Father 1943: nova ilusión, viño e patrimonio no corazón de Monterrei

Father 1943 é o novo selo que se suma á Denominación de Orixe Monterrei, un proxecto familiar que resucita o legado vitivinícola dun crego galego en Londres e que abre as súas portas en Vilamaior (Verín) cunha aposta integradora: viño de calidade, gastronomía e territorio.

Publicidade
Inauguración da adega por parte do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda

Inauguración da adega por parte do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda

A Denominación de Orixe Monterrei vén de certificar recentemente unha nova adega, Father 1943, coa que xa son 30 as inscritas baixo o seu selo de calidade. A adega, situada en Vilamaior (Verín), xorde da man de vellos coñecedores do mundo do viño e aposta por unha combinación de modernidade, tradición e enoturismo. Este xoves os irmáns Ernesto e Asunción Rodríguez Zarraquiños inauguraron oficialmente este espazo, que reunirá baixo un mesmo concepto a bodega Father 1943 e Paisana, unha aposta por poñer en valor a tradición vitivinícola, a gastronomía e o territorio de Monterrei.

A sede da D.O. Monterrei foi o escenario da reunión do Comité de Certificación na que se deu luz verde a esta incorporación. Despois de comprobar que a adega Father 1943 (Rectoral do Monaguillo, S.L.) superaba todos os requisitos, os seus viños pasan a certificarse baixo a tipoloxía branco Monterrei.

Con esta alta, a Denominación de Orixe xa abrangue 30 adegas repartidas polos concellos de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oímbra, Castrelo do Val, Laza e Cualedro, cun total de 852 hectáreas de viñedo nas que traballan 397 viticultores.

Un proxecto con raíces e honra ao crego

 Detrás de Father 1943 está Ernesto Rodríguez Zarraquiños, coñecido como Tito, xerente da adega. Mais a súa irmá, Asunción Rodríguez Zarraquiños, tamén xoga un papel fundamental, sobre todo na parte de hostalaría, un dos piares do proxecto, tal e como aparece recollido na páxina web da D.O. Monterrei.

O nome da adega non é casual. Father naceu nunha conversa informal, cando os seus paisanos lle chamaban así en inglés a un crego ao que Tito lle tiña unha fonda admiración. “Era unha sorpresa que eu lle quería dedicar a el”, lembra Tito. O 1943 engádese en honra ao ano de nacemento desa persoa, que foi “dalgunha maneira, a alma emocional e sentimental de todo o proxecto mentres vivimos xuntos”.

Ese crego era o padre Paúl Ernesto Atanes, capelán da comunidade galega e española en Londres durante 43 anos. A comezos dos anos 2000, quixo facer algo pola súa aldea natal, A Salgueira, situada na montaña de Verín. Foi entón cando lle botou unha man ao seu afillado, Tito, que tamén facía de monaguillo cando o padre oficiaba na aldea durante as súas visitas. Xuntos comezaron a recuperar os viñedos da zona e así naceu a adega Crego e Monaguillo, un símbolo da recuperación da viticultura en Galicia.

A localización, en Vilamaior, é tamén singular. A adega atópase nunha finca cunha protección especial de patrimonio, debido á súa proximidade á igrexa, a rectoral (a casa do crego) e un pombal. “Eses detalles dificultaron bastante o proxecto e a execución de facelo aquí. As obras hoxe en día son cousas bastante complicadas”, recoñece Tito.

Tito xa fora anteriormente responsable desa adega, Crego e Monaguillo. Sobre a venda daquel proxecto, explica que non foi el quen tomou a decisión, senón que as circunstancias así o determinaron. Sobre a transición cara a Father 1943, sinala que foi tranquila, aceptando os cambios que trouxo a vida.

Tito engade que este é “un proxecto diferente, feito coa mesma ilusión, cuns obxectivos diferentes, desde logo. Aquilo era unha supervivencia, xogabámolo todo cando empezamos. Este é un proxecto diferente, xa ten máis anos, ten máis experiencia. Digamos que é un proxecto que nace dunha experiencia que fun gañando ao longo do tempo”.
Das aprendizaxes desa etapa, destaca: “Un ten que ser o mesmo cando quere afrontar algo. Non vale, todo está inventado, ti tes que ser ti mesmo. Cando a xente ve a naturalidade e a franqueza, todo é máis fácil”. Sobre os antigos viñedos, afirma rotundo: “Os viñedos non os vendín”.

Un viño pensado para ser desfrutado

A primeira certificación da adega corresponde a un branco elaborado con godello (85 %) e treixadura (15 %). En próximos días agarda a certificación tamén para a mencía. Cando se lle pregunta polo perfil do viño, Tito é claro: “O perfil dos viños de Monterrei son viños moi afrutados, moi equilibrados, moi fáciles de beber. Non son deses viños que te saturan. No seu punto, sobre todo de temperatura, son viños con moita estrutura, moito sabor e moito aroma”.

E esa filosofía esténdese ao conxunto do proxecto. Tito subliña que a ilusión é un motor fundamental: “Se non se desfruta, dificilmente se conseguen as cousas. Todos temos que traballar para cumprir os nosos caprichos e obxectivos, pero se o que fas non che gusta, dificilmente podes facer nada ben”.

Unha aposta pola calidade e polo enoturismo

A adega conta con 10 hectáreas de viñedo propio, e ademais xestiona viñedo alugado e merca uva a arredor de cen viticultores da zona. Na súa páxina web, a D.O. Monterrei destaca que a arquitectura da bodega “combina modernidade e tradición; está formada por tres cubos revestidos en pedra e aceiro, que se integran harmoniosamente na paisaxe”. Un dos aspectos diferenciadores que Tito sinala é a explotación do turismo enoturístico, “que en Monterrei está aínda por explotar”.

Sobre que achega a súa adega ás 30 xa existentes, responde: “Todos os nosos proxectos teñen un carácter moi personalizado. Intentamos transmitir como entendemos que hai que facer as cousas. Creo que é diferente, sobre todo porque achegamos moita ilusión”.

O futuro: desfrutar e seguir apostando pola calidade

Os próximos pasos de Father 1943, unha vez dentro da D.O., non son outros que “desfrutar deste proxecto”. Tito, que xa ten unha idade, afirma: “nunca me metería neste proxecto se non o desfrutase. Evidentemente, todo proxecto destes busca un rendemento, pero eu o que quero é desfrutar do mundo do viño, que me apaixoa”.

Sobre o labor da Denominación de Orixe, Tito móstrase positivo: “Creo que a D.O. Monterrei o está facendo moi ben. Todo é mellorable, pero hai que pensar que Monterrei hai catro días estaba nos cueiros, nunha denominación moi nova, onde custou moitísimo arrincar. Agora está facendo as cousas ben. Non debemos perder nunca a perspectiva da calidade. Viño hai moito en España, en Francia, en Italia… Os viños que triunfan son os que teñen calidade. Calquera fai un viño, pero un bo viño non o fai calquera”.

Por último, Tito envía unha mensaxe aos consumidores que aínda non coñecen os viños de Monterrei: “Eu teño claro, pola miña experiencia de 25 anos neste mundo, que ás veces somos descoñecidos, pero cada vez menos. Cando proben viños de Monterrei, o propio viño vai falar. Eu simplemente invíto a que se proben. A partir de aí, estou seguro do éxito”.

Father 1943 chega, así, para sumar unha nova historia de paixón, raíces e calidade ao mapa vitivinícola de Monterrei, cunha certeza: os tempos son novos, pero as receitas, as boas, seguen a ser as vellas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información