15ºC de temperatura todo o ano.
Venda no mercado local e en tendas de proximidade

Cava onde maduran os seus queixos, unha antiga bodega onde se gardaba o most, unha bebida tradicional de mazá
Fan os queixos tanto de leite cru como termizado (unha pasteurización máis suave, 30 minutos a 60 grados, que conserva mellor a proteína do leite) e en función do tipo de elaboración e o tempo de maduración obteñen distintos tipos de queixo.
Recoñecen que grazas ao apoio do centro Francisco Josephinum foron capaces de sacar ao mercado en moi pouco tempo até 5 variedades de queixo diferentes, entre eles os queixos tradicionais da zona de Mostviertel (o Tilsiter e o Raclette); un queixo de montaña típico da rexión do Tirol e Salsburgo e que nesas zonas conta con denominación de orixe; un queixo tipo camembert; e outro tipo chedar, con 4 meses de maduración e un toque doce ao final, coma os de Irlanda. “Era o que buscabamos, pero levounos 2 anos de probas”, explica Nadja.
Grazas ao apoio da escola agraria onde estudaron foron capaces de sacar ao mercado en moi pouco tempo até 5 variedades de queixo diferentes
Venden os seus produtos directamente na propia granxa ou no Mercado local de agricultores en St. Peter in der Au, que se celebra cada dúas semanas os sábados pola mañá de marzo a xullo e de setembro a decembro. Tamén fan venda online e colocan os seus produtos en tendas de autoservizo de produtos locais que hai na zona, moi habituais en Austria, onde non hai persoal que atenda, senón que os clientes entran, collen os produtos, páganos e marchan.
“A venda directa funcionou moi ben durante a covid pero despois baixou bastante, pois iso buscamos buscamos posicionar os nosos queixos en tendas de produtos rexionais e no mercado local quincenal de produtores de St. Peter in der Au, aínda que as vendas non sexan moi altas, é importante o contacto directo cos clientes e recibir ese feedback”, destaca Michael, que está moi implicado na vida da localidade, onde é concelleiro e toca tamén na igrexa.
‘Farmfluencer’
Michael é tamén moi activo nas redes sociais e forma parte dun grupo en toda Austria coñecido co nome de farmfluencers. “Queremos ensinar a través de redes sociais como instagram, facebook, tiktok ou youtube aos mozos da cidade como traballamos os mozos no campo”, explica.
“Se nós non contamos como é a nosa realidade, farano as ONGs desde o seu punto de vista, que non se corresponde coa realidade nin é o que a nós nos interesa, porque esa versión ten un sesgo animalista e ecoloxista distorsionado”, argumenta.
Se nós non contamos como é a nosa realidade, farano as ONG desde un sesgo animalista e ecoloxista distorsionado
“Investimos moito tempo niso, pero é importante para que acepten mellor os nosos produtos. Hai moita desconexión da xente moza urbana no campo en Austria. Nos últimos 30 anos esa distancia aumentou. Por iso, temos que dirixirnos a ese público para fidelizalos e explicarlles que os nosos produtos valen eses cartos”, di Michael. O prezo de venda do seu queixo é de 28€ o quilo e precisan entre 7 e 10 litros de leite, en función do tipo que fagan, para facer un quilo de queixo.
45 vacas de raza fleckvieh e venda dos xatos para carne

Michael e Nadja, amosando a súa granxa aos gandeiros e técnicos galegos que a visitaron a finais de marzo
No vello establo familiar, sobradamente amortizado, a familia Pfaffenbichler ten 45 vacas leiteiras, a maioría de raza fleckvieh, aínda que tamén hai algunha frisona e parda alpina. Michael non quere ter máis cabezas. Prefire poñer o énfase na transformación e diversificación dos ingresos da granxa, consciente de que a man de obra da explotación irá a menos de cara ao futuro, cando os sus pais se xubilen dentro duns anos.
“Agora mesmo como os meus pais aínda nos axudan podemos coller algúns días de vacacións. As granxas familiares son moi resilientes”, recoñece. A súa nai, Marianne, e el son os encargados de muxir. Fano ás 6 da mañá e ás 6 da tarde nunha sala de 8 puntos e lévalles unha hora e cuarto.
As granxas familiares son moi resilientes e podemos coller algúns días de vacacións porque nos axudan os meus pais
Móvense entre os 30 e os 35 litros diarios de produción por vaca, cun 4,2% de graxa e un 3,6% de proteína e medias entre 10.000 e 11.000 litros por lactación. Comezaron fai dous anos a facer os seus propios queixos (uns 20.000 kg ao ano e queren subir até os 50.000) e o resto do leite séguenllo vendendo á cooperativa (uns 400.000 litros ao ano).
As vacas dúranlles moitos partos. A máis vella que teñen neste momento vai facer 11 anos e está a piques de chegar aos 90.000 litros producidos. “Estamos moi orgullosos cando unha vaca chega a esas idades”, asegura Michael.
Animais de dobre propósito

