Fearmaga desenvolve probas de persoal en Perú para reforzar o sector forestal galego

Once empresas seleccionarán a profesionais peruanos mediante un proceso que inclúe formación previa, facilitando a súa integración en Galicia a partir de marzo de 2025

Fearmaga desenvolve probas de persoal en Perú para reforzar o sector forestal galego

Proba práctica do proceso de selección.

Representantes de Fearmaga e de once empresas da industria forestal-madeira viaxaron a Perú para realizar un proceso de contratación de profesionais do sector. Ao longo destes días, as empresas realizarán entrevistas de traballo a 82 candidatos preseleccionados entre máis de 200 rexistrados.

Talento Grupo DC Internacional S.L é a entidade coa que Fearmaga asinou un convenio para contratar ao persoal e realizar os trámites administrativos e legais para traer aos traballadores a Galicia. O obxectivo é que os profesionais contratados se incorporen nas empresas a partir de marzo de 2025.

“Prestamos apoio ás pequenas e medianas empresas, un esforzo máis que asumimos para proporcionarlles unha alternativa á escaseza de profesionais”, indicou Ana Oróns, secretaria xeral de Fearmaga.

Probas prácticas en Perú para o persoal que se está seleccionando.

Probas prácticas en Perú para o persoal que se está seleccionando.

A selección constará dunha entrevista persoal, unha proba de coñecementos prácticos e un recoñecemento médico. Antes da súa viaxe a Galicia, os traballadores elixidos terán que recibir a autorización de estranxeiría do permiso de residencia e traballo, ademais de recibir un curso de formación en Perú para facilitar a súa integración e adaptación á súa chegada.

Fearmaga é unha organización sen ánimo de lucro que representa aos serradoiros e rematantes galegos, promovendo a súa competitividade desde hai máis de 40 anos. Agrupa a unhas 350 empresas, que empregan directamente a 7.000 persoas e representan o 75% do sector en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información