O Concello de Friol presenta o cartel da Feira do Cabalo, que se celebrará o domingo día 26 de maio no recinto do Mercado Municipal. Na presentación, que tivo lugar este venres, estiveron presentes o alcalde de Friol, José Á. Santos, xunto con outros representantes da corporación municipal, que estiveron acompañados por Jorge Lodeiro, Jose Manuel Núñez, Ana López, Rubén e Rebeca Vázquez, e Unai Frías, veciños e veciñas de Friol, amantes dos cabalos que tamén son protagonistas do evento, sendo os encargados de organizar esta feira en colaboración co Concello de Friol.
O transcurso da feira terá lugar durante todo o día no mercado municipal, finalizando coa entrega dos premios correspondentes.
Programa
Ás 8:30 abrirase o recinto feiral e xa se dará inicio á compra e venta de gando equino, para continuar ás 9:30 cos concursos morfolóxicos (cruzados, PRE e PRA). En todas as categorías haberá sección de poldros e poldras ata dous anos e a partir de dous anos sección adultos.
Despois do xantar, ás 15:30, realizaranse a Andadura Tradicional Galega e a Andadura Libre, continuando con carreiras de trote ás 18:30 e rematando con unha xincana ás 19:00 h.
Ás oito da tarde pecharase a feira coa entrega de premios, que serán 3 por categoría, cun trofeo, e un premio económico de 150, 100 ou 50 € segundo sexa 1º, 2º ou 3º respectivamente. A maiores, nas carreiras de andadura, o 4º e 5º posto levarán como premio un saco de penso.
As inscricións están abertas ata as 15:00 h do xoves 23 de maio.
Realizarase o sorteo dun poldro e de agasallos variados. E haberá ponis para o desfrute dos mais pequenos.
Dende a organización resaltan que cada xinete debe acudir co seu libro correspondente e que o uso de casco será obrigatorio.
O alcalde de Friol, José Á. Santos, “agradece a este grupo de veciños e veciñas de Friol o seu traballo intenso nos últimos meses, así como a implicación directa na organización desta edición da Feira do Cabalo de Friol”. Ademáis, convida “aos amantes dos cabalos e a todas as persoas en xeral que queiran pasar un día dedicado ao mundo equino, bonito e divertido a que nos acompañen na Feira do Cabalo de Friol”.