‘Fast wood, slow wood’

Artigo de opinión da Asociación A Monte, orientada á valorización das frondosas autóctonas de Galicia

‘Fast wood, slow wood’

Bosque de frondosas e uces cun aproveitamento apícola. / Imaxe: Asociación A Monte.

A pesares da importancia da superficie de monte en Galicia, por volta das dúas terceiras partes do territorio, as políticas sectoriais disque aínda non acadaron a receta de como compatibilizar a xestión do monte coa necesaria e buscada virtude que se espera de tomar amores cun triángulo de funcionalidade económica, social e medioambiental.

Seica imperan as estratexias deseñadas para unha economía de escala, industrializada e produtivista que precisa traballar con parámetros de uniformidade, homoxeneidade e adaptación a produción en serie, de xeito que se favorece a presenza de modelos de plantación coñecidos no monte galego: mellora xenética e biotecnoloxía enfocadas a crecemento rápido e volume, introdución de novas especies alóctonas para a adaptación climática a zonas adversas, silvicultura de plantación intensiva, procura de novos espazos e usos do solo para incrementar superficie dispoñible, emprego intensivo de maquinaria pesada e aplicación de tratamentos crónicos ante pragas e enfermidades.

Un modelo que provoca que as persoas propietarias e as empresas forestais, lonxe de xestionar un territorio multifuncional que dea contido ao famoso triangulo virtuoso, concentren a súa capacidade en moi poucas especies e nuns poucos produtos, en moitos casos cun baixo valor engadido, pasando a ser “maquiladoras” de produción intensiva.

Por esa vía, lógranse rendementos e réditos económicos individuais que poden ser sustanciosos a curto prazo, pero, entendemos, que colectivamente procuran escenarios pouco resilientes ante os vaivéns dun mercado global, onde abundan competidores con regulacións laxas e con custes de explotación moi baixos, e mesmo sometidos a un ferreo control por parte das empresas alfa dominantes do sector.

Fast Wood (Madeira rápida)

Infelizmente, as propostas e medidas para reducir o consumo, aumentar a duración dos produtos e potenciar o reemprego e a reciclaxe non parece que cóallen nunha sociedade afeita a un consumo masivo, global e de obsolescencia rápida dos produtos.

A tendencia de consumo “ecofriendly” está a provocar que axentes económicos achegados ao consumidor final (téxtil, embalaxes, enerxía e mesmo a construción e electrónica) teñan unha urxente necesidade de presentar alternativas aos produtos tradicionais que comercializan e comecen a procurar novas fontes de recursos sostibles para dar resposta ás demandas dos seus clientes.

Con estas premisas é de esperar que se intensifique o interese sobre os produtos bio-baseados, aumentando a demanda de materiais e produtos naturais, renovables, sostibles e de baixo impacto ambiental.

È por todos recoñecida a capacidade que o forestal e os seus produtos derivados presentan para axudar a mitigar os efectos do cambio climático, como material sostible e renovable e con múltiples oportunidades de aproveitamento e diversificación das súas aplicacións e produtos.

“A produción intensiva con monocultivos torce o rego da oportunidade de posicionar o forestal como referente da economía circular e da loita contra o cambio climático”

Pero tamén dá magoa e carraxe que o aproveitamento dun recurso tan estimable, sexa para dar satisfacción a un modelo de consumo que continúa necesitado dunha produción intensiva, con afección polo monocultivo e ávida de recursos e territorio. É así cando, a magnifica oportunidade que presenta o forestal como referente para a mitigación do cambio climático, e paradigma para una economía circular, torce o rego e atopámonos que os razoamentos e argumentos que sustentan este idea vense postos entredito.

Son moitas as voces que pregoan a capacidade de retención do carbono das plantacións forestais de crecemento rápido e quendas de corta curtas, do mesmo xeito tamén son moitas as que difiren e mesmo argumentan que o bosque natural presenta maiores capacidades de retención do carbono que as plantacións.

O beneficioso efecto da capacidade de retención da madeira sobre a mitigación da pegada de carbono, non atopa tempo para reter ou secuestrar CO2 se se emprega para produtos cun ciclo de vida curto e sometidos a unha obsolescencia inducida por motivos de moda, e non de capacidade do material.

A biodiversidade, que debería, por definición, estar presente en todo o territorio, queda relegada a nichos ecolóxicos e reservas “indias” protexidas, deixando o resto do territorio sumido nun “deserto verde” de monocultivo ultra produtivo e rendible, pero tamén exposto ás penalidades asociadas a este sistema de xestión, e lonxe do que moitos entenden por monte.

Visto o visto, auguran bos tempos para a lirica dun monte fast wood, onde os criterios de rendibilidade transforman en atractivo e cativador vivir entre eucaliptais e, os indicadores da bioeconomía permiten presumir de ser referentes para una nova era do “ecobiopower”.

Slow Wood (Madeira lenta)

Existen outras persoas propietarias e empresas forestais que intentan sacar adiante un modelo baseado nun monte con especies autóctonas, mais lento, diverso, multifuncional, sostible e mesmo rendible, que lles permita seguir desfrutando dos montes e doutro xeito de entender a relación co medio rural.

