Enerxétika 2026 celébrase desde este mércores 25 ata o venres 27 en Silleda, na Feira Internacional de Galicia. O certame ocupa unha superficie de 3.612 metros cadrados nos que se darán cita 99 expositores de cinco países (España, Portugal, Francia, Italia e Alemaña), que representan 236 firmas expositoras de 17 países. A feira inclúe un programa de conferencias sobre ámbitos como a biomasa ou a enerxía fotovoltaica.
A edición deste ano volve contar co Salón da Innovación (SIE), un espazo no que se poñerán en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables. Nesta ocasión acollerá a presentación dos 13 proxectos seleccionados por un xurado independente formado por profesionais de prestixio con propostas tan diversas como sistemas automáticos de detección e extinción de incendios para cadros eléctricos e paneis críticos; tecnoloxías avanzadas para producir biometano a partir de biomasas residuais e mesmo unha plataforma dixital para reducir gastos de enerxía, tanto en fogares como negocios, entre outros.
Pode consultarse aquí o programa de conferencias e aquí o católogo de expositores.
VI Foro da Biomasa de Galicia
O Clúster da Biomasa de Galicia terá un papel protagonista na próxima edición de Enerxétika 2026, que se celebrará do 25 ao 27 de marzo na Feira Internacional de Galicia (Silleda), coa organización de dúas das principais actividades do certame: o VI Foro da Biomasa Galega e a gala de entrega dos II Premios Biomasa Galega.
Ambas iniciativas, que terán lugar o 26 de marzo, consolidan ao Clúster como un axente clave na dinamización, vertebración e impulso do sector da biomasa en Galicia, nun contexto marcado polos retos enerxéticos, climáticos e territoriais.
O VI Foro da Biomasa, baixo o lema “A biomasa, unha oportunidade estratéxica para Galicia”, reunirá a unha ducia de persoas expertas e representantes de entidades de referencia para analizar o papel deste recurso no presente e no futuro do modelo enerxético.
Abordan cuestións clave para o desenvolvemento do sector. Por unha banda, analizaranse as experiencias doutras comunidades autónomas na implantación de redes de calor e as súas posibilidades de transferencia a Galicia, coa participación de entidades como AGADER, INEGA, AVEBIOM, a Deputación de Girona ou ENGIE-DH Eco Energías. Nun segundo bloque, tratarase o papel da biomasa na redución de emisións e no desenvolvemento do mercado voluntario de créditos de carbono en Galicia, mentres que o terceiro eixo estará centrado no aproveitamento e na xestión sostible das masas forestais galegas.
Tras a celebración do foro, terá lugar a entrega dos II Premios Biomasa Galega, unha iniciativa impulsada polo Clúster co obxectivo de recoñecer o compromiso, a innovación e o impacto positivo de persoas, empresas e institucións no desenvolvemento do sector.
Nesta segunda edición, os galardóns distinguirán proxectos e traxectorias en cinco categorías: proxecto sostible en biomasa, traxectoria profesional, impulso empresarial, concienciación e educación e compromiso institucional. Entre os premiados destacan iniciativas como Comunidade Enerxética (Cooperativa Infesta); profesionais como Gonzalo Piñeiro Veiras, director do CIS-Madeira, e José Antonio Rodríguez Añón, secretario do Máster de Excelencia en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible (MERYCSE); así como entidades como Fundación San Rosendo ou o recoñecemento institucional ao Sergas.
A organización destas actividades conta co financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), no marco do apoio ás iniciativas dos clusters innovadores que contribúen ao desenvolvemento e á competitividade do tecido empresarial galego.
Galego










Control OJD