
Imaxe dunha edición anterior da feira antes da covid-19
Cita esta fin de semana co mel da montaña de Lugo. O vindeiro domingo 31 de outubro celebrarase a IV Feira do Mel no concello de Baleira. O encontro de abelleiros e clientes terá lugar na capital municipal, o Cádavo, durante todo o día. A apertura da carpa onde se situarán os produtores da comarca terá lugar ás 10 da mañá. Desde as 11 até a 1 do mediodía celebraránse tamén obradoiros de degustación e cata de mel e ás 12 será o espectáculo de Mamá Cabra dirixido a público infantil e familiar.
Pero as actividades relacionadas coa apicultura e a produción de mel comezarán xa o día antes. En concreto, o sábado 30 celebrarase unha charla técnica sobre As novas enfermidades das abellas, impartida por Alberto Uría de El país del Abeyeiro.
É a cuarta edición desta feira do mel impulsada desde o GDR Montes e Vales Orientais para fomentar e apoiar a produción de mel na montaña lucense, coa incorporación ao sector de novos produtores que apostan pola profesionalización, o mel de calidade e pola diversificación da súa produción.
Primeira Xornada de Degustación da Tenreira dos Ancares
Na primeira fin de semana de novembro celébrase un ano máis, no polideportivo do Colexio de San Román, en Cervantes, a IX Feira de Artesanía. Esta cita, xa consolidada, vén desta volta cunha novidade, xa que coincidindo coa feira terá lugar a I Xornada de Degustación de Tenreira dos Ancares, en colaboración coa cooperativa de produtores de vacún A Carqueixa.
Durante todo o día haberá tamén obradoiros de distinto tipo e actuacións musicais. Para poder participar nas distintas actividades é necesario inscribirte previamente chamando ao teléfono 618590273.