
Gando en extensivo pacendo no alto do Fial, no concello da Veiga
A Veiga volve ser protagonista esta fin de semana coa Exposición Agrogandeira de Trevinca, unha cita consolidada que chega xa á súa quinta edición e que este ano servirá para poñer en valor o traballo dos gandeiros na montaña ourensá e a importancia da súa labor non só como produtores de carne de calidade senón tamén para previr os incendios forestais.
Logo dun verán no que arderon máis de 120.000 hectáreas de monte, á feira acudirán, ademais de produtores locais, gandeiros doutros municipios da zona especialmente afectados polos lumes, como O Bolo, Viana do Bolo ou Vilariño de Conso.
O programa inclúe durante o sábado e o domingo exposición de gando vacún, ovino, caprino e cabalar, así como de razas autóctonas galegas. Non faltara tampouco a maquinaria agrícola e este ano por primeira vez haberá charlas formativas sobre novas tecnoloxías aplicadas ao sector agrogandeiro, como os cercados virtuais mediante colares para o gando.
A gandería de vacún é o principal sector económico da Veiga, onde hai máis de 1.500 cabezas de gando
Nos stands de produtos da zona terán un lugar destacado as castañas, os embutidos, a marmelada de arandos, o queixo Cumbres de Trevinca, o mel etiquetado baixo a marca Montañas de Trevinca ou a Faba Loba, algúns dos produtos con distintivo de calidade local.
A área área recreativa do Coiñedo, a carón do encoro de Prada, será o epicentro da feira, onde haberá tamén mostras de artesanía, actividades infantís, música, concursos de carbuñado de gadaña e demostracións de arado con tracción animal.
O Concello está tratando nos últimos anos de recuperar e dinamizar o sector agrogandeiro local
O Concello da Veiga leva anos tratando de recuperar e dinamizar o seu sector agrogandeiro con diversas iniciativas a nivel municipal, como a propia marca Crianza Trevinca para a carne de vacún producida nos prados e montañas do municipio, a recuperación do centro apícola de Prada, que serviu para aglutinar a máis dunha ducia de abelleiros ou a posta en marcha do Centro de Iniciativas Municipais (Cima), un espazo multifuncional de formación e transformación de produtos.



Galego





Control OJD