As eleccións ao Parlamento Europeo do próximo domingo, 09 de xuño, foron un dos asuntos protagonistas da Asemblea anual de Fearmaga, a entidade que representa e defende os intereses dos serradoiros e rematantes galegos. En concreto, abordouse o Regulamento UE 2023/1115 de comercialización no mercado da Unión e á exportación desde a Unión de determinadas materias primas e produtos asociados á deforestación e a degradación forestal, que entrará en vigor a partir do 31 de decembro de 2024.
Elier Ojea explicou que o Regulamento “é bo, xa que protexe e dá garantías tanto aos consumidores como a empresas, de que están a promover o consumo de produtos de madeira procedente dunha xestión forestal sustentable”. No entanto, lembrou que en Galicia as empresas forestais xa están sometidas a diversos controis para garantir a súa orixe, por iso, pediu á Xunta de Galicia “que defenda ante a UE as medidas que xa se están aplicando, evitando así máis lexislación redundante e cargas administrativas para as pemes”.
A seis meses para a entrada en vigor do EUDR, están pendente de desenvolvemento diversos instrumentos como un sistema Información europeo de xestión, un Observatorio Forestal da UE (EUFO), a avaliación de risco dos países e a Lei de Comercialización de Produtos Libres de Deforestación. Nesta liña, Fearmaga informou aos seus socios das xestións que está a realizar co Goberno e a Xunta de Galicia para “dispor de información actualizada de como se vai a implementar a norma nas empresas galegas”, sinalou Elier Ojea.
O novo regulamento
EUDR é de obrigado cumprimento para todas as empresas, desde os aproveitamentos forestais até a comercialización de calquera dos produtos elaborados con madeira, ademais doutras 6 materias primas: vacún, cacao, café, palma aceitera, soia, cortiza.
Con todo, a forma na que as empresas poderán acreditar o seu cumprimento será diferente. Ante esta situación, países como Alemaña, Austria, Finlandia, Italia, Polonia, Eslovenia, Suecia e Eslovaquia pediron unha moratoria ou unha aplicación en fases para que as empresas poidan aplicar a nova norma.
O sector expuxo esta preocupación ao director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Jose Luís Chan, e ao director de XERA, Jacobo Aboal, que tamén participaron na Asemblea Anual.
No encontro, as empresas da industria forestal recoñeceron o labor que realizou a Axencia Forestal Galega en favor do desenvolvemento competitivo do sector e confían que teña continuidade.