A Feira de Adai xunta esta fin de semana o mellor gando cabalar e vacún de Galicia

A cita ecuestre, unha das de referencia na comunidade, contará o domingo con concursos morfolóxicos e exhibicións e repartirá máis de 1.000 euros en premios. O día antes reuniránse os mellores exemplares de raza Rubia Galega

Público asistente á Feira do Cabalo de Adai do ano pasado

Público asistente á Feira do Cabalo de Adai do ano pasado

A Feira de Adai, no concello lucense do Corgo, convértese de novo esta fin de semana en epicentro do sector gandeiro galego coa celebración o  sábado 22 da Subasta de machos e novillas e o Concurso Nacional de Raza Rubia Galega, organizados por Acruga e o domingo 23 coa tradicional Feira do Cabalo de Adai, organizada polo Concello do Corgo en colaboración coa asociación Cabaleiros da Feira de Adai.

O sábado o gando vacún será quen encha o recinto feiral. Arredor de 150 dos mellores exemplares de Rubia Galega de ganderías de toda a comunidade daranse cita un ano máis en Adai, onde se poderá poxar por 30 animais, entre machos e xovencas preñadas, na Subasta Nacional da raza Rubia Galega.

Ao día seguinte, o domingo, terá lugar a cita ecuestre, que chega á súa edición número 24. Trátase dunha das referencias para gandeiros e afeccioinados ao mundo dos cabalos entre as feiras do sector que se celebran en Galicia ao longo do ano. Ademáis de compravenda de animais, que se reunirán desde primeira hora da mañá no campo da feira desta parroquia do concello lucense do Corgo, a parte lúdica e festiva complétase con concursos e exhibicións de doma. Coma todos os anos, en Adai terá lugar, organizado por Puraga, a sexta proba valedeira para a XVIII edición da Copa Galicia de Pura Raza Galega e o Concurso Morfolóxico de PRG 2019.

A Feira do Cabalo de Adai reparte máis de 1.000 euros en premios e xunta a ganderías e criadores chegados de toda Galicia. Os organizadores agardan repetir o éxito de anos anteriores, nos que o campo da feira quedou pequeno para acoller os máis de 400 cabalos que se xuntaron. O público ateigou tamén o recinto para presenciar as exhibicións tanto de cabalo galego pola mañá como de doma clásica pola tarde.

Alcalde gandeiro

O Corgo conta desde este sábado con novo alcalde, Felipe Labrada, gandeiro de profesión. O novo rexedor da localidade é cotitular de Labrada Seoane SC, unha explotación con 65 cabezas ubicada en Arxemil que está a dar o paso desde a produción de leite á de carne.

O Corgo é un concello que segue mantendo unha importante vinculación co sector agrogandeiro, con explotacións de vacún de leite e de carne, como Finca Villadangos, ademais de granxas de porcos, avícolas e de coellos. A isto engádese o sector transformador, con industrias agroalimentarias nos eidos cárnico, como Torre de Núñez ou Jamones González, e no da castaña, como Castañas do Ancares, asentada no polígono industrial da localidade.

A parroquia de Adai, que celebra feira o día 13 de cada mes, é un lugar de referencia para a gandería da provincia de Lugo e acolle ao longo do ano múltiples feiras e subastas de gando. A Feira do Cabalo do vindeiro domingo é unha das súas citas anuais de referencia, igual que o son as Subastas de raza Rubia Galega que ao longo do ano celebra Acruga no campo da feira da localidade.

FEIRA DE GANDO DE RAZA RUBIA GALEGA 2019

SÁBADO 22 DE XUÑO

PROGRAMA DE ACTIVIDADES XXXII Concurso Nacional e XCI Subasta Nacional.

Poxa de gando de raza Rubia Galega en Adai

Poxa de gando de raza Rubia Galega en Adai

A entrada de animais ao recinto gandeiro de Adai levarase a cabo o xoves día 20. A partir desa data, os xuíces iniciarán a cualificación dos animais que participarán no concurso nacional. A poxa e a entrega dos premios do concurso de exemplares de raza rubia galega terá lugar o sábado 22, no recinto gandeiro de Adai (O Corgo).

Retirada de tarxetas: 11.00 horas
Inicio da poxa: 12.00 horas

POXA:
Na poxa poderase poxar por uns 30 exemplares, procedentes de ganderías de Lugo, de Acruga e do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro. A falta de concretar o número de animais que poxarán gandeiros particulares de Acruga, desde a Asociación en colaboración coa Deputación de Lugo presentaranse á poxa 11 xovencas preñadas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro. Ademais, Acruga levará á poxa de Adai tres machos do seu centro de testaxe. Os prezos de saída para as xovencas preñadas de Acruga serán de 1.800 euros, mentres que os dos machos aínda están por determinar, do mesmo xeito que os que fixen os gandeiros particulares, que se coñecerán o mesmo día da feira. Como xa é habitual nas poxas que organiza Acruga, haberá axudas á compra de Caixa Rural de 200 euros para as femias e de 300 euros para os machos.

CONCURSO:
SECCIÓNS DO CONCURSO: 7, con premio para o 1º, 2º e 3º clasificado:
– Sementais de máis de 26 meses.
– Xatos de 14 a 26 meses.
– Becerros de 8 a 14 meses.
– Vacas paridas: femias > 42 meses.
– Xatos de 18 a 42 meses.
– Becerras de 8 a 18 meses.
– Machos e femias ata os 8 meses de idade.

EXPOSICIÓN:
No mercado gandeiro de Adai espérase concregar a uns 150 dos mellores exemplares de Raza Rubia Galega. Algúns destes animais tomarán parte na exposición, uns 80 no concurso e preto de 30 na poxa. Na edición desta feira, Acruga conta coa colaboración do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; da Deputación de Lugo e do Concello do Corgo.

