O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este luns que a nova estratexia do sector lácteo, que a Xunta presentará este mércores, pretende impulsar a I+D+i e a profesionalización da industria láctea galega co obxectivo de chegar a transformar o 75% do leite que se produce na comunidade.
A intención do Goberno da Xunta é, pois, acabar cun dos males endémicos do sector lácteo galego: o da escasa transformación na nosa comunidade. Na actualidade, e malia a instalación nos últimos anos en Galicia de industrias como Entrepinares ou Inleit, parte significativa do leite producido sae da nosa comunidade sen se transformar.
Estímase que na actualidade 4 de cada 10 litros producidos polas ganderías galegas marcha en cisternas a transformarse a industrias de fóra da comunidade, levando con el o valor engadido, e que, do leite industrializado en Galicia, o 60% é envasado como leite líquido, o que menos valor xera, mentras outro 15% é transformado en queixos, unha porcentaxe que en países como Francia se achega ao 50%.
Estímase que na actualidade 4 de cada 10 litros producidos polas ganderías galegas marcha en cisternas para transformarse fóra da comunidade, levando con el o valor engadido
Durante unha reunión cos directivos do Grupo Leche Río, Feijóo anunciou tamén que esta semana se aprobarán os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, cos que o Goberno galego pretende “inxectar capacidade económica aos sectores produtivos para reactivar a economía e para facer un investimento excepcional co obxecto de manter o emprego”, abundou.
Aumentar a produción de queixo
No tocante á nova estratexia do sector lácteo que se presentará o vindeiro mércores, Feijóo subliñou que esta iniciativa contará con cinco eixes: produción, industria, mercados, cadea de valor, formación e innovación. “E aspirará ademais a aumentar o peso das denominacións de orixe protexidas de queixo na transformación industrial”, resaltou, asegurando que para iso poranse en marcha campañas de promoción das catro DOP (Tetilla, San Simón, Cebreiro e Arzúa-Ulloa) e a adaptación dos formatos e envases ás demandas do consumo.
Un dos obxectivos é aumentar o peso das denominacións de orixe de queixo na transformación industrial do leite
Así mesmo, no eido da I+D+i e da profesionalización da industria, o presidente da Xunta destacou melloras na formación no referido á tecnoloxía industrial, loxística e seguridade alimentaria; e o impulso dun proxecto de investigación do sector coas universidades para reducir a pegada de carbono.
Logo de lembrar que esta estratexia forma parte do Plan de reactivación e dinamización do rural, que xerará un impacto económico de máis de 560 millóns de euros, o responsable do Goberno galego destacou o compromiso do Grupo Leche Río co rural, reflectido nas máis de 450 explotacións coas que traballan: “Tenacidade, esforzo e inconformismo son as cualidades que definen a esta empresa”, concluíu.
Máis información
– Promesas para o sector lácteo: a Xunta anuncia 125 medidas.