A Feira do Viño do Ribeiro regresa a finais de maio adaptándose á nova situación sanitaria

Publicidade
A Feira do Viño do Ribeiro regresa a finais de maio adaptándose á nova situación sanitaria

A organización da Feira do Viño do Ribeiro (Concello de Ribadavia e CRDO Ribeiro) comunica que a presente edición, que será a número 58, trasladarase a data de celebración do evento ata a derradeira fin de semana do mes de maio, os días 28, 29 e 30 de maio de 2021. O evento en circunstancias normais debería ter lugar os vindeiros días 1 e 2 de maio de 2021.

Este ano, debido á situación COVID, a principal novidade será a celebración da feira nun formato “híbrido”, na que se combinará un completo e variado programa de actividades presencias con aforo reducido e controlado, cunha aplicación de internet na que se terá toda a información tanto das adegas e colleiteiros participantes como da programación. Varias destas accións serán retransmitidas a través da aplicación para que calquera persoa, independentemente do lugar do mundo no que se atope, poda seguir e coñecer o que se leva a cabo na feira.

A organización pretende ser pioneira dentro dos eventos enoturísticos e gastronómicos, ao lanzar esta aplicación e empregar as novas tecnoloxías para dinamizar a Feira do Viño do Ribeiro e tratar de poñer en valor o traballo e o viño das adegas e colleiteiros do Ribeiro.

“Todos os acesos e aforos das actividades presenciais estarán controlados, sinalizados e debidamente revisados e desinfectados, a través dun meticuloso plan de protocolo de actuación o cal xa se está a estudar e planificar”, salientan dende a organización.

Por outra parte, xa está aberto o prazo de inscrición para que todas as adegas e colleiteiros interesados se anoten para participar na 58ª Feira do Viño do Ribeiro, prazo que finalizará o venres día 30 de abril.

Nos vindeiros días daranse a coñecer máis novidades e información sobre o evento. Mentres tanto, poderase seguir toda a información sobre a Feira do Viño do Ribeiro na web www.feiravinoribeiro.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información