Feira do Butelo esta fin de semana na Fonsagrada

O concello da montaña de Lugo celebra unha das citas de referencia do inverno, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. As industrias locais comercializarán 25.000 quilos deste produto da matanza típico da zona

butelo Fonsagrada (2)

Un dos postos da feira, onde se dan cita os produtores locais para vender os butelos e outros derivados do porco

Todo listo na Fonsagrada para a Feira do Butelo, que se celebra sempre na fin de semana anterior ao Entroido. Trátase dunha das citas gastronómicas máis asentadas do calendario invernal, clasificada como Festa de Interese Turístico de Galicia, e chega este ano á súa edición número 28. 

O sábado 7 e o domingo 8 na carpa ubicada na praza principal da localidade pódense mercar todo tipo de produtos gastronómicos, especialmente os derivados do porco, coma é o butelo, un embutido típico da zona feito de costelas e outras partes do porco adobadas e metidas no estómago do cocho e logo curado e afumado con leña de carballo.

A Feira do Butelo reúne a uns 60 postos de venda e agárdanse uns 3.000 visitantes

No transcurso da Feira será entregado o Butelo de Ouro, un galardón que distingue cada ano a persoas e iniciativas relevantes para o municipio. Nesta ocasión, recoñecerase a labor do Museo Comarcal da Fonsagrada pola súa contribución á etnografía, á cultura e ao coñecento das tradicións e o xeito de vida na montaña. O galardón será entregado o domingo á unha da tarde.

O resto do programa mantén en esencia a mesma organización ca todos os anos, coa carpa ubicada na praza como epicentro da Feira, que permanecerá aberta os dous días desde ás 10 da mañá até as 8 da tarde. Os dous días haberá animación musical.

Dinamización económica

A celebración da Feira do Butelo serve tamén para dinamizar o comercio e a hostalaría local, tanto bares e restaurantes como casas de turismo rural e outro tipo de aloxamentos, que rozarán o cheo durante toda a fin de semana. 

Como complemento á celebración da feira, os restaurantes e locais de hostalaría da localidade elaborarán menús especiais a base de cocido e co butelo como protagonista indiscutible, para aos 3.000 visitantes que se agardan a fin de semana na

A Fonsagrada énchese de visitantes na fin de semana da Feira do Butelo

Coma é tradición nos últimos anos, o cartel desta edición da Feira do Butelo da Fonsagrada volve homenaxear ao humorista Forges, natural deste municipio da montaña de Lugo e que chegou a apadriñar a celebración antes do seu falecemento. Forges conta co seu propio museo na Fonsagrada, no edificio rehabilitado do antigo Concello.

Poranse á venda 25.000 quilos de butelo e outros produtos elaborados por empresas locais

Butelo A Fonsagrada2Na edición deste ano poranse á venda uns 25.000 quilos de produto, entre butelos e outros derivados do porco, que son elaborados polas industrias locais que contarán con postos na feira, entre elas Casa Castelao e Embutidos Buenavista, así como Facenda Farruquiño, asentada tamén na localidade.

Desde os seus inicios fai xa 29 anos, a Feira do Butelo consolidouse como un referente no calendario gastronómico galego e unha cita ineludible como prólogo ao Entroido, podendo os visitantes aproveitar para adquirir produtos da matanza típicos destas datas, como chourizos, lacóns, touciño, cachucha, soá ou o propio butelo.

A Fonsagrada, o municipio máis extenso de Galicia, ten, xunto coa transformación de produtos cárnicos de porcino, na gandería de vacún de carne en extensivo a súa principal actividade económica. Para apoiar a este outro sector, o Concello organiza ao longo do ano unha serie de citas, como a recuperada Feira de San Marcos no mes de maio ou a celebración do Concurso-Exposición de Gando Vacún e o Concurso de Gando Cabalar, Mular e Asnal no mes de setembro, coincidindo coas festas patronais da capitalidade municipal. 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información