A Feira do Viño de Valdeorras “evoluciona para medrar”

Así o afirmou o presidente do Consello Regulador, Marcos Prada, ao presentar as novidades no programa da súa vindeira edición perante os medios

Publicidade

presentacion feira vinho valdeorras 26A Feira do Viño de Valdeorras trasladarase ao Campo da Festa no Paseo do Malecón do Barco de Valdeorras na súa XXVII edición, que se celebrará entre os vindeiros 29 e 31 de maio. Un espazo “máis céntrico e accesible, pensado para abrir máis o evento tanto aos visitantes como as veciños”. Así o confirmou esta mañá perante os medios de comunicación o presidente do Consello Regulador, Marcos Prada, nunha comparecencia na que tamén participou o alcalde do Barco, Tino Alonso. Prada asegurou que malia que a feira “é xa unha cita plenamente consolidada no calendario enogastronómico galego, segue a ser un evento que cada ano evoluciona para medrar”.

O foro arrincará por vez primeira na tarde do venres desde que se celebra no Barco, o que supón unha ampliación do formato habitual. Segundo explicou o presidente do Consello Regulador, esta decisión permitirá “alongar a experiencia para que os visitantes se acheguen ao Barco de Valdeorras e gocen dos nosos viños”.

Ampla resposta do sector

O presidente do Consello Regulador puxo en valor a boa resposta do sector, cun total de 22 adegas participantes, “a cifra máis alta, cando menos, da última década”, o que reflicte, dixo, a forza dun ámbito de actividade “que cre no seu produto e aposta por iniciativas” como a que propón esta feira.

Prada lembrou tamén os bos resultados da pasada edición, con máis de 3.500 visitantes e arredor de 22.000 copas servidas, e marcou como obxectivo “medrar en participación, pero tamén en calidade da experiencia”.

A feira desenvólvese ademais nun ano simbólico, o 80 aniversario da D.O. Valdeorras, “oitenta anos de historia, esforzo colectivo e defensa dun produto e dun territorio que hoxe están máis vivos ca nunca”, segundo sinalou.

Baixo o lema “Regodéllate co godello, 100% de Valdeorras”, o presidente do Consello Regulador presentou tamén o cartel ilustrador do evento que mestura terra, identidade e cultura co viño. Malia que a imaxe está centrada no godello, Prada afirmou que na feira haberá espazo para presentar diversas referencias elaboradas a partir doutras variedades de uvas brancas, e tamén tintas, amparadas polo selo de calide do Conselo Regulador.

O presidente da D.O. agradeceu tanto ao Concello do Barco de Valdeorras como á Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural e da Axencia Turismo de Galicia, o seu firme apoio ao evento.

Neste sentido e pola súa banda, o alcalde do Barco, Tino Alonso, afirmou que os barquenses perciben a feira “como algo propio”. Que a promoción dos “nosos viños se faga na nosa propia casa” é “un privilexio que nos fai sentir moi orgullosos”.

Avance do programa

A feira comezará co acto institucional de inauguración e co pregón, previsto para o venres 29 de maio ás 19,30 horas. O horario da feira abranguerá das 19,30 horas ás 00,00 horas da tarde do venres; o sábado, 30, en sesión de mediodía, de 12,00 a 15,00 horas, e de tarde-noite de 20,00 a 00,00 horas; e o domingo de 12,00 a 16,00 horas.

A feira compleméntase cunha coidada proposta de actividades paralelas gastronómicas -pulpo, churrasco, paella, embutidos…- e de lecer. Na zona verde do Malecón, a carón do río, habilitarase un espazo para catas, con actividades como unha degustación de viños de Valdeorras maridados con delicatessen galegas o sábado ás 20:00 horas, e un showcooking do recoñecido chef galego Jose Manuel Mallón ás 21:30 horas. Xunto a isto, unto a isto, no xardín botánico desenvolveranse actividades pensadas para o público infantil, con propostas lúdicas e educativas relacionadas coa viticultura, convertendo así a feira nun evento para todos os públicos.

Non faltará a música. A programación musical contará co Grupo América o venres ás 23:00 horas, coincidindo ademais co seu 50 aniversario, e coa orquestra Olympus o sábado á mesma hora. Tamén durante a fin de semana haberá charangas animando o ambiente como Charandonga, o sábado, ou charanga Terras do Bibei, o domingo.

Bodegas participantes

Listado de adegas Participantes:

  • A Cova da Xabreira

  • Adega A Bágoa

  • Adega A Coroa

  • Adega Alan de Val

  • Adega Arnadoval

  • Adega Melillas – Lagar do Cigur

  • Adega O Casal

  • Adega O Cepado

  • Adega Quinta da Peza

  • Barón do Sil

  • Bodega Cooperativa Jesus Nazareno

  • Bodega Godeval

  • Bodega Hacienda Ucediños

  • Bodega Roandi

  • Bodega Sampayolo

  • Bodega Santa Marta

  • Bodegas Blare

  • Cía. Vinos Telmo Rodriguez

  • D´Berna

  • Terriña

  • Viña Costeira

  • Virgen del Galir

cartaz feira vinho valdeorras 26

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información