Un dos aspectos onde se nota a escaseza de xovencas é no alto prezo que teñen as poucas dispoñibles en Galicia, que se sitúan agora nunha media de 2.900 euros. “Estamos nunha treboada perfecta. En tres anos, os prezos dos insumos -alfalfa, veza, avea, palla…- acadaron cifras históricas e o custo de criar unha xovenca subiu 500 euros. O gandeiro ten que repercutir ese custo no comprador. Por outro lado, o prezo da carne nunca estivo tan elevado e eso fai que os países exportadores prefiran sacrificar vacas que aínda están en lactación e quedarse coas novillas para sustituilas, porque lles é máis rendible.”, sinala Antonio Barreira, de Ganados Barreira Báscuas. “Tamén os xatos de menos dun mes están en cotizacións nunca vistas -8,5 euros o quilo- e as granxas teñen así na carne uns ingresos que fan que poidan prescindir da venda de novillas.”
O problema afecta a todas as razas. Principalmente na frisoa, que é a maioritaria, pero tamén en fleckvieh, brown swiss, azul belga, jersey…O que non se sabe é canto vai durar esta situación. “Dependerá dos prezos. Mentres os gandeiros non precisen vender xovencas porque teñen outros ingresos, vaise manter.” Barreira sinala tamén outro factor: a irrupción no mercado de países como Arxelia, Marruecos ou Turquía que están mercando grandes cantidades de animais a prezos moi por riba do valor real. “Neses países compran por barcos, e o barco máis pequeño leva mil vacas. Levan os animais co fin de producir leite para abastecer o mercado chinés e outros emerxentes. Non lles importa pagar o que sexa e mesmo mercan exemplares de pouca calidade porque o seu obxectivo é a longo prazo e queren acabar tendo unha cabana propia dimensionada.”
A enfermidade da lingua azul é outro motivo de peso. Por toda Europa hai diferentes serotipos e é normal que se tomen medidas. Así, hai que vacinar e revacinar as vacas, practicar corentenas que poden durar un mes…uns procesos que poden supoñer un custo de ata 600 euros para o gandeiro e que o levan en moitos casos a desistir da venda.
Ganados Barreira: “Estamos nunha tormenta perfecta para que suba o prezo das xovencas”
Para dar solución os gandeiros que están buscando xovencas, Barreira cre que a pelota está en mans das administración públicas. Especialmente do Ministerio de Agricultura e da Comisión Europea. “Agora estase esixindo que os animais veñan vacinados, cando sería máis rápido e igual de eficaz que chegase con presentar unha PCR negativa. Ademais, deberían reducir as exportacións de animais vivos hacia países onde non hai ningún requisito nin protocolo de benestar animal como temos en Europa.”
Un diagnóstico similar fai Santiago García, de Finca La Asunción, en Touro, que leva 60 anos adicada a importación de gando vacún, se ben sinala tamén o contínuo peche de explotacións en toda Europa como outra causa da falta de novillas. “Recriar é caro e agora os animais para carne páganse moi ben. Por eso hai cada vez máis cruzamentos con razas cárnicas. Por outro lado, a tendencia é a reducir carga gandeira porque cada vez se penalizan máis as emisións de nitratos e nitritos e a vaca está no punto de mira como emisora.”
Santiago Garcia (Finca La Asunción): “Non é tanto un problema de desabastecemento senón máis ben de demora. Antes tiñas o animal nunha semana e agora hai que esperar máis dun mes”
García cifra o tempo de espera para recibir unha xovenca entre 30 e 50 días. “Hoxe hai moi poucas zonas onde se pode mercar sen restricións. Só a Bretaña francesa está aberta. E é que en España temos tres serotipos de lingua azul fronte os cinco que hai no resto de Europa.” Dende Finca La Asunción relativizan a competencia do norte de África ou Turquía porque, di, levan animais de pouca calidade xenética e de idade diferente aos que se moven no interior da UE. O prezo medio das xovencas de importación está hoxe en 2.500 de media. García cre que non vai subir a medio prazo. “Tería que darse unha baixada moi grande na produción de leite en toda Europa mesturada cun crecemento da demanda.” Buscar en Canadá ou Estados Unidos a solución á falta de xovencas semella non asumible. “Alí hai un problema de leucosis. As vacas terían que ser vacinadas ou tratadas e gardar corentenas. Aparte de que os custes de transporte se dispararían. Hoxe un porte dende Francia supón 150 euros e dende Alemaña 300, imaxínate dende América. Canadá ou Estados Unidos servirían para traer algún animal de alta xenética en casos moi puntuais, pero non son a solución ao que pasa agora.”
