Fearmaga contratará en Perú a traballadores forestais para empresas galegas

Publicidade
Fearmaga contratará en Perú a traballadores forestais para empresas galegas

Firma do acordo.

A Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga) emprenderá unha misión empresarial a Perú co obxectivo de contratar profesionais do sector forestal. Esta iniciativa busca paliar a escaseza de operarios especializados en empresas galegas de aproveitamento forestal e serradoiros.

Ana Oróns, secretaria xeral de Fearmaga, explicou que a federación asinou un convenio con Talento Grupo DC Internacional S.L., unha empresa especializada, para a contratación en orixe de motoserristas, camioneiros e operarios forestais, co fin de xestionar os trámites administrativos e legais necesarios.

A colaboración ten como finalidade apoiar e asesorar ás empresas asociadas a Fearmaga no proceso de selección de traballadores. As compañías do sector están a enfrontar “unha necesidade perentoria de profesionais cualificados para a súa inmediata incorporación”, como sinala a secretaria xeral. Esta situación levou á federación para realizar un esforzo adicional axudando na captación de traballadores como “alternativa á escaseza de profesionais”.

Perú: un país con tradición forestal

Este país suramericano, onde o 56% da superficie é forestal, conta cunha destacada industria de transformación da madeira, un dos sectores estratéxicos da súa economía. Ademais, é un país con acordos preferentes en estranxeiría e co que compartimos un mesmo idioma.

Fearmaga xa realizou unha sondaxe entre as súas empresas asociadas para identificar os perfís profesionais máis demandados e ten previsto viaxar a Perú antes de finais de ano para contratar aos profesionais que cumpran coas necesidades do sector galego. Os primeiros traballadores poderían empezar a incorporarse ás empresas a partir do mes de marzo.

“Este convenio de colaboración vai permitir realizar toda a tramitación de forma áxil e con todas as garantías para empresas e traballadores seguindo a nosa misión de axudar ás empresas galegas na súa procura de talento en vacantes sen cubrir.” indicou Diego Carbajosa, representante de Talento Grupo DC Internacional S.L.

O proceso de captación iniciarase coa publicación dunha oferta de emprego en Perú, que incluirá unha fase de preselección, entrevistas persoais e unha proba de coñecementos prácticos. Ademais, os candidatos que superen estas etapas tamén deberán aprobar un recoñecemento médico.

Antes de viaxar a Galicia, os candidatos seleccionados deberán obter o seu visado de traballo no Consulado Español en Lima e recibirán formación específica en Perú para facilitar a súa integración e adaptación á súa nova vida en Galicia, contando con acompañamento durante todo o proceso de migración.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información