Non son desertores do sacho, perroflautas e fodechinchos fin de semana que falan dun monte con axudas, reservas da natureza, bonus track de CO2 e mesmo rendas para que os do rural sigan mantendo este ecosistema tan entrañable e enxebre, en estado de permanente beatitude, e marco incomparable para foto de prebostes, políticos eco saudables (a maioría de fotos de políticos son en montes de frondosas, moi poucas, ou ningunha, en eucaliptais) e como, dixo un economista de renome, “¿montes de frondosas?, solo para turismo”.

“Non é doado artellar modelos de negocio para un aproveitamento individual dun territorio con bosques autóctonos. Precísanse modelos e proxectos colectivos”

Estas persoas propietarias, que tamén pagan impostos, apostan por vivir do seu traballo e do aproveitamento dos recursos naturais que lles toca xestionar nun rural “vaciado”, aspirando a obter rendas que lles permitan manter unha vida digna e darlle oportunidades as súas familias, como calquera outro fillo de veciño con plantación de eucaliptos.

Un territorio cunha paisaxe multifuncional e diversa pode proporcionar recursos para establecer distintas vías de negocio e aproveitamento, de xeito complementario e cooperante. Así, aporta unha ampla variedade de biomasas e materiais lignocelulósicos para enerxía, fertilización, química sostibel e da saúde, novos materiais biobaseados, elementos para construción, e, por suposto, alimentación saudable en base a agroforestería e procesado de produtos alimenticios ecolóxicos, de calidade e de proximidade.

A súa biodiversidade presenta unha oportunidade para enxeñar propostas de emprendemento, por parte da industria cultural, onde pór en valor o patrimonio cultural, natural e paisaxístico do territorio.

Madeira de frondosas a monte

Non é doado artellar modelos de negocio para un aproveitamento individual dun territorio con bosques autóctonos, multiespecie e de crecemento lento e mesmo con destino a mercados locais con déficit de consumidores. Pero tamén é verdade que o mercado demanda e aprecia produtos feitos con madeira de calidade e degustar alimentos saudables. Por iso cada vez é necesario importar maiores cantidades de madeira de frondosas, das mesmas especies que son autóctonas de Galicia, e traer alimentos ecolóxicos a Galicia, manda truco!, doutras latitudes.

Todo isto sen falar, que daría para moito e quizais máis importante, da posibilidade dun modelo de negocio dos servizos ecosistémicos, apoiados en actividades de economía local e de mantemento dunha paisaxe resiliente (como se pide dende algunha administración), cunha biodiversidade que se pronuncia como o pilar fundamental para o mantemento da nosa sociedade (isto pideo a propia Europa) e asentando poboación en zonas rurais, valorizando terreos abandonados e redistribuíndo riqueza no territorio.

Temén é arduo e complexo para un só emprendemento acadar unha excelencia e unha calidade diferenciábel, con respecto a unha economía global e aberta, en produtos e servizos que precisan de especialización, coñecemento e estruturas, e onde un só non ten tantas oportunidades e capacidades como un conxunto de actores con distintos intereses, pero complementarios en canto ao aproveitamento de recursos e patrimonio.

Corta de castiñeiros para madeira. / Arquivo.

Corta de castiñeiros para madeira. / Arquivo.

É por iso que son de interese modelos e propostas de emprendemento colectivo onde se deseñe un aproveitamento multiactividade en cascada que, atendendo ás posibilidades que aportan os materiais e os produtos do agroforestal, deseñen unha oferta mais robusta e diferencial que permita retornos mais acaídos para a supervivencia do conxunto do modelo.

Do mesmo xeito, é necesario fortalecer tecnicamente os argumentos para definir conxuntamente, produtores, consumidores e prescriptores, criterios claros e medibles que terman dun consumo sostible e de baixo impacto social e ambiental, diferenciando claramente as bondades deste modelo de xestión sobre modelos “monos” de implantación de mono-cultivo e mono-especie e mono-produto.

Asociación A Monte

A diferenza das especies de crecemento rápido, onde contan con importantes efectivos no eido empresarial, académico e asociativo (clúster, asociacións e fundacions forestais, centros tecnolóxicos e grupos de investigación) que xuntan os seus esforzos na promoción e dinamización destas especies, as frondosas autóctonas adoecen dunha estrutura minima que permita artellar politicas e estratexias que valoricen axeitadamente as suas potencialidades.

A asociación A Monte nace coa idea ser un laboratorio de ideas onde poida circular o coñecemento e crear condicións para que poidan xurdir iniciativas e propostas de actuacións no campo da silvicultura, dos aproveitamentos forestais, do desenvolvemento de produtos e servizos, a mellora de tecnoloxías, a conservación da biodiversidade forestal e o emprendemento sostible e rendible.

Nestes intres, A Monte anda na procura de tecer alianzas e redes con outros actores para favorecer a creación dun ecosistema formado por empresas, axentes de desenvolvemento rural, académicos, entidades sociais, medioambientais e administración para acometer actividades de formación, divulgación técnico científica, desenvolvemento de proxectos de innovación e demostradores para visibilizar, comunicar e amosar as vantaxes dun modelo multifuncional e biodiverso baseado nas frondosas autóctonas de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información