Feagas pon en marcha un sistema de poxas virtuais para as razas puras

A Federación Española de Asociacións de Gando Selecto incorporou un sistema para realizar poxas de gando tanto en formato virtual como mixto

Feagas pon en marcha un sistema de poxas virtuais para as razas puras

A Federación Española de Asociacións de Gando Selecto (Feagas) puxo en marcha un sistema que permite a realización de poxas gandeiras en formato virtual a través da plataforma irlandesa LSL Auctions. Trátase dun servizo que pon a disposición de tódolos seus asociados para que, no próximo ano, poidan realizar poxas de gando tanto en formato virtual como en formato mixto, con posibilidade de levalas a cabo en tempo real.

Feagas, co apoio do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa), lanza este servizo despois de que a pandemia do Covid-19 e as restricións impostas pola alerta sanitaria provocasen que a gran maioría dos certames gandeiros non se puideran celebrar de maneira presencial. Cada vez máis entidades e asociacións optaron por levar a cabo estas feiras e poxas de maneira virtual, para seguir apoiando ao sector e continuar con compra-venda de animais entre gandeiros, e Feagas tamén se decidiu a dar o paso.

A súa intención é que este servizo se utilice a futuro e se implemente na mecánica natural de celebración de poxas gandeiras cando se acaben as restricións. Feagas optou por un sistema que ofrece versatilidade, fiabilidade e escalabilidade para poder realizar poxas de todo tipo: 100% online sen subastador, 100% online con subastador en tempo real, ou modelo mixto con participación de gandeiros de maneira presencial e virtual. “Este enfoque fará que a ferramenta poida ser interesante para o sector, non soamente durante a pandemia pola suspensión de certames e poxas presenciais de gando”, xustifican dende o colectivo.

Ao poder combinar o formato online das poxas co presencial, desde Feagas agardan que isto se traduza nunha maior notoriedade e volume de participantes, e polo tanto máis probabilidades de adxudicacións ao brindar a posibilidade de participación a persoas que por diferentes motivos non poidan asistir de maneira presencial no día e a hora indicados.

A primeira experiencia

O sistema xa foi utilizado con éxito na LXXXIII Poxa Nacional de Gando bovino de Raza Pura da Comunidade de Madrid (Colmenar Viejo) do pasado 19 de decembro. A poxa realizouse integramente online e coa modalidade de poxa en tempo real, que tivo moi boa acollida entre os gandeiros e as asociacións de raza pura participantes. Chegouse mesmo a superar o número de exemplares adxudicados doutras edicións presenciais celebradas anos anteriores e o número de cartóns tanto participantes como compradores.

Varias das organizacións de raza pura integradas en Feagas trasladáronlle xa a súa intención de utilizar o sistema nos próximos meses, xa que consideran que a ferramenta pode contribuír tamén á modernización e éxito das poxas de gando selecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información