A Feira do Gando Vacún de Moeche contará cunha poxa de xovencas de Rubia Galega

A Feira do Gando Vacún de Moeche contará cunha poxa de xovencas de Rubia Galega

O Concello de Moeche organiza o próximo 11 de xuño a quinta edición da Feira do Gando Vacún, coa que reivindica a importancia da gandaría de carne e de leite e coa que tenta reactivar unha parte fundamental das feiras mensuais que foi vindo a menos nos últimos anos.

A feira será coma todas as dos días 11 e 23, xuntando en San Ramón numerosos postos de produtos da terra, ferramenta, roupa -e, por suposto, churros, polbo e churrasco- nunha cita que cae en sábado e que se agarda ben concorrida.

Ademais, como aliciente, a xornada contará cunha poxa de xovencas preñadas da raza Rubia Galega procedentes do centro de recría que ten a Asociación de Criadores/as de Rubia Galega (ACRUGA) na granxa Gayoso Castro, no concello lugués de Castro de Rei. 

Concurso fotográfico

Por outra banda, o Concello de Moeche tamén reeditará o concurso fotográfico no que se premiarán as fotografías que mellor representen o labor gandeiro e a vida no rural. As imaxes, en formato dixital, terán que mandarse entre o 30 de maio e o 8 de xuño a correo@moeche.gal.

Todas as fotografías enviadas ao certame estarán expostas o 11 de xuño na Nave do Mercado de Moeche para seren valoradas por un xurado formado por persoas profesionais da fotografía e da veterinaria. As categorías son as xa mencionadas: Gandaría e Vida no Rural.  Na primeira entrarán as instantáneas sobre calquera actividade diaria dunha explotación  -mantenza dos animais, limpeza das cortes, pastoreo, etc.-. Na categoría Vida no Rural en Moeche o xurado valorará tanto a mensaxe como a creatividade á hora de transmitir os modos de vida vencellados á terra ou á crianza de animais. O premio en ambas categorías é un Trofeo Irmandiña. 

Ademáis, con todas as imaxes recibidas entre o 30 de maio e o 8 de xuño farase unha galería en Facebook na que o público poderá votar con “gústames” por aquela ou aquelas que máis lles enchan o ollo. Incluso poderán votar presencialmente por elas o día da feira nunha urna que estará situada ao carón da exposición fotográfica. A que obteña máis votos en papel e “gústames” levará un abono individual de temporada na piscina municipal.

O nome das persoas ganadoras publicarase nas redes sociais municipais o propio sábado 11 e os premios entregaránselles á semana seguinte, no Mercado do sábado 18 ás 12:00h.

O certame está aberto a todas as idades e as fotos, xunto co nome e datos de contacto, hai que envialas a correo@moeche.gal. As bases do III Concurso de Fotografía “Feira do Gando Vacún” poden descargarse desde esta ligazón.

Xatos e vacas de todas as razas e unha poxa de Rubia Galega

A finalidade desta V Feira do Gando Vacún de Moeche -celebrada como monográfico por primeira vez en 2016- é reivindicar unha actividade de longa tradición en Moeche e no resto da comarca que ten un grande potencial de cara ao futuro. O evento conta xuntar abondosa oferta de animais de todas as idades, principalmente Holstein (a frisoa), cruzamentos e tamén de Rubia Galega. De feito, a ACRUGA -entidade encargada de xestionar o rexistro xenealóxico desta raza do país- vai organizar unha poxa de xovencas preñadas de entre 24 e 30 meses de idade procedentes da Granxa Gaioso Castro.

Sairán á poxa entre 4 e 5 xovencas de pura raza (a asociación aínda non configurou o lote), cun prezo de partida de 1950 euros que irá incrementándose a voz alzada de 50€ en 50€ ata chegar á contía final de adxudicación. Para participar na almoeda, que comezará sobre as 12:30h, haberá que solicitar ata unha hora antes a correspondente tarxeta co número de poxador/a -a carta que se ergue cada vez que se oferta un prezo-. Nese momento daránselle ao persoal da ACRUGA datos como o nome e apelidos, a información de contacto, o número de conta (no caso de resultar adxudicatario/a) e tamén o número de CEA, obrigatorio para poder ofertar por calquera dos animais.

A ACRUGA promove regularmente poxas deste tipo tanto na granxa de recría Gaioso Castro (propiedade da Deputación de Lugo) como nas feiras de maior renome desa provincia, sobre todo nas da zona da montaña. Trátase dun sistema de venda que se ve pouco na nosa zona e que, de haber un bo número de participantes, adoita alcanzar cifras moi elevadas, ademais de ofrecer todo un espectáculo digno de ser presenciado en directo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información