Fearmaga achega aos profesionais do sector forestal o uso de aplicacións para smartphones

Fearmaga achega aos profesionais do sector forestal o uso de aplicacións para smartphones

Os profesionais do sector forestal galego recibiron esta semana formación en ofimática avanzada e aplicacións para o sector forestal, a través do novo curso posto en marcha pola Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga): Formación nos Tics, novas tecnoloxías aplicadas ao sector forestal e aplicacións para smartphones.

O curso, que se desenvolveu de maneira virtual desde o pasado luns e que finalizou onte, contou coa participación de 15 traballadores. O obxectivo desta iniciativa é integrar as novas tecnoloxías no traballo diario das empresas forestais, para aproveitar todo o seu potencial e mellorar a súa competitividade.

A acción formativa inclúe formación específica e práctica en tecnoloxías móbiles e aplicacións para smartphones dirixidas á actividade forestal. Mediante a análise de aplicacións como Google Maps, Oruxmaps ou Sidcat, os asistentes descubriron e utilizaron diferentes ferramentas dixitais para a localización e xeolocalización de parcelas.

Os participantes tamén se formaron en medición forestal co uso de aplicacións como Smart Measure ou Timbeter, que permiten medir a través dos seus teléfonos móbiles diferentes parámetros dos troncos de madeira para poder realizar un inventario online. O obxectivo destas ferramentas é axilizar, automatizar e xestionar dixitalmente a obtención de información.

Un plan de formación específico para o sector forestal

Esta iniciativa enmárcase nun plan específico de formación de Fearmaga, destinado a alcanzar unha maior profesionalización, produtividade e competitividade do sector forestal galego.

Fearmaga conta con máis de dúas décadas de experiencia no desenvolvemento de accións formativas para as empresas do sector forestal e os seus profesionais.

O Plan de formación sectorial de Fearmaga desenvólvese coa colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), adscrita á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Fearmaga é unha organización sen ánimo de lucro que representa e defende os intereses dos serradoiros e rematantes galegos. Desde a súa fundación, hai 40 anos, a federación promociona e impulsa a competitividade de todas as empresas que forman este sector. Aglutina a preto de 350 empresas, o que representa o 75% dos rematantes de madeira e das industrias de aserrado que dan emprego directo a 7.000 profesionais en Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información