A XIX Feira do Viño de Monterrei volverá converterse no epicentro da promoción dos viños da Denominación de Orixe Monterrei cunha nova edición dun evento que nos últimos anos se consolidou como unha das principais citas enogastronómicas de Galicia. O evento terá lugar 7 ao 9 de agosto en Verín.
Durante tres xornadas, visitantes chegados de distintos puntos de Galicia e do norte de Portugal poderán degustar os viños elaborados polas adegas amparadas baixo o selo de calidade da DO Monterrei. A organización destaca que a feira volverá combinar a oferta vitivinícola cun programa de actividades culturais e de lecer que se dará a coñecer nas próximas semanas.
A feira medrou de maneira constante nas últimas edicións, tanto en afluencia de público como no número de degustacións servidas. Uns datos que, segundo o Consello Regulador, reflicten o crecente interese polos viños da denominación e reforzan o papel desta cita como unha ferramenta de promoción tanto dos produtos vitivinícolas como do territorio.
O evento constitúe un dos principais escaparates para as adegas da denominación, que aproveitan a celebración para dar a coñecer as súas referencias entre consumidores, profesionais e visitantes. Ao mesmo tempo, a feira contribúe a dinamizar a actividade económica e turística da comarca de Monterrei, coincidindo cun dos períodos de maior afluencia de visitantes do verán.
A organización confía en que esta décimo novena edición manteña a tendencia ascendente dos últimos anos e continúe reforzando a imaxe dos viños da DO Monterrei, unha das denominacións de orixe galegas que máis crecemento experimentou na última década. A programación completa da feira, incluídas as actividades culturais e musicais que acompañarán as degustacións, darase a coñecer proximamente.

Galego









Control OJD