Zona da recría, onde tamén teñen os xatos que venden con entre 7 e 10 semanas
Con todo, cando teñen que mandar unha vaca ao matadoiro tamén conseguen un bo retorno econónmico. “Unha vaca de desvelle fleckvieh deixa uns 3.000 euros, e iso que aquí non temos mercado de carne de vaca vella, os chuletóns van para hamburguesas”, lamenta.
Unha vaca de desvelle de raza fleckvieh pode deixarnos uns 3.000 euros
Non emprega seme sexado porque os xatos tamén se venden ben. “Uso seme de touros xenómicos e se sae un macho véndoo cuns 120 quilos, entre 7 e 10 semanas de vida, para un cebadoiro, que mo paga a 7€ o quilo. Cada xato déixanos uns 800 €”, explica.
Até non fai moito tiña un touro de raza wagyu que botaba ás peores vacas, as que non inseminaba con fleckvieh, pero o touro tiña xa 3 anos “e tiña as súas manías”, recoñece Michael. Daquela cebaban os xatos até os 10 meses e lograban uns 500 euros máis por eles que nos xatos fleckvieh, pero preferiron deixar de cebar e centrarse en facer queixos.
Forraxes propias

Secadeiro de herba mediante aire quente da explotación
A gandería manexa 40 hectáreas de superficie agraria, a metade en propiedade e a outra metade alugada, máis 4 hectáreas de monte. As fincas alugadas cústanlles entre 100 e 500 euros a hectárea, dependendo da calidade da terra, e os contratos son por 10 anos.
A maior parte da superficie está destinada a producir forraxes, como alfalfa ou feno de herba. Fan tamén silo de millo e botan algo de cereais. Josef, o pai de Michael, axúdalle nos traballos agrícolas, que fan con maquinaria propia, e para colleitar o cereal axúdanse mutuamente coa granxa do seu primo.
Dispoñen dun secadeiro con aire para o feno, a través dunha palleira cun dobre teito que se quenta co sol e un ventilador que fai recircular o aire quente cara a parte baixa do almacén. “Facemos un presecado no prado até o 30% de materia seca e logo acabamos de secar no secadoiro. Con isto logramos unha moi boa calidade para o feno. Nesta zona é algo moi habitual e eu creo que é un moi bo alimento para as vacas”, considera Michael.
As vacas máis produtivas reciben un máximo de 6 kg de concentrado
A ración dos animais en lactación está formada por silo de herba (40%), silo de millo (60%), 2 kg de cereal, 2 kg de concentrado alto en proteína (40%) e algo de palla. Ás vacas máis produtivas puntéanas con 2 kg máis de penso nun box, até completar un máximo de 6 kg de concentrado por animal.
As vacas secas comen unha ración feita tamén no carro mesturador con silo de herba e moita palla e teñen saída ao pasto desde a primavera até o outono.
Melloras medioambientais

Estercoleiro da granxa, onde almacenan os restos das camas do gando que despois botan nas terras
As camas das vacas son de palla e teñen que mercar cada ano unhas 80 toneladas de palla porque sementan pouco cereal e non lles chega para cubrir os 200 metros cadrados de cubículos do establo.
Móvense entre 140.000 e 180.000 células. Michael recoñece que aínda que a media está ben, de vez en cando teñen casos puntuais de mamites. “É un establo complicado no verán, porque é moi baixo e vai calor”, explica.
A granxa acolleuse a un bo número de ecorreximes e recibe 20.000 euros cada ano da PAC
O esterco da cama quente almacénano nunha pila e bótano nas terras cando labran os cultivos. O purín aplícano cunha cisterna con tubos colgantes que mercaron o ano pasado entre varias granxas. “Estamos pensando en mercar tamén un separador entre todos”, conta Michael.
O coidado do medio ambiente é unha das súas preocupacións. A granxa da familia Pfaffenbichler participa en moitos ecorreximes e recibe 20.000 euros ao ano de axudas da PAC. Dispoñen de 20 kw de potencia en enerxía fotovoltaica e desde fai máis de 20 anos dispoñen tamén dunha caldeira de biomasa, polo que a única enerxía que mercan é o diésel para o tractor. “A imaxe dos gandeiros de leite é boa, mellor que a que teñen as granxas de porcos e polos”, asegura.
Galego









Control OJD