A madeira de coníferas convertiuse nun ben escaso no mundo. Hai máis demanda que oferta, ata o punto de que Rusia, un dos principais produtores de madeira mundiais, decidiu prohibir a exportación de madeira en rollo (troncos), sen transformar. Dous grandes mercados encabezan a procura mundial de madeira, Estados Unidos e China, en ambos casos polo tirón da construcción, un sector no que a madeira está gañando cota de mercado en usos estruturais.
Como lle afecta este escenario a Galicia?. Primeiro, en que a demanda china e norteamericana fixo saltar polos aires o mercado. Creouse unha burbulla de prezos na madeira transformada de coníferas, que no último ano encareceuse un 121%, segundo os datos que manexa o director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Juan Picos.
En segundo lugar, o aumento da exportación europea aféctalle de cheo ó mercado español, deficitario en madeira e que se ve desabastecido na coxuntura actual. Calcúlase que España importa a mesma cantidade de madeira que produce, é dicir, é só autosuficiente en madeira ó 50%. Así que nun escenario de encarecemento e problemas de suministro internacional, Galicia, que corta a metade da madeira de toda España, está a convertirse nun mercado refuxio a nivel da Península Ibérica e mesmo vende para mercados como o chino.
“Se desenvolvemos o noso mercado interior co maior valor engadido posible, evitaremos que veñan competir de fóra polo noso recurso forestal” (Juan Picos)
“Que se pode facer?. Desenvolver o noso mercado interior co maior valor engadido posible. Dese xeito evitaremos que se veña de fóra competir polos nosos recursos”, analiza Juan Picos, quen onte participou nunha xornada de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, sobre os datos económicos da cadea forestal galega.
A cuestión, conclúe Picos, é que a madeira convertiuse nun “recurso estratéxico” a nivel global. “Rusia xa decidiu que a partir do 2022 non vai saír ningún tronco do país sen transformar e en Europa a demanda exterior de madeira en rollo (toradas) é un asunto que preocupa. Existe o perigo de exportar madeira en rollo a China para logo comprarlles os mobles”, sinala Picos como exemplo de dinámicas que se poderían chegar a dar no mercado.
En Galicia, a cadea da madeira está ante un reto similar ó do resto de Europa. Lograr o maior valor posible para o piñeiro de Galicia en produtos de primeira e segunda transformación, de xeito que as coníferas galegas non marchen en rollo para factorías do resto da Península e mesmo de China, país ó que xa se fixeron envíos de barcos nos últimos anos.
“Os prezos das coníferas baixarán, pero o que se espera no mercado é que queden por riba do prezo dos últimos 20 anos” (Juan Picos)
A falta de datos oficiais, no sector calcúlase que Galicia pode estar enviando fóra en rollo, sen transformar, arredor dun 30% da madeira que produce, principalmente eucalipto a Navia (Asturias) e Portugal, pero tamén piñeiro a factorías de Castela e Portugal, unha demanda que vai en aumento nos últimos meses.
O conselleiro de Economía, Franscisco Conde, que onte clausurou a xornada de XERA, defendeu o potencial da industria da madeira de Galicia. “Temos o recurso e capacidade industrial instalada. A cuestión é identificar as oportunidades do mercado”, concluíu.
Como iniciativas principais da Xunta, Conde apuntou ó proxecto de fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira, “para o que xa creamos unha sociedade co obxectivo de avanzar pasos” -informou-, “e estamos a impulsar a construción en madeira, tanto en obra pública como en proxectos privados, para os que temos unha liña anual de axudas”.
Convocatoria 2021 para construción en madeira
Sobre a próxima convocatoria 2021 das axudas para construción en madeira, o director de XERA, Ignacio Lema, precisou que se está retrasando uns meses, á espera de que a tormenta do mercado amaine. “Proximamente tamén ampliaremos o prazo de execución das axudas concedidas no 2020, pois os beneficiarios estanse atopando con que non teñen suministro de madeira no mercado para executar as obras”, apuntou.
No sector dáse por feito que o actual nivel de demanda e de prezos é insostible, polo que se espera unha baixada de prezos e de presión do mercado. “Os prezos das coníferas baixarán, pero quedarán por riba do prezo que tiveron os últimos 20 anos”, pronostica Picos.
O escenario que se percibe no sector é de optimismo, desde o monte, onde as coníferas están a recuperar atractivo, ata a industria. Os retos no monte sitúanse principalmente na mellora xenética: lograr madeira de calidade e que resista as pragas e o cambio climático, factores que están diezmando os bosques de coníferas en Centroeuropa. Na industria, o desafío pasa por transformar esa madeira co maior aporte de valor engadido, de xeito que o piñeiro galego non marche fóra en rollo.
Datos sobre a cadea da madeira en Galicia
O Instituto Galego de Estatística presentou un estudo económico sobre a cadea forestal de Galicia no periodo 2013-2018. Eses datos complementáronse na xornada de presentación, celebrada onte, coa análise feita por XERA nos seus últimos informes anuais (2019 e 2020).
- A cadea da madeira produce un 1,8% do PIB de Galicia e un 2,1% do emprego
- Hai 10 concellos nos que a madeira representa máis do 50% da actividade industrial. Noutros 42, supón máis do 30% da actividade industrial
- A cadea da madeira emprega a arredor de 18.500 persoas en Galicia, destacando o peso do subsector da silvicultura e explotación forestal.
- As tres ramas industriais ligadas á madeira (aserrado, papel e fabricación de mobles) representan o 12% do PIB industrial galego. É unha cifra equivalente ó peso de sectores como a industria pesqueira ou a do automóbil.
- Galicia representa o 10% do PIB da cadea forestal – madeira de España. Nese PIB ten tamén gran peso a segunda transformación de zonas como o Levante, que se nutre principalmente de madeiras importadas.
- A cadea da madeira sufriu unha forte crise no periodo 2008-2013, pero as súas cifras fóronse recuperando no periodo 2013-2018. No 2018 rexistrouse un pico de facturación de 2.200 millóns de euros. A previsión é que ese nivel de facturación se volva repetir no 2021, logo de dous anos á baixa.
- As exportacións galegas de madeira no 2020 dividíronse do seguinte xeito: 61% en produtos de primeira transformación da madeira e madeira en rollo; 20% en mobles e 19% en pasta de papel. Se se compara ese dato coa serie histórica, destaca o progresivo aumento de peso do sector do moble.
Máis información