A Feira do Viño de Monterrei será virtual

O Consello Regulador decidiu cancelar este ano a colocación de casetas en Verín. A denominación de orixe promoverá un concurso en redes sociais e unha campaña de contidos

Publicidade
A Feira do Viño de Monterrei será virtual

O pleno do Consello Regulador de Monterrei decidiu reformular a súa Feira do Viño, que se celebra o segundo fin de semana de agosto, ante a situación de crise sanitaria provocada polo COVID-19 e os rebrotes que se están sucedendo nas últimas semanas.

En lugar das tradicionais casetas das adegas situadas na praza da Alameda de Verín, nesta edición a conmemoración da cita vitivinícola por excelencia da comarca trasladarase ao mundo virtual. “Esperouse até o último momento para tomar a decisión, foi moi meditada e tristemente a realidade obrigounos a trasladar a nosa feira ao mundo virtual co obxecto de respectar a distancia social e ser, por tanto, prudentes e responsables coa sanidade pública, xa que na última edición superamos os 30.000 visitantes”, destaca a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva.

Con todo, e para seguir revalorizando o esforzo e traballo dos viticultores e adegueiros que conforman a denominación, “decidiuse realizar unha importante campaña en redes sociais, que se estenderá ao longo de varias semanas, para que os consumidores non se esquezan da nosa cita vitivinícola, que se recuperará no 2021, e sigan apostando por Monterrei nas súas mesas”, manifesta a presidenta.

Concurso en redes sociais #BrindoconDOMonterrei
Entre as iniciativas que se realizarán atópase o concurso #BrindoconDOMonterrei. O mesmo realizarase durante o próximo fin de semana, coincidindo coa data na que ten lugar a Feira do Viño. O concurso, que se levará a cabo na rede social Facebook, busca que se suban fotos de brindes con viño da denominación, etiquetando ao D.O. Monterrei e usando o hashtag #BrindoconDOMonterrei.

Entre todos os participantes sortearanse estuches de viño xenérico e visitas a adegas de Monterrei, entre as que participan Gargalo, Viños Lara, Triay, Tapias Mariñán, Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Estela do Val, Daniel Fernández e Quinta Soutullo (previa cita concertada coa adega e cumprindo todas as medidas hixiénico-sanitarias establecidas).

Así mesmo, realizaranse post sobre adegas da denominación, vídeos recordatorios da celebración, coa participación de membros da Confraría dos Viños de Monterrei, entre outras cuestións. “Todo co fin de lembrar que somos unha gran familia, e que o próximo ano volveremos con máis ilusión se cabe e moito máis fortes”, conclúe Lara Da Silva.

Ademais, lembra a presidenta que a cita con Monterrei este ano non estará do todo incompleta, xa que como estaba previsto desde inicio de ano, a celebración da Confraría dos Viños de Monterrei trasladarase, de ser posible, para o mes de decembro. “Esta decisión foi proposta ao Pleno do Consello Regulador a principios do 2020, co obxectivo de deslocalizar da feira dita actividade, xa que a evolución da nosa cita vitivinícola foi tal que era necesario darlle o seu sitio propio no calendario”, finaliza a presidenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información