“Feiradeza será o primeiro certame de gando frisón que se celebra en Galicia tralo inicio da pandemia”

Falamos con Avelino Souto Rozados, responsable da área de Agricultura e Feiras do Concello de Lalín, sobre a organización dunha nova edición do certame de gando frisón Feiradeza, previsto do 10 ó 12 de setembro na capital do Deza e que inclúe destacadas novidades

“Feiradeza será o primeiro certame de gando frisón que se celebra en Galicia tralo inicio da pandemia”

Avelino Souto, con algunhas das tenreiras da súa gandería, situada en Lalín.

Este ano, o certame de gando frisón Feiradeza terá lugar no mes de setembro e será o primeiro concurso destas características que se celebra en Galicia dende o inicio da pandemia. Coñecemos tódolos detalles desta edición da man de Avelino Souto Rozados, concelleiro responsable da área de Agricultura e Feiras de Lalín, departamento que organiza a cita.

Souto, ós seus 22 anos mantén un estreito vínculo con este certame, ó participar dende cativo tanto como manexador como cos animais da súa gandería, cunha ampla traxectoria de recoñecementos. Esta é a primeira edición na que se encarga por completo da organización do certame.

-Como se presenta esta edición de Feiradeza?
-Esta edición vai ser diferente e novidosa. Queremos darlle un cambio ó certame e este ano estamos a dar os primeiros pasos. Aínda hai certa incerteza en canto ás limitacións que haberá debido á evolución da pandemia, pero independentemente diso introducimos novidades. Un dos principais cambios é o traslado de ubicación da pista do certame, tamén contaremos por primeira vez con maquinaria, fixemos varias melloras en temas que afectan ós gandeiros e ós animais participantes. Ademais, por primeira vez, entregaranse as distincións do concurso autonómico de Fefriga.

-Unha das novidades deste ano é o cambio de data, xa que celebrarase do 10 ó 12 de setembro. Por que se acordou este cambio con respecto das últimas edicións?
-Aínda que este ano sexa en setembro, a feira sempre vai ser o primeiro fin de semana completo do mes de xullo. Este ano decidiuse atrasala polo Covid-19. Así, agardamos que para o ano xa poidamos retomar a data habitual.

“O Multiusos Lalín Arena é o espazo ideal para potenciar Feiradeza”

-Tamén hai un lixeiro cambio de ubicación este ano, que mesmo xerou xa certas críticas dende algúns partidos da oposición. A que se debeu esta modificación?
-Decidimos trasladar os actos centrais do certame ó Multiusos Lalín Arena. É un cambio que obedece á nosa aposta por impulsar a feira, xa que queremos que vai tendo máis afluencia de público e participantes, polo que necesitábamos un espazo que se axeitara para iso. O Multiusos Lalín Arena é o espazo ideal para potenciar Feiradeza. Como ben di o nome, é un multiusos e como tódolos Arenas de Europa, son instalacións que acollen diversidade de actividades: dende concertos, galas, eventos deportivos (que representan o 95% da actividade), así como concursos de animais, como os de cans, que xa houbo no Lalín Arena, e agora teremos tamén un de vacas. Creo que non debería xerar maior debate, o resto é parte do xogo político e no que non vou entrar.

-Entón, o traslado para o Lalín Arena non é puntual? Pretendedes seguir mantendo de cara a vindeiras edicións?
-Por suposto, mentres estea ó fronte da organización do certame a miña aposta é por esta ubicación para os actos centrais do certame, porque por agora considero que é a máis adecuada. O gando seguirá estando nas instalacións do Campo da Feira Novo, situadas a carón do Lalín Arena, pero o certame levarase a cabo no multiusos.

“É un gran logro poder contar este ano co Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2021”

-Acolle non só o certame de Feiradeza, senón o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2021, que se celebrara en Silleda noutras edicións. Hai intención de que se manteña tamén vinculado a Feiradeza este certame?
-Este ano tivemos a oportunidade de acoller o certame de Fefriga, logo de negociacións e de alcanzar un consenso. É un gran logro poder contar con este certame, que nos axuda a potenciar Feiradeza. En vindeiras ocasións non podo garantir que se vai celebrar en Lalín, xa que non depende só de min, a decisión está condicionada por distintos factores e hai outros municipios interesados.

-E na organización máis en detalle do certame Feiradeza, con cantos animais agardan contar este ano?
-Tivemos aberto o prazo de inscrición ata o día 29 de xullo. As previsións son bastante boas xa que a xente está moi animada para retomar os concursos. Feiradeza será o primeiro certame de gando frisón que se celebra en Galicia tralo inicio da pandemia e o segundo en España.

