Fearmaga inicia o seu plan de formación para empresas forestais e aserradoiros

O programa arranca hoxe cun curso no que os participantes aprenden a manexar procesadoras e autocargadores cun simulador de realidade virtual

Fearmaga inicia o seu plan de formación para empresas forestais e aserradoiros

Curso co simulador de procesadoras e autocargadores que arrancou hoxe.

A Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga), que aglutina a máis de 350 empresas do sector forestal, deu inicio ó seu plan de formación 2020, que se orienta a dotar ás empresas e profesionais de todos os coñecementos e actualizacións precisas para o desenvolvemento da súa actividade.

O primeiro dos cursos, que comezou hoxe, impártese cun simulador de procesadora e autocargador. É unha formación na que os participantes practican o manexo de procesadoras forestais e autocargadores cun software de realidade virtual que recrea o traballo no monte. A actividade, que conclúe o 19 de febreiro, tivo tal demanda de prazas que xa se está a programar unha segunda edición para as próximas semanas.

Estes días comeza tamén un curso de realización de inventarios de vexetación (5-7 de febreiro), que incluirá prácticas de replanteo de parcelas, de mostreo, medicións e inventario de parcelas.

Para marzo están previstos os cursos ‘Posta en marcha e mantemento da motoserra’ e ‘Formación técnica en aserrado e afilado para aserradoiros’, que incluirá unha visita técnica e prácticas formativas en instalacións dun aserradoiro.

Apoio ás empresas exportadoras
En marzo desenvolverase tamén unha xornada sobre as ‘Normas Internacionais de Medidas Fitosanitarias NIMF15’, en colaboración co Ministerio de Agricultura. Nesta xornada, analizaranse os cambios introducidos na normativa e tratarase de resolver as dúbidas das empresas galegas que exportan os seus produtos. O tratamento térmico que se certifica co NIMF15 permite por exemplo exportar palés ou madeira aserrada desde a zona demarcada polo nematodo do piñeiro, pois garántese así que esa madeira está libre da praga.

Outra cuestión que ten importancia de cara á exportación é a relacionada co marcado CE da madeira estrutural, un mercado en auxe que se abordará no mes de maio noutro curso. A actividade abordará os métodos de clasificación desta madeira e analizará o mercado e destino da madeira estrutural de Galicia.

Produtos con máis valor
Os métodos de mecanizado da madeira, os termotratamentos e os tratamentos químicos serán a base do curso ‘Tecnoloxía da segunda transformación da madeira’. Esta acción formativa, que se desenvolverá no mes de maio, incluirá prácticas de mecanizado e tratamento químico nunha industria da segunda transformación.

A oferta do plan formativo complementarase con accións de carácter transversal, como o curso ‘Formación e novas tecnoloxías aplicadas ó sector forestal’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información