A Feira Rural de San Sadurniño contará este ano con 65 postos na súa 17ª edición, que se celebrará o sábado 29 de agosto na leira da Cortiña, á beira do río Xubia. A Área de Desenvolvemento Local acaba de publicar a listaxe definitiva de participantes, na que predominan os expositores agroalimentarios e artesáns, xunto con propostas vinculadas á dinamización e sustentabilidade do medio rural.
En concreto, rexistráronse 26 solicitudes de postos agroalimentarios, 17 de artesanía e 11 para a venda de artigos de segunda man. A estas súmanse dous viveiros de planta e flor, un expositor de maquinaria, catro entidades asociativas e outros catro postos relacionados coa dinamización rural e a sustentabilidade.
Os participantes deberán acceder ao recinto no horario que lles foi asignado para facilitar a montaxe e evitar aglomeracións de vehículos. Os sendeiros da leira non poderán utilizarse para descargar material a partir das 10:15 horas. Para entrar será necesario presentar o xustificante do pagamento da taxa correspondente.
A feira abrirá ao público pola mañá e manterá actividade ata pasadas as 20:00 horas. Ademais da variedade de produtos á venda, o programa inclúe visitas ao colmear didáctico e á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, con prácticas de poda e enxertado, así como dúas buscas do tesouro familiares e descensos en kaiak polo Xubia.
Tamén se celebrará o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, haberá sorteos de lotes de produto local, degustación e venda de produtos da Fusquenlla, charanga e charlas da divulgadora agroecolóxica Nuska Chousa. O concurso de froita desenvolverase durante a mañá e a inscrición deberá facerse o propio sábado.
Galego









Control OJD