
Visita de alumnado da EFA Fonteboa á gandería de Lucia Casal Vázquez, en Melide
A Federación EFA Galicia colaborou activamente co grupo de mozas promotoras do proxecto “Terra e Talento: Empoderamento Feminino no Rural Galego”, unha iniciativa innovadora impulsada por cinco estudantes do Ciclo Formativo de Grao Superior en Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal, orientada a visibilizar o papel das mulleres mozas no desenvolvemento do rural galego.
Durante sete días, entre o 06 e o 10 de outubro de 2025, o proxecto desenvolveu catro obradoiros temáticos e visitas a cinco explotacións e queixerías lideradas por mulleres emprendedoras na comarca de Arzúa. Estas actividades abordaron temas como o emprendemento rural, o liderado feminino, a economía circular e a comercialización de produtos locais.
A Federación EFA Galicia apoiou ás participantes na organización e execución dos talleres formativos, ofrecendo acompañamento técnico, asesoramento pedagóxico e soporte loxístico, contribuíndo así ao éxito dunha iniciativa que promove a igualdade de oportunidades, o emprendemento e a permanencia da mocidade no medio rural.
Segundo explican as coordinadoras do proxecto, “Terra e Talento quere servir de inspiración a outras mozas que soñan con crear o seu futuro no rural, demostrando que é posible emprender e vivir con dignidade e igualdade neste contexto”.
O proxecto desenvolveuse integramente en lingua galega, poñendo en valor a nosa cultura e identidade como elementos clave do empoderamento feminino e da revitalización do rural.
Con esta colaboración, a Federación EFA Galicia reafirma o seu compromiso co fomento do talento xuvenil, a igualdade de xénero e a innovación no sector agrogandeiro galego, apostando por proxectos que constrúen un rural con futuro.

Alumnado da EFA Fonteboa na súa visita á queixería Queizuar, en Bama (Touro)
Galego









Control OJD