A sétima edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, que se levará a cabo do 27 ao 29 de xuño no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) recoñecerá novos proxectos do sector orientados á súa mellora.
Será a través do seu VII Concurso de Innovación Tecnolóxica “Galiforest Abanca 2024”, o cal distinguirá as máquinas, produtos, servizos e procesos presentes que destaquen polo seu deseño, calidade de traballo e prestacións. A Feira Internacional de Galicia ABANCA, organizadora do certame co apoio da Xunta de Galicia, pretende así contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal.
O Concurso segue gañando en prestixio e nesta edición conta con 21 innovacións, un 50 % máis que na anterior, celebrada en 2022. Entre elas figuran tres proxectos presentados por Agacal-CFEA Lourizán, centrándose o primeiro na análise dunha talla de eucalipto no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas e xestión da maquinaria neste espazo, o segundo no deseño e implantación dun sistema de electrificación da mini pa Case 1825 demostrando a viabilidade técnica e económica da electrificación de maquinaria pesada no contexto agroforestal, e o terceiro nunha experimentación de campo para a loita da phytophthora alni en alnus glutinosa.
Ademais, concorrerán dúas trituradoras, a CBI 5400BT, presentada por Dir Terex como a máis versátil e con mellor rendemento en procesamento de madeira, e a Jenz BA 916 D, presentada por Emsa Maquinaria y Proyectos e que está pensada para aforrar tempo sen perder eficacia, con gran versatilidade e posibilidade de substituír as pezas de desgaste de corte directamente na máquina en poucos minutos.
Ence Terra presenta dúas innovacións, a primeira delas un equipo que permite plantar e fertilizar de maneira autónoma e mecanizada un monte de eucalipto, composto por maquina base Volvo EC 140EL, cabezal plantador Risutec PM100, dosificador de abono granulado, sistema de guiado e marcado dixital por GPS Asta, porta plantas adaptado e planta de eucalipto nitens mellorado de Ence; e a segunda un equipo subsolador e fertilizador con guiado GPS para plantación de eucalipto que consegue deixar o terreo perfectamente preparado para a súa posterior plantación.
Sumarase unha procesadora/taladora de piñeiro e eucalipto presentada por Forest Pioneer, un novo segmento de máquina made in Galicia que tecnicamente se achega ás prestacións dunha premium forestal e economicamente ao prezo de compra dunha escavadora de obra pública, polo que é moi competitiva e con obxectivo de fabricación en Galicia para todo o mundo.
Ademais, Hispano Japonesa de Maquinaria (HJM) presenta un sistema retráctil de contracuchilla Pezzolato que se retrae mediante un mecanismo hidráulico para evitar posibles danos na cámara de trituración, mentres que Hitraf concorre cun cabestrante móbil de tracción “t-winch” de Ecoforst que maximiza o factor de seguridade do operario e da máquina forestal en terreos escarpados e minimiza os danos do chan ao soportar a forza do freado e tracción da máquina.
Tamén se presenta a primeira motoserra a batería do mercado con embrague de cadea cuxas principais vantaxes son a seguridade e o fluxo de traballo, presentada por Husqvarna. Súmase a nova serie G de procesadoras EcoLog, de Log Max Iberia, desenvolvidas para aumentar a produtividade con melloras como cabina máis segura e ergonómica ou un sistema de brazos únicos oscilantes que permiten adaptar a máquina a calquera terreo.
Murat-Energreen presentan tres innovacións: A desbrozadora ILF Alpha, moi eficiente en terreos difíciles e con sistema de suspensión de chasis que proporciona gran comodidade durante o transporte por estrada e seguridade no traballo; a máquina autopropulsada multifunción ILF Kommunal + brazo telescópico Orbital 7, deseñado para traballar en ambos os lados da calzada con mínimo espazo de ocupación na estrada, e tamén o Roboplus, un portaferramentas teledirixido deseñado para operar nas áreas máis difíciles e pendentes de ata 55º que é a primeira máquina radiocontrolada do mundo con tecnoloxía 100HP Stage V.
Así mesmo, preséntanse as luvas anticorte e antivibración clase 2 de Pattones Robert´s destinados a labores de poda e roza a nivel profesional con reforzo especial de almofada na palma completa estendida ata as xemas dos dedos e sete capas de tecido anticorte. E tamén a podadora de pértega telescópica a batería de Techtronic Industries Iberia (Milwaukee) coa pértega máis potente do mercado, con batería compatible con máis de 300 ferramentas. Súmase a bota profesional de motoserrista Log Grippe de Tocarama, con protección anticorte clase 2 cuxa principal innovación é a súa sola de Pu/caucho con 48 tacos metálicos extraíbles en cada par que permiten niveis de adherencia superiores. E tamén desta empresa, o Epi PF0035133 IGN, con protección anticorte e certificado para traballos de extinción de incendios, concibido para protexer ao usuario fronte riscos de corte por serra de cadea de velocidades ata 24 m/s e un deseño ergonómico.
Ademais, preséntase a retroexcavadora cargadora HMK 102B Alpha K4 Hidromek por parte de Torneiro Maquicoruña, un 20% máis rápida grazas ao seu cilindro de carga e un 3% máis eficiente polas melloras no deseño do cilindro. E tamén a escavadora de Turquino Forestal con folla dozer orientable que incrementa a funcionalidade da máquina e angulable de gran tamaño que a converte nun bulldozer para as condicións máis duras.
O xurado de expertos que as valorará terá en conta as melloras significativas nalgún aspecto importante da súa aplicación, tales como materiais, fiabilidade, sustentabilidade, seguridade no traballo ou ergonomía.
Galardóns
O Concurso concederá o Premio de Innovación Galiforest Abanca 2024 e mencións especiais. Uns galardóns que se darán a coñecer e serán entregados na xornada inaugural do monográfico, o 27 de xuño.