Clun empezará este ano a exportar a China os postres de Clesa e o leite Unicla

Clun pon as súas expectativas en China e en produtos lácteos diferenciados. Este ano prevé empezar a exportar ao xigante asiático o leite Unicla e os postres lácteos de Clesa. Considera que “a marca de garantía pública Galicia Calidade é unha ferramenta estratéxica de cara ao consumidor internacional”

Clun empezará este ano a exportar a China os postres de Clesa e o leite Unicla

Pablo Gómez, responsable da división de lácteos de Clun, cos produtos da cooperativa amparados por Galicia Calidade

Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) pon as súas expectativas de crecemento na venda de leite e de derivados lácteos sobre todo nos mercados internacionais e na aposta por produtos de valor engadido e de calidade diferenciada co selo Galicia Calidade.

A gran cooperativa láctea galega, que naceu en novembro do pasado ano a partir da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, prevé que este ano as exportacións cheguen a representar o 10 % do total das vendas e medren a un ritmo de dous díxitos durante os próximos anos.

Así o asegura Pablo Gómez, responsable da división de lácteos de Clun, quen asumiu esta responsabilidade despois do éxito acadado no reflotamento de Clesa, tamén propiedade das cooperativas lácteas galegas.

Clun pon as súas expectativas en China e en produtos lácteos diferenciados

Clun espera introducir este ano no mercado chino as súas marcas Clesa e Únicla, e que as exportacións representen ata o 10% das vendas.

A cooperativa prevé facturar preto de 200 millóns de euros, e agrupa actualmente a uns 3.500 socios que producen arredor do 20% do leite de Galicia. A división de lácteos representa a metade da facturación, correspondendo 70 millóns a produtos de longa vida (leite UHT fundamentalmente) e 30 millóns a iogures e produtos refrixerados.

A exportación, clave para o futuro de Clun

Neste sentido, a estratexia de Clun para a súa división de lácteos é seguir incrementando nos próximos anos as exportacións fóra da Unión Europea. Actualmente Clun conta con tres marcas de referencia: Feiraco, a marca de leite líder en Galicia; Únicla, o seu leite premium, e Clesa, coa súa ampla gama de iogures e postres lácteos. As vendas destas dúas marcas Únicla e Clesa, veñen medrando dous díxitos nos últimos anos, repartíndose a partes iguais entre Galicia e o resto do mercado español.

Sen embargo, as principais expectativas de crecemento de Clun están fóra de España. “O consumo de leite en Europa decrece e os datos indican que seguirá baixando, pero se vemos a nivel internacional, a perspectiva é que o consumo medrará entre o 1 e o 2% anual”, explica Pablo Gómez. “Queremos apostar por ese mercado internacional con produtos lácteos diferenciados, chegar a ese mercado crecente é clave para o noso desenvolvemento”, recoñece o responsable da división de lácteos de Clun.

Dentro da aposta de Clun polos mercados internacionais, China é un dos países onde concentra maiores esforzos. O salto ao mercado chinés comezou a traballarse no ano 2015 coa apertura dunha oficina en Shanghái a través do Clúster Alimentario de Galicia, logrando hai un ano que as negociacións frutificaran cun importador de Pekín.

Pablo Gómez: “Temos grandes expectativas no mercado chinés”

“China é un país deficitario de leite e que valora moito o produto de orixe europea polas súas garantías de calidade, e por iso temos grandes expectativas nese mercado”, explica Pablo Gómez.

De feito, Clun prevé ampliar este ano a gama de produtos que envía a China incorporando a marca Únicla. Para iso están a traballar en envases innovadores que lles permitan alongar a vida dos produtos e poder salvar as distancias entre Galicia e China.

“No caso de Únicla trátase dun leite UHT premium, con galardóns polo seu sabor e a súa calidade, así como polo alto nivel de benestar animal das granxas que o producen, sendo as únicas certificadas coa ISO 22000; e todo iso require un esforzo para explicarllo ao consumidor doutros países, que estou seguro que valorará esta calidade diferenciada e nos permitirá seguir incrementando as vendas a un ritmo anual de dous díxitos”, explica Pablo Gómez.

Produtos diferenciados e benestar animal

Outra liña estratéxica na que está a traballar Clun é na sustentabilidade, no benestar das súas vacas e na redución da súa pegada de carbono, para ser líderes no sector en canto a respecto e coidado do medioambiente e do benestar animal.

A innovación permanente fan da calidade a pedra angular das súas marcas comerciais. Por todo isto, os seus produtos están avalados polos máximos recoñecementos de estándares de calidade: Galicia Calidade, Galega 100%, as certificacións ISO 9001, ISO 22.000 para as súas granxas, e a máis recente, o certificado AENOR en Benestar Animal, que deixa patente a súa aposta polo coidado dos animais como parte fundamental da estratexia para mellorar a calidade dos seus lácteos.

“Somos a única empresa que ten granxas certificadas con selo de benestar animal e ademais levamos anos investigando no desenvolvemento de envases máis ergonómicos e que reduzan a súa pegada de carbono”, afirma.

O valor engadido de ser unha cooperativa

Estas dúas liñas estratéxicas -aposta pola exportación e por produtos diferenciados- compleméntase coa posta en valor do carácter cooperativo de Clun.

“Para nós é unha fortaleza que sexamos unha cooperativa e que os gandeiros socios podan recoller os froitos e teñan un retorno a esta aposta por darlle maior valor engadido ao leite”, destaca.

Pero tamén subliña que dende o punto de vista técnico é unha fortaleza o carácter cooperativo de Clun. Pon como exemplo o leite Únicla, onde “grazas a traballar cos gandeiros podemos dirixir directamente a innovación e a través dunha alimentación diferenciada lograr un produto de alto valor engadido, recoñecido a nivel internacional”. “Unha alimentación -salienta- que simula o leite dos pastos verdes de Galicia, pero para todo o ano”.

A importancia do selo Galicia Calidade

Todos os produtos de Clun están amparados por Galicia Calidade, sendo Feiraco unha das pioneiras en incorporarse a este selo de garantía de calidade nos anos 90.

As claves desta relación frutífera de máis de vinte anos detállaas Pablo Gómez: “Galicia Calidade é un selo moi fácil de identificar e que o consumidor valora claramente como produto de valor engadido e de calidade diferenciada. Pero sobre todo é coherente co posicionamento de Clun como cooperativa, porque o que vimos facendo coas nosas marcas é apostar pola calidade de principio a fin: do campo ata a mesa, ata o consumidor final”.

Como retos para o futuro, o responsable da división de lácteos de Clun destaca que “ademais de seguir mantendo os estándares de calidade, penso que Galicia Calidade ten que acompañarnos nas accións de promoción cun maior dinamismo no mercado internacional”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información