Esta mañá presentouse no Pazo de San Marcos, en Lugo, a Feira de San Rosendo de San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros, que se celebrará os vindeiros 4 e 5 de marzo.
As actividades arredor desta feira de gando, que viña celebrándose un día, alónganse durante a fin de semana co impulso da comisión organizadora, que conta co apoio do Concello de Barreiros e da área de Medio Rural da Deputación de Lugo.
Así, a tradicional feira de gando e artesanía, o domingo a partir das 9.30 horas na Praza de San Miguel, refórzase cunha axenda lúdica que comeza o sábado, con sesión vermú, un aberto de billarda e verbena, e continúa o mesmo día da feira con varias actividades paralelas como un concurso morfolóxico cabalar de Pura Raza Galega, unha carreira de andadura de cabalo marchador galego nas categorías serrada e chapeada e unha ximkana de xogos ecuestres.
A deputada de Medio Rural Mónica Freire e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida coincidiron en valorar “a iniciativa e o esforzo desinteresado da Comisión para manter unha celebración que pon en valor a gandeiría e as razas autóctonas” e en destacar “o papel que esta actividade ten na dinamización económica e social do rural e na conservación do territorio”.
Carlos Baamonde e Laura Teijeira, representantes da Comisión, agradeceron a colaboración institucional e doutras entidades como Puraga, introducindo por primeira vez na feira un certame morfolóxico que puntúa para o campionato galego, ou os Cabaleiros de Remourelle, que participan na ximkana de xogos ecuestres, unha actividade que se puxo en marcha na edición do ano pasado con moito éxito. Destacaron tamén que se repartirán 2.000 euros en premios entre a feira e o resto das actividades que se organizan con gando cabalar.
Participación na feira de gando
A organización ten aberto desde o pasado 13 de febreiro o prazo de inscricións para as gandeirías que queiran participar na feira. A inscrición é gratuíta e debe xestionarse a través do enderezo electrónico san.rosendo.smr@gmail.com ou nos teléfonos 628739224, 650931451 ou 651347286 ata o 1 de marzo. O recinto contará con estacas e corraletas e tamén con puntos de comida e bebida para os animais. .