FEIRA DO CABALO DE ADAI 2019

DOMINGO 23 DE XUÑO

PROGRAMA DE ACTIVIDADES XXIV Feira do Cabalo de Adai

Demostración de doma na Feira do Cabalo de Adai

Demostración de doma na Feira do Cabalo de Adai

10:00 Apertura da feira cabalar. Entrega dun agasallo a todos os participantes ata acabar existencias e por riguroso orde de chegada á feira.
11:00 Inscripcións na mesa do xurado para os concursos Morfolóxicos de cabalos e eguas de Pura Raza Galega puntuables para a “XVIII Copa Galicia P.R.G.”, e inscripcións concurso cabalos e eguas cruzados.
11:30 Concurso Morfolóxico de cabalos de Pura Raza Galega puntuable para a “XVIII Copa Galicia P.R.G.” (maiores de tres anos).
12:00 Concurso Morfolóxico de eguas de Pura Raza Galega puntuable para a “XVIII Copa Galicia P.R.G.” (maiores de tres anos).
12:30 Concurso Morfolóxico de cabalos cruzados (maiores de tres anos).
13:00 Concurso Morfolóxico de eguas cruzadas (maiores de tres anos).
13:30 Exhibición de Doma con cabalos de Pura Raza Galega da Asociación Pura Raza Cabalo Galego e entrega de trofeos e premios dos Concursos Morfolóxicos.

Premios en cada categoría participante:
1º PREMIO 115 € + trofeo + escarapela
2º PREMIO 80 € + trofeo + escarapela
3º PREMIO 60 € + trofeo + escarapela
4º PREMIO 30 € + trofeo + escarapela

17:00 – 18:00  ESPECTÁCULO ECUESTRE DE DOMA DE ALTA ESCOLA, DOMA VAQUERA, FANTASÍAS ECUESTRES E EXERCICIOS CON PONIS A CARGO DA COMPAÑÍA “SOÑANDO A CABALO” DE PONTEVEDRA.

AS DÚAS XORNADAS ESTARÁN AMENIZADAS POLA CHARANGA “ A CABEZA NON PARA” DE SOUTOMAIOR (PONTEVEDRA)

BASES E NORMAS DE PARTICIPACION NA FEIRA CABALAR E NOS CONCURSOS MORFOLÓXICOS:

1º.- Todos os équidos asistentes á “Feira Cabalar de Adai”, deberán portar obrigatoriamente a documentación identificativa e sanitaria exigible na comunidade autónoma de Galicia. Os vehículos de transporte animal, tamén.

2º.- A responsabilidade civil dos animáis na feira e probas en concurso será por conta en todo momento do gandeiro, propietario e/ou presentador do animal.

3º.- Os animáis deberán estar situados nas zonas reservadas para eles con tal fin, e atendidos en todo momento polo seu propietario e/ou manexador-pesentador.

4º.- O acceso á pista de concursos será única e exclusivamente para os animáis participantes nas probas e os seus presentadores.

5º.- Os animáis participantes nos concursos morfolóxicos deberán presentar a documentación oficial dos mesmos á hora da inscripción na mesa do xurado. Todos os exemplares para concurso deberán ser maiores de tres anos. (Documentos orixinais).

6º.- É obrigatorio recoller o premio co cabalo ou egua gañador/a do mesmo. De non ser así, non se entregará.Os premios indicados no cartel da feira estipulados para cada categoría en concurso, pagaranse mediante transferencia bancaria e aplicaráselles a retención do IRPF establecida pola Axencia Tributaria en cumplimento das obrigas fiscais. Do mesmo xeito aplicaráselle dita retención aos xuíces e demais persoal colaborador. (Todos os participantes deberán facilitar o número de conta bancaria nun prazo de dez días unha vez rematada a feira).

7º.- O xurado estará composto por persoas cualificadas no ámbito equino. Na proba puntuable para o Campionato Galego de Pura Raza Galega “Copa Galicia PRG”, estará formado por xuíces oficiais de cabalos P.R.G.

8º.- O non presentarse á terceira chamada do xurado en pista, quedará fóra de concurso.

9º.- Os animáis deberán ser debidamente presentados en limpeza e presenza nos concursos. Podendo ser desestimados polo xurado á consideración dos mesmos nos concursos.

10º.- En caso de desacordo coas decisións do xurado, o afectado poderá presentar reclamación previa presentación do DNI e depósito de 90 euros á organización, os cuales serán devoltos o interesado, no caso de ser favorable ao mesmo dita reclamación. Repoñendo públicamente a entrega do trofeo e escarapela correspondente, así como o pago do premio estipulado. No caso contrario, ser desestimada á reclamación presentada, a organización doará a unha ONG ou a Cáritas o importe íntegro do depósito para atender necesidades sociais dentro do municipio.

11º.- Calquera maltrato animal estará penalizado coa expulsión das probas e pertinente denuncia por parte do comité organizador ante as autoridades competentes.

cartel Feira do Cabalo de Adai 2019

Nota importante: É obrigatorio recoller o premio co cabalo ou egua gañador/a do mesmo. De non ser así, non se entregará. Os premios indicados no cartel da feira estipulados para cada categoría en concurso, pagaránse mediante transferencia bancaria e aplicaráselles a retención do IRPF establecida pola Axencia Tributaria en cumplimento das obrigas fiscais. Do mesmo xeito aplicaráselle dita retención aos xuíces e demáis persoal colaborador. (Todos os participantes deberán facilitar o número de conta bancaria).

Imprimir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información