A Feira Rural de San Sadurniño reunirá os mellores exemplares do Can de Palleiro

O evento, que se celebra o 29 de agosto, acolle o XXXIX Monográfico da raza, que xuntará exemplares de toda Galicia nun concurso puntuable para os trofeos anuais

A Feira Rural de San Sadurniño reunirá os mellores exemplares do Can de Palleiro

A Feira Rural de San Sadurniño volverá converterse o vindeiro 29 de agosto nun punto de encontro para os amantes do Can de Palleiro. O Club Raza Can de Palleiro organizará, no marco da 29ª edición do concurso monográfico de morfoloxía, unha nova cita na que se premiarán os exemplares que mellor representen o estándar oficial desta raza autóctona galega.

O certame, que comezará ás 16:30 horas coa inspección veterinaria, dará paso media hora despois ás probas morfolóxicas nun ring valado duns 150 metros cadrados, situado xunto ao camiñante “Andimundi” da Cortiña.

A competición contará con categorías diferenciadas para machos e femias: moi cachorros, de 3 a 6 meses; cachorros, de 6 a 9 meses; xuvenís, de 9 a 18 meses, e adultos, para exemplares de máis de ano e medio aptos para a reprodución. Tamén haberá unha categoría específica para animais que xa obtivesen campionatos en edicións anteriores. Entre todos os participantes escollerase, ademais, o mellor exemplar do concurso.

As probas non se limitan á aparencia dos animais. O xurado avaliará aspectos como a estrutura ósea e muscular, as proporcións, a cabeza, o pescozo, o tronco, as extremidades e os seus aplomos. Tamén se analizarán o movemento, que debe ser áxil e forte, e as características do manto, ademais da capa, as cores admitidas e o tamaño.

Para participar é imprescindible que os animais estean inscritos no Libro Xenealóxico da Raza, baixo a supervisión do Club Raza Can de Palleiro. No caso dos exemplares adultos, deberán contar ademais coa cualificación de aptitude para a reprodución segundo os estándares morfolóxicos establecidos.

Inscrición aberta ata o 25 de agosto
A participación no concurso é gratuíta, pero é necesario formalizar a inscrición antes das 00:00 horas do 25 de agosto. As persoas interesadas poden facelo a través do formulario habilitado pola organización, do correo electrónico candepalleiro@clubcandepalleiro.com ou mediante WhatsApp no número 604 074 618, exclusivamente por mensaxería, xa que non se atenden chamadas.

Na solicitude deberán achegarse os datos do animal —nome, microchip, data de nacemento, sexo e cor da capa— e os datos da persoa propietaria, incluídos NIF, enderezo, teléfono e correo electrónico. Tamén será necesario ter actualizada a cartilla sanitaria do can ou cadela.

O XXXIX Monográfico Can de Palleiro será puntuable para o trofeo anual da raza e servirá tamén para poñer en valor unha raza autóctona galega que durante décadas estivo asociada á figura do tradicional “can de palleiro”. Ademais, ao igual que o resto de certames organizados polo club, rexerase pola normativa de concursos de morfoloxía da Real Sociedade Canina de España.

Máis información

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información