A Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga) organizou esta semana o curso ‘Formación continua Biocidas TP8’ para garantir que os serradoiros galegos poidan cumprir a normativa na aplicación de biocidas TP8, conservantes, funxicidas ou insecticidas empregados para a protección da madeira.
No noso país, as empresas que utilicen biocidas TP8 e estean rexistradas no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas deben realizar unha formación específica para a aplicación destes tratamentos, desde a entrada en vigor do Real Decreto que regula a capacitación profesional para realizar tratamentos con biocidas.
Acreditar formación continua de traballadores
A normativa inclúe tamén a obrigatoriedade de manter unha formación continua de periodicidade quinquenal dirixida aos traballadores que leven a cabo actividades laborais relacionadas coa aplicación destes produtos. Tras un período de adaptación, en 2022 as empresas deberán acreditar esta formación continua.
O curso organizado por Fearmaga, deseñado co obxectivo de garantir a actualización formativa dos profesionais do sector e facilitar ás empresas o cumprimento da normativa, contou coa participación de 16 traballadores de 14 serradoiros galegos, en modalidade de aula virtual. Nas próximas semanas celebrarase unha nova edición do curso de maneira presencial, para aquelas empresas que prefiran este formato.
Cunha duración de 20 horas, os participantes recibiron formación relacionada con avances científico- técnicos, de seguridade laboral e ambiental na aplicación de produtos biocidas.
Desde a aprobación do Real Decreto, Fearmaga organizou 7 cursos que permitiu que máis de 60 traballadores de serradoiros galegos acrediten a formación necesaria para cumprir coa nova normativa e poidan seguir desempeñando as súas actividades coa máxima seguridade en materia de saúde pública e medio ambiente.
Un plan de formación específico para o sector forestal
Esta iniciativa enmárcase nun plan específico de formación de Fearmaga, destinado a alcanzar unha maior profesionalización, produtividade e competitividade do sector forestal galego. Fearmaga conta con máis de dúas décadas de experiencia no desenvolvemento de accións formativas para as empresas do sector forestal e os seus profesionais.