Polo momento temos xa confirmadas ganderías coruñesas de Zas, Mazaricos, Santa Comba, así como da zona de Lugo procedentes da Pastoriza, e ganderías da comarca do Deza habituais dos certames, como Gandería Rato, Casa do Rei ou Manteiga, entre outras.

A poxa é outro dos aspectos que queremos potenciar, por iso a pasamos ó domingo pola tarde e teremos animais de alta calidade

-Contades para esta edición de novo con colaboración da Finca Mouriscade?
-Viña sendo habitual que para Feiradeza houbese colaboración por parte da Deputación de Pontevedra a través da Finca Mouriscade e nesta ocasión aínda máis, posto que xa se comprometeron a proporcionar alomenos 10 exemplares para a poxa, ademais de premios para os gandeiros. É moito de agradecer que contemos con estes animais de tan boa calidade procedentes de Mouriscade, porque cabe recoñecer que se estes animais estivesen en ganderías sería máis difícil que se chegasen a poñer á venda, polo alto valor que teñen para as granxas. A poxa é outro dos aspectos que queremos potenciar, por iso a pasamos para o domingo á tarde e teremos animais de alta calidade.

-Hai cambios tamén na propia organización do concurso en cuestións que afecten directamente ós gandeiros con respecto dos últimos anos?
-Aumentamos moito tanto os premios como as axudas á participación. Ademais imos traer peladores máis profesionais que en anos anteriores. Outra das novidades neste ámbito é que as vacas van entrar no recinto feiral xa o venres pola mañá e esa mesma tarde xa se vai ter actividades. Este ano o concurso das becerras vai ser xa o sábado en quenda de mañá, no canto de pola tarde, como era o habitual.

“Incrementamos os premios por seccións para que participar en Feiradeza non supoña para os gandeiros un gasto extra, cando sirven de referencia para o sector”

-Que axudas percibirán os gandeiros que participen?
-Os participantes van recibir 150 euros por vaca e 75 por cada becerra. Tamén imos incrementar os premios por seccións. O obxectivo con estes incrementos é que participar en Feiradeza non supoña para os gandeiros un gasto extra, xa que estes animais serven de referencia para o sector. Tentamos, alomenos compensar o gasto que supón que veñan participar, para que todo o sector poida gozar dun día de concurso.

-Que orzamento manexades este ano para Feiradeza?
-Este ano o orzamento é bastante máis elevado que noutras edicións e imos manexar arredor de 80.000 euros. Hai que ter en conta que tamén contamos coa colaboración de Fefriga, o Concello y empresas colaboradoras.

-Inclúese un certame de manexo de tractores antigos, que nos pode adiantar desta sección?
-Aínda que este ano aínda sexa dun xeito modesto, imos tentar ter xa maquinaria e tamén tentaremos levar a cabo un concurso de tratoristas, que se fará o sábado ás 16.30 horas e que tamén levarán premio.

“Tentamos profesionalizar Feiradeza e ó mesmo tempo conseguir achegala á poboación en xeral”

-Haberá tamén unha parte dedicada a maquinaria, que tipo de maquinaria agardan ter exposta?
-Teremos maquinaria exposta nos exteriores do Lalín Arena e o campo da Feira Novo e haberá un stand para cada unha desas empresas. A maiores, no interior tamén haberá outros stands do sector, xa non so de maquinaria senón tamén de empresas de enerxía, de venta de seme, de sementes… Tentamos profesionalizar Feiradeza e ó mesmo tempo conseguir achegala á poboación en xeral. Así, tamén teremos xogos para os cativos, con monitores, na tarde do sábado e o domingo pola mañá. Teremos outras actividades relacionadas co leite e o gando, para que serva de aproximación ós máis novos, mentres os adultos se interesan polas actividades programadas e os stands.

-En que medida condicionou o Covid-19 esta cita?
-Polo momento xa nos fixo cambiar a data habitual. Ademais, é tradición que Feiradeza remate cunha comida de fraternización entre os gandeiros participantes. Aínda que está prevista facela, o coronavirus fai que estea no aire. Tamén temos que controlar os aforos, polo que establecemos só dúas entradas para telas controladas e poder levar un seguimento do número de asistentes que hai en todo momento, para limitar o acceso cando se exceda do permitido. Neste sentido, imos enviar invitacións ós gandeiros para garantir que eles poidan asistir xa que, aínda que queremos que o resto da sociedade tamén atope neste certame unha aproximación á gandería de vacún frisón profesional, temos que priorizar que os gandeiros poidan, polo menos, asistir a aquelas seccións, como o concurso ou as poxas, que máis interese teñan para eles.

