Fanrela, un viño para o optimismo, nado en plena pandemia

A adega de Manuel Vázquez Losada é a última incorporación á DO Monterrei. Este mozo ourensán non dubidou en seguir co lanzamento do seu primeiro viño, pese ós atrancos que o coronavirus trouxo ás adegas estes meses

Publicidade
Fanrela, un viño para o optimismo, nado en plena pandemia

O mozo ourensán Manuel Vázquez Losada nun dos viñedos situado nas proximidades da súa adega.

Cando Manuel Vázquez Losada comezou a traballar para elaborar e comercializar o seu propio viño, ninguén podía imaxinar que o mercado se paralizaría tal e como o fixo a causa da crise do coronavirus. Pese ós atrancos que supuxo para as adegas o peche da restauración, Manuel non dubidou en continuar adiante. “Eu son bastante decidido e tiña claro que había que seguir, que tiña un viño para dar a coñecer, con identidade propia”, declara este mozo viticultor.

“Tiña claro que había que seguir adiante, pese ó coronavirus”

O coronavirus demorou un pouco os tempos que tiña marcado nun principio. Ó igual que o resto das adegas, a saída  do viño ó mercado fíxose con certo atraso. “Eu contaba ter o primeiro viño embotellado xa en febreiro e ó final fíxose en abril”, explica. Porén, Manuel tenta ver o lado positivo. “Ó estar empezando non me afectou tanto coma a outras adegas que tiñan máis cantidade de viño xa embotellado e por vender”, indica. Os efectos da crise do coronavirus sentiunos máis na cafetería que rexenta en Castrelo do Val (Ourense), o mesmo municipio onde ten a adega, e que mantivo pechada nos últimos meses.

A adega Manuel Vázquez Losada é a última incorporación á Denominación de Orixe Monterrei, un selo que comparten xa 27 adegas desta demarcación. “Estar baixo a denominación de orixe é unha oportunidade de negocio, sobre todo á hora de comercializar un viño de calidade”, valora o viticultor.

Fanrela é o primeiro viño que pon no mercado e para o ano agarda sacar tamén un tinto.

Fanrela é o primeiro viño que pon no mercado e para o ano agarda sacar tamén un tinto. // Foto. Pepe Paz.

Un branco para abrir camiño

Manuel coñeceu o mundo da viticultura de man de seus avós e seu pai, que xa elaboraban viño para consumo doméstico e para a venda directa na taberna que rexentaban na vila. Durante os 3 primeiros anos como viticultor, Manuel aproximouse ó oficio de man de seu pai, e coa xubilación deste decidiuse a apostar pola calidade e a comercialización dos seus propios viños.

A súa primeira colleita no mercado é un viño branco bautizado como Fanrela, un nome vinculado á historia familiar, posto que é o alcume co que se coñecía a casa de seus avós, onde está situada a adega. Trátase dun viño onde predomina o Godello (60%), xunto con Dona Branca (24%) e Treixadura (16%). “É un viño fresco en boca, cunha moi boa entrada e con aromas a froitas da terra, como as mazás ou as peras”, detalla o adegueiro.

Nesta primeira colleita embotellou unhas 6.300 botellas do seu viño Fanrela

Nesta campaña embotellou uns 5.000 litros de viño branco e para o ano prevé duplicar a produción e situarse nos 10.000 ou 11.000 litros, posto que tamén conta sacar ó mercado un viño tinto. Precisamente este ano xa elaborou un tinto, pero os resultados obtidos non lle convenceron e prefire descatalogalo e agardar ó vindeiro ano. “Cando presentas un viño ten que ser o mellor que deas elaborado e este ano non conseguín os resultados que agardaba co tinto, polo que prefiro deixalo para o ano”, declara o viticultor.

Coa vista posta no viño de parcela

Xunto coas variedades brancas, conta con viñas de Mencía, Araúxa e en menor medida Sousón, da que proxecta incrementar a produción nos próximos anos. Agora mesmo ten unhas 3 hectáreas de viñedo repartidas en varias parcelas próximas á adega.

Ademais, o ano pasado realizou a plantación dunha parcela de 1,5 hectáreas con cepas de Mencía e Godello. “A finca está situada nunha das mellores ladeiras para a produción de viño nesta zona”, explica o viticultor. A Seara, que así se coñece a finca, conta cos ingredientes para elaborar un viño de calidade, aínda que a produción se demorará uns anos. “É unha zona pedregosa e pobre, na que non agardo grandes cantidades, pero si conseguir un viño de calidade”, concreta.

Vides-Adega-Manuel-Vazquez-Losada-Do-Monterrei-

Algúns dos viñedos están situados nas proximidades da adega.

Este ano conseguiulle alugar a unha comunidade de monte da zona outras case 3 hectáreas de terreo próximas á Seara, nas que pretende continuar a plantar vides nos vindeiros anos. “A miña intención é seguir a elaborar o viño coas uvas propias. O meu obxectivo non é medrar senón que busco ter unha adega que me permita elaborar un viño propio, con identidade e calidade”, reivindica o colleiteiro.

Polo momento, encárgase el mesmo de case tódolos traballos e coidados que require o viñedo e coa axuda familiar afrontou campañas de maior carga de traballo como a vendima. “Esta colleita conseguimos sacala adiante así, pero en canto se vai aumentando a superficie de viñedo a vendimar, haberá que pensar noutras solucións para eses traballos”, comenta.

Tamén na elaboración do viño Manuel asume todo o proceso. “O máis importante é manter a temperatura controlada durante toda a fase de maceración para así acadar bos resultados”, subliña o vitivinicultor.

Abrirse oco nun mercado baixo mínimos

A comercialización do produto é un dos puntos que máis custa a moitos viticultores, pese a contar con viños de calidade. A situación tornouse aínda máis difícil nun mercado case paralizado polo coronavirus. Aínda así, Manuel traballa cun distribuidor en Santiago e comezou a dar a coñecer o seu viño a nivel local para, pouco a pouco, facerse un oco noutros mercados. A súa cafetería é tamén unha vía para que os clientes comecen a degustalo.

Manuel asumiu un proceso de renovación da antiga adega familiar para comezar a producir de forma profesional

Nestes primeiros tempos de viticultor, Manuel tamén afrontou a remodelación da pequena adega familiar, adaptándoa para poder cumprir as esixencias sanitarias que requiren dende a denominación de orixe. “As principais inversións foron para acondicionar tanto as paredes como os teitos e destinadas á compra de maquinaria”, concreta o produtor. Para afrontar a posta en marcha da adega de xeito profesional dispuxo de varias subvencións, como a de incorporación de mozos ó rural, que lle facilitaron o acondicionamento das instalacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información