A feira Cimag-GandAgro ultima a súa próxima edición, do 2 ó 4 de marzo

O comité organizador reuniuse esta semana no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda para abordar distintos aspectos da cuarta edición deste certame

A feira Cimag-GandAgro ultima a súa próxima edición, do 2 ó 4 de marzo

Reunión do comité organizador de Cimag-Gandagro.

A IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, avanza na súa organización para converterse do 2 ao 4 de marzo nun efectivo punto de encontro agropecuario.

Con este obxectivo o seu comité organizador celebrou este martes na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra) unha reunión na cal se abordaron diversos aspectos, como a comercialización ou o plan de promoción do certame, ademais de comezar a configurarse o programa de actividades da feira.

O encontro estivo presidido polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Silvestre José Balseiros Guinarte. Ademais, estivo presente Javier Bueno, profesor titular do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do xurado do Concurso de Máquinas Destacadas que ten lugar na feira.

Tecnoloxía, relevo xeracional e importancia social

Durante a reunión, na que se analizou amplamente a situación, retos e oportunidades do sector agropecuario, destacouse o traballo de Abanca Cimag-GandAgro para consolidarse como feira da tecnoloxía aplicada á agricultura e a gandería, á vez que se recalcou o seu valor como vector de profesionalización do sector agropecuario a través da presenza das últimas innovacións, propostas e coñecementos.

A feira volveu recibir o firme apoio do sector, representado por preto dunha vintena de entidades, empresas e cooperativas con gran peso no ámbito agrogandeiro galego

Así mesmo, sinalouse que o certame será un foro idóneo para mostrar e analizar aspectos de gran transcendencia nestes momentos tanto para empresas como para profesionais, como a dixitalización do sector e a súa vinculación coa incorporación de novos agricultores e o relevo xeracional. Ademais, fíxose fincapé na oportunidade que supón para visibilizar a relevancia que ten o sector na sociedade e o importante papel que cumpre na mesma.

Un foro relevante que non se celebra desde o 2019

A última edición de Abanca Cimag-GandAgro celebrouse do 21 ao 23 de febreiro de 2019, non podendo levarse a cabo a de 2021 debido á pandemia. Esta última cita reflectiu a boa evolución do certame e a súa relevancia como foro do sector.

Así, reuniu 544 firmas expositoras (un 39% máis) de 32 países, das cales 188 foron expositores directos (un 13% máis) de seis países. A feira ocupou ademais unha superficie bruta de 25.500 metros cadrados e neta de 12.734 metros cadrados (un 25% máis). O seu programa estivo composto por 40 propostas que contaron con gran participación de visitantes, que superaron os 18.700.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información