García cre que o único que se pode facer é ter paciencia. “Nós priorizamos os gandeiros que tiveron baleirados sanitarios ou perderon moitos exemplares na recría. Pero a situación é a que é e non se pode facer outra cousa que agardar. Non é tanto un problema de desabastecemento senón máis ben de demora. Antes tiñas o animal nunha semana e agora hai que esperar máis dun mes. Pero sempre se suministra. E esto tamén favorece o mercado galego, que pode medrar ainda que é limitado.”
Joaquín Diego (CIPSA PECUARIA): “A situación mellorará a comezos de abril, cando xa estará dispoñible en Alemania a vacina compatible co serotipo da lingua azul presente en España”
Joaquín Diego, de Cipsa Pecuaria, sinala que o problema de escaseza de xovencas é a nivel mundial e pon o foco na desatención ás cuestións sanitarias. “Cando nos mercan unha novilla, sempre é para mellorar o que xa temos no rabaño. Agora temos animais perfectos no xenotipo e o fenotipo pero que están inmobilizados por cuestións sanitarias. A nós estannos pedindo uns cinco camións ao mes -unhas 150 vacas- e só nos serven dous. O cal supón un problema comercial porque tes que decidir a que cliente priorizas.” Aínda así, Diego cre que a situación mellorará a comezos de abril, cando xa estará dispoñible en Alemania a vacina compatible co serotipo da lingua azul presente en España. E é que na empresa traballan só co mercado alemán, que é o máis paralizado.
Dende Cipsa recomendan priorizar a sanidade por riba de calquera outra cuestión. “Se mercamos unha xovenca para sair do paso e non trae todas as garantías sanitarias, podemos acabar contaminando todo o rabaño. Sempre é mellor non arriscar en saúde animal.” Incluso recomendan rexeitar animais de alta xenética e capacidade produtiva se non cumpren todos os requisitos sanitarios.
Tamén consideran que España non reúne as condicións para ser un país gran exportador de xovencas nin mesmo un gran produtor. “A diferencia de Francia ou Alemania, o tamaño das explotacións aquí é moi pequeno. Necesitaríanse moitas hectáreas de pasto para poder ter as xovencas con espazo suficiente para que poidan desenvolver todo o seu potencial. E esas hectáreas habería que restalas a outras actividades máis produtivas. Non seriamos competitivos porque a recría noutros países sae máis barata e con exemplares mellores dende o punto de vista morfolóxico.” Aínda así, Diego recomenda non deixarse seducir polos altos prezos da carne e non vender todas as xatas que nacen porque, entre elas, pode haber animais que cheguen a producir ata 50.000 litros de leite.
“A mellor opción, neste momento, é centrarse na recría”
Dende o punto de vista dos gandeiros, Manuel Sandamil, presidente da Federación Frisoa Galega (Fefriga), indica que o prezo dos animais acabados de nacer é moi interesante para as granxas e por eso optan por quedar só cos exemplares que necesitan para recría. E tamén alude a cuestións sanitarias, se ben con outra perspectiva. “A EHE e a lingua azul provocaron moitas baixas por morte ou perda de fertilidade. Por eso houbo que botar man de todo animal dispoñible e san para repoñer e recuperar a produción.” Ademaís, Sandamil aclara que moitas granxas prefiren deixar vacas para desvelle, porque se están a pagar mellor ca nunca, antes que vendelas para outras explotacións.
O presidente de Fefriga tamén coincide en destacar o alto prezo que teñen as xovencas do mercado galego pola boa xestión que se está a facer da recría e polas óptimas condicións sanitarias da cabana galega. “A mellor opción, neste momento, é centrarse na recría. Porque se non hai xovencas pouco se pode facer para conseguilas. Ademais é moi difícil conseguir máis de tres ou catro animais e visitando moitas granxas. Terían que vir dalgunha granxa que peche ou cambie de leite a carne.” Sandamil opina que non está claro cando se superará esta situación pero lembra que hai dous anos o que escaseaba eran vacas adultas. Polo tanto, son situacións cíclicas que hai que afrontar.
A aparición de novos compradores no norte de África é algo que preocupa no sector produtor. “En novembro estiven mercando en Francia e o operador decíame que podería vender moito máis do que ten e a mellor prezo grazas a eses países que antes non mercaban.” Sandamil cre que o 85% das explotacións poden manterse malia a falta de xovencas no mercado porque a recría está xa asentada en Galicia e garante, como mínimo, seguir co mesmo nivel de actividade. “Outra cousa sería se aparece un grave problema sanitario que obrigue a un baleirado da granxa, pero sería algo moi excepcional. E o seme sexado é outra garantía de que poidamos ter produción de leite aínda que se demore uns meses.”