A 39ª edición de Feiradeza será a precursora da FestaDeza, un evento reivindicativo do sector agrogandeiro. O evento celebrarase os días 7, 8 e 9 de xuño no espazo do Lalín Arena (Lalín, Pontevedra) e presenta numerosas novidades. O director xeral de Gandería, José Balseiros; o deputado de Pontevedra de Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela; o presidente de Africor Pontevedra, Jesús Manteiga, e os concelleiros lalinenses Avelino Souto, Marcos Mariño e Paz Pérez, foron os encargados de presentar todas actividades que se celebrarán.
Souto recalcou que “buscamos ir máis alá dos concursos, queremos que sexa unha fin de semana de reivindicación do sector agrogandeiro”. Así mesmo, o concelleiro de Agricultura, Marcos Mariño, indicou que pretenden que sexa a festa o agro máis grande de Galicia e tamén do territorio español. Pola súa banda, Cubela indicou que “pode ser un grande evento que impulse ao sector e aos produtores, que lles axude a achegarse á cidadanía”. Finalmente, Balseiros felicitou a organización, “que xa me avisaron que lle darían un xiro a este evento” e anunciou que será “unha gran cita para o sector”.
Programa
Venres
Pola mañá entrarán os animais, montaranse os stands e colocarase a maquinaria que formará parte da exposición. Como novidade, este ano contaranse coas empresas TLM, Talleres Jomabe, Maxideza, Blanco y Oro e Hermanos Toimil. A exposición estará durante toda a fin de semana na contorna do Lalín Arena, “para que todas as persoas poidan observar as novidades tecnolóxicas que hai a día de hoxe”, puntualizou Mariño.
Pola tarde, celebrarase o XXIX Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. O encargado de xulgar o concurso, e todos os demais que se celebren na fin de semana, será o xuíz de CONAFE Julián Rodríguez. Ademais de nomear aos gañadores, elixiranse aos vencedores do Concurso de Clun, que asistirán ao The Young Breeders School (YBS) en Bélxica.
Sábado
A cita do sábado comezará co concurso das xatas e xovencas para escoller as campioas de Feiradeza e Open Internacional, posto que participan animais nados en toda Galicia, noutras Comunidades e tamén noutros países.
Pola tarde, ás 16:00 horas terá lugar o concurso de manexo de tractores, “co que buscamos facer algo similar a Estados Unidos, meterlle máis emoción”, resaltou Mariño. Así, para motivar á participación, indican que haberá premio para os tres primeiros de 600 euros patrocinado por Maxideza.
Ás 18:00 será a quenda da mostra da raza Limosina e ás 19:00 horas o concurso de vacas de leite. “Este ano tomamos a decisión de facelo pola noite para darlle un xiro”. Así, a partir das 21:30 horas serán as finais “cun grande espectáculo que só se poderá ver en directo”. Tamén contarán con aperitivos para todas as persoas asistentes.
Durante a xornada haberá unha proba de rodeo americano, ao que invitan a participar a todas as persoas, xa que haberá un premio para a que máis aguante. E para finalizar a xornada haberá música en directo ata altas horas.
Domingo
Ás 11:00 horas terá lugar o Concurso de Novos Manexadores, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros. Seguido será a XV Poxa de gando frisón na que sairán uns 20 animais.
Para finalizar o evento será a entrega de premios, os sorteos e o acto de clausura.
Dende a organización recalcan que é “un grande evento, con moitas novidades, aberto para todo o público e de todas as idades”.
“O atractivo do agro galego para investimentos aumenta polo impacto do cambio climático noutras rexións”
Durante a rolda de prensa, Balseiros fixo unha reivindicación para que dende as administracións traballen xuntas para empoderar aos sectores do rural galego. “Cada vez máis xente nova entende a importancia que ten saber de onde sae o leite porque aínda hai persoas que pensan que o leite sae dos almacéns dos supermercados”. Nese sentido, puxo de manifesto a importancia que teñen eventos coma o que se celebrará en Lalín.
No mesmo sentido, indicou que Galicia “ten unha enorme oportunidade para converterse na gran horta de España e Europa. Para iso axudaranos o cambio climático”. Lembrou que recentemente tivo unha reunión en Madrid con compañeiros de diferentes Comunidades Autónomas “nas que están sacrificando animais porque non teñen auga para darlles de beber”. E indicou que en Galicia iso non pasa, nin pasará por uns anos. En canto ao viño, destacou que en Cataluña, por exemplo, está a haber grandes problemas de seca.
Ante esta situación, puxo de manifesto que industrias leiteiras ou bodegas recoñecidas “están a facer inversións tremendamente millonarias en Galicia, porque claramente aquí temos futuro. O futuro do leite vai estar aquí e o dos viñedos tamén”, indicou o director xeral. Engadiu que “se as principais industrias veñen a facer inversións a Galicia é porque saben aquí vamos ter anos de choivas e condicións climáticas e de solo que permitirán que froitos coma os vermellos (amorodos, arandos, cereixas…) aquí darán altas producións”.