-Logo da polémica que se suscitou na última edición, cando unha das vacas da súa gandería familiar, gandería Midón, resultou gañadora do certame, valorades participar este ano en Feiradeza?
-No 2019, cando se suscitaron esas críticas por parte da oposición, xa o comité organizador me amosou o seu apoio e propuxo saír na miña defensa. Agora volveron reiterarme o seu apoio. Todo o mundo do sector gandeiro sabe ben como funcionan os concursos e que esa decisión non foi amañada, o que quedou demostrado cando a vaca volveu gañar nun certame tan importante como o de Asturias. Este ano volverán participar vacas da gandería familiar, si é certo que eu non vou participar e pasear as vacas, vou a estar colaborando na organización, con roupa de traballo e apoiando este certame. Non vou pasear as vacas para evitar certas polémicas, aínda que tamén podo adiantar que este ano non vou gañar, xa que non temos ningunha vaca para gañar.

“No 2020, concedéronse máis de 20 licenzas para granxas, o que evidencia o puxante que é o sector en Lalín”

-Á marxe de Feiradeza, que medidas de apoio ao sector primario tedes impulsado dende o departamento de gandería no Concello de Lalín?
-Un dos aspectos que puxemos en marcha e que está funcionando moi ben é o sistema para conceder licenzas para actividades agrogandeiras e que se está impulsando non só en Lalín senón en distintos concellos. Así é que, o ano pasado se tramitaron en tempo todas aquelas licenzas que estaban pendentes de acceder a subvencións. O ano pasado concedéronse máis de 20 licenzas para granxas, o que evidencia o puxante que é este sector na capital do Deza. Ademais, dende o Concello impulsamos, en colaboración con Xuncoga, un servizo de substitucións para os gandeiros.

Tamén estamos a colaborar coa Sociedade de Caza de Lalín e estamos pendentes de asinar un convenio para o control de fauna como o xabaril, dados os importantes danos que está a causar tanto a gandeiros como a agricultores.

Ademais, aínda que as competencias municipais neste senso son limitadas, estamos asesorando e orientando á xente que se achega ás dependencias municipais con interese por temas agrarios ou gandeiros. Temos unha oficina no Concello dedicada a estes temas. É unha xestión que moitas veces asumo persoalmente, porque me gusta poder axudar á xente nun ámbito que me apaixona e do que tamén teño certos coñecementos.

-A nivel autonómico e político, hai poucos días Feijoo confiábache unha nova responsabilidade dentro do Partido Popular ó nomearte novo responsable de coordinar a área de Medio Rural. Como asumes esta nova responsabilidade?
-A verdade é que aínda non aterrei no cargo, pero síntome fondamente agradecido de que pensaran en min e que ademais queiran que esta tarefa a asuma unha persoa que estea vinculada estreitamente ó sector como é o meu caso, xa que a pesar das responsabilidades municipais, eu sigo levantándome e muxindo as vacas, atendendo os animais… Gustoume moito que a maioría das felicitacións que tiven foran do sector gandeiro e non só de Lalín, senón de todo Galicia e mesmo de fóra. Dende un punto de vista político, proporcióname unha gran ledicia contribuír a trasladar que no Partido Popular tamén hai xente do rural, xente con ganderías, xa que os partidos de esquerdas venden que só eles son os do rural, e esta é unha demostración de que non é así.

“Na xestión da fauna salvaxe a xente dos territorios que conviven con estes animais teñen moito que aportar e son parte da solución”

-En que aspectos queres centrarte?
-Entre as miñas prioridades atópase un tema complexo, pero que é preciso abordar: o abandono do rural. Creo que para combatelo hai que apostar por fomentar proxectos que xeren oportunidades de calidade e rendibilidade no rural. É un gran reto.

Outro dos temas que me preocupa é a xestión da fauna salvaxe, como o xabaril, que en zonas como o Deza está a causar grandes estragos; pero tamén o lobo. Aínda que poida xerar controversia, creo que na xestión desta fauna a xente dos territorios que conviven con estes animais teñen moito que aportar e son parte da solución, polo que hai que escoitalos. Ademais dos problemas que o aumento desta fauna está a xerar nas ganderías, estes danos desmotivan ós gandeiros a seguir e ós mozos a iniciarse nesta actividade, e contribúen ó abandono do rural.

Tamén quero apostar por seguir impulsando a profesionalización do sector, sen que isto implique unha aposta por granxas cada vez máis grandes, senón profesionais en canto á formación. Aínda que se mellorou moito, considero que é preciso seguir nesta liña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información