A leira da Cortiña é o punto onde se concentra a XXIX Feira da Plantación de San Sadurniño. Alí pódese atopar todo o que ten que ver coa planta ornamental, a flor, a horta e a produción primaria. Na xornada do 26 de abril poderanse atopar ducias de especies e variedades para vestir xardíns e outros espazos, tamén planta para poñer nos morteiros, froiteiras, artesanía, alimentación e maquinaria, todo distribuído polos sendeiros do Campón do arboreto e da Fraga Máxica. Moita oferta de cor e variedade que, ademais, o Concello rodeará con outras propostas.
A feira comezará ás 10:00 horas coa apertura dos postos participantes, boa parte deles viveiros especializados en plantas decorativas para interior e exterior, aínda que tamén haberá moita oferta de árbores, herbas aromáticas e, sobre todo, bandexas para repoboar as hortas ao aire libre ou en invernadoiro. Tamén haberá produto en fresco e elaborado (queixos, pan, chacinas, conservas etc.), outras manufacturas artesanais con selo de calidade e todo tipo de aparellos e ferramentas para enredar na terra.
Ademais, a programación complétase cunha busca do tesouro en familia, demostracións de arte floral, degustacións de produtos da Fusquenlla, unha exposición sobre as rochas do xeoparque e tamén os showcookings, que este ano estarán dirixidos polo cociñeiro André Arzúa (promotor do centro gastronómico Espazo Abella), dentro do programa “A paisaxe que sabe” impulsado pola área de Turismo da Deputación da Coruña. Non faltarán tampouco a animación musical nin os sorteos. E só por asistir á feira pódense levar gratis unha bolsiña con plantas, cortesía da empresa Vivergal S.L., que colabora co evento xunto coa Deputación da Coruña.
As expositoras e expositores que queiran espazo na feira teñen até o 13 de abril para presentaren a súa solicitude no rexistro municipal (ata as 14:00 horas), na Sede Electrónica (ata as 23:59 horas) ou por correo postal (Concello de San Sadurniño, Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña). Poderán instalar as súas propias carpas e toldos ou solicitarlle ao Concello ese equipamento, ademais de toma de electricidade.
O programa completo pode consultarse nesta ligazón.
Galego









Control OJD