A Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeiras de Galicia – Fearmaga celebrou esta mañá en Santiago de Compostela a xornada ‘Sumamos profesionais seguros para a nosa industria’ centrada en Prevención de Riscos Laborais (PRL) na industria forestal-madeira e dirixida a profesionais e empresarios do sector. Durante a xornada, presentouse o convenio de colaboración asinado con Solucións de Prevención e Saúde, empresa de referencia en PRL a nivel estatal para o sector forestal. Participaron máis de 20 empresas e profesionais.
En empresas e fincas de especial dificultade
O convenio de colaboración permitirá ás empresas asociadas a Fearmaga contar cun servizo de prevención e consultoría en materia de prevención e saúde especializado e adaptado á casuística propia do sector. Incluirá traballos no campo como coordinacións de seguridade e saúde con supervisión técnica en empresas, asesoramento e visitas periódicas de control a centros de traballo, acompañamento de especialistas en inspeccións ou investigacións, recursos preventivos e a realización de simulacros. Tamén apoiará aos equipos de aproveitamento forestal, co acompañamento en fincas con especial dificultade ou supervisión de actuacións dos motoserristas.
Elier Ojea, presidente de Fearmaga, destacou a importancia de poder contar cun servizo de prevención especializado na casuística concreta do sector forestal, “o que nos permitirá ter acceso a un servizo de PRL adaptado á realidade do noso sector e das nosas empresas” e animou aos profesionais presentes a que “as empresas da industria forestal-madeira continúen implicándose na PRL”.
Pola súa parte, Iván Fernández, CEO de SPS, experto en prevención de riscos laborais, sinalou que “agardamos que esta nova colaboración axude ás empresas e aos profesionais a integrar e sentir a PRL, aumentando a súa conciencia preventiva” e amosou casos de éxito de empresas en materia de prevención de riscos laborais.
Comprometidos coa Prevención de Riscos Laborais
Con este convenio, Fearmaga continúa co seu compromiso coa sensibilización sobre PRL no sector forestal. Nos últimos 10 anos desenvolveu 13 xornadas informativas e máis de 30 cursos de formación dirixidos aos profesionais.
Desde o ano 2016, forma parte do Grupo de traballo técnico no sector forestal do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), no que se desenvolveron documentos formativos, carteis e guías para mellorar a sinalización dos traballos no monte, un dos aspectos esenciais da prevención e seguridade da actividade forestal.
Ademais, a Federación investiu en accións de sensibilización a través das redes sociais para impulsar unha cultura empresarial da prevención. No ano 2022 puxo en marcha a campaña ‘Sinistralidade 0.0 no sector forestal’ con vídeoconsellos de traballadores do sector en situacións reais no monte, que acadaron máis de 6.000 visualizacións en Youtube. En 2023 organizou un concurso Trivial de coñecementos sobre PRL en redes sociais e en 2024 elaborou sinais, trípticos e pegatinas dirixidas tanto a traballadores como a empresarios nos que se identificaban os principais riscos e as medidas a adoptar para minimizar a taxa de accidentes e as súas consecuencias.
Solucións de Prevención e Saúde
Empresa lucense especializada en servizos de prevención con acreditación a nivel estatal. Está integrada no Grupo Forma-T, líder en formación e consultoría en PRL para o sector forestal, eólico, marítimo e industrial.
Contan con instalacións pioneiras en España e Europa con máis de 4.000 m2 deseñadas para recrear experiencias laborais prácticas de maneira realista. Desde a súa creación en 2012, asesoraron a empresas como Cafés Candelas, Leite Río, Ence, FINSA, Siemens Gamesa, entre outras moitas. O seu compromiso é brindar un asesoramento integral a cada empresa con técnicos especializados en cada un dos sectores.
Fearmaga
É unha organización sen ánimo de lucro que representa e defende os intereses dos serradoiros e rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai máis de 40 anos, a federación promociona e impulsa a competitividade de todas as empresas que forman este sector. Aglutina preto de 350 empresas, o que representa o 75% dos rematantes de madeira e das industrias de serrado que dan emprego directo a 7.000 profesionais na nosa comunidade.