“A falta de ordenación dos usos da terra é unha das causas estruturais dos lumes”

Francisco Sineiro, ex-profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, analizou nunhas xornadas os factores que aumentan a vulnerabilidade do territorio ante os incendios forestais

“A falta de ordenación dos usos da terra é unha das causas estruturais dos lumes”

Francisco Sineiro, na súa intervención nas xornadas sobre lumes do Consello da Cultura Galega. / Imaxe: Consello da Cultura Galega.

As xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega sobre as novas vagas de lumes, agravadas polo cambio climático, contaron cunha análise das causas estruturais dos incendios forestais en Galicia. Esa análise correu a cargo de Francisco Sineiro, profesor xubilado da Escola Politécnica Superior de Lugo, quen incidiu en dous factores: o abandono ou mal uso da terra e a falta de ordenación do territorio.

“Galicia ten terra suficiente para a actividade gandeira e forestal, pero falta un equilibrio no uso das terras. A gandería precisa máis superficie, en tanto están a quedar moitas terras a monte, sen uso produtivo”, valora. “Precisamos dunha política rural integrada, que non existe, e de medidas de ordenación dos usos das terras que se cumpran e se fagan cumprir”, destacou.

“A agricultura tradicional non vai volver. Hai que buscar novas solucións para as terras que quedan a monte”

Un dos problemas que enuncia Sineiro, o das terras que quedan a monte, ten a súa orixe na desaparición da agricultura tradicional. Se nos anos 60, alomenos o 50% do territorio galego tiña un uso agrario, ben de cultivos, pastos e zonas de mato aproveitadas polo gando, na actualidade só un 28% da terra ten uso agrario. Outro 21% está a mato, un 40% está arborado e un 10% é urbán e non agrario, segundo os datos expostos na ponencia.

“O reto pendente de resolver -sinala Sineiro- é o das terras que quedan a monte. A agricultura tradicional non vai volver, así que hai que buscar novas solucións”. Sineiro apunta que a perda de presenza do gando no monte está ligado a factores como a falta de superficies dispoñibles ou excesivamente parceladas, os danos do lobo ou á ausencia de peches axeitados.

O ex-profesor da Escola Politécnica avoga por medidas de ordenación dos usos da terra que fomenten a súa mobilidade e a mellora da base territorial das explotacións agrarias. Tamén defende a necesidade de organizar e dinamizar o uso dos montes veciñais, que supoñen un terzo de toda a superficie forestal galega. “As comunidades de montes deixáronse ir envellecendo sen adoptar ningunha medida durante décadas”, critica.

“Un incumprimento da normativa de usos da terra xera máis incumprimentos, xa que serve de mal exemplo no entorno, ao ver que non pasa nada”

No tocante ó monte particular, Sineiro sitúa o foco na necesidade de organizar sociedades para constituír unidades de produción viables. “É dos grandes retos que hai”, destaca, se ben ao longo das xornadas cuestionouse o resultado das sociedades de fomento forestal (Sofor) impulsadas pola Xunta, das que en seis anos só se constituiron 11 en toda a comunidade.

Cumprimento da normativa
Xunto coa dinamización do uso da terra, outra das grandes liñas de acción pendentes sitúaa Sineiro no cumprimento das directrices básicas de usos da terra. “Un incumprimento xera máis incumprimentos, pois serve de exemplo para o entorno, ao ver que non pasa nada”, advirte. “Igual que temos unha guardia civil ambiental, sería necesario un corpo que primeiro explicase as normas de uso da terra e que, en último termo, sancionase”, defende, en alusión a problemas como a forestación ilegal de terras agrarias.

As rendas rurais, un terzo inferiores á media galega

O progresivo abandono das terras ten unha relación directa co despoboamento do medio rural. A ese respecto, Sineiro destacou que non lle preocupa só a diferenza vexetativa entre os que nacen e os que morren no rural, senón a marcha de persoas en idade media, que deixan as aldeas para ir a un medio urbán ou vilego.

Nun estudo de hai unha década, Sineiro sinala que se comprobou como a renda do rural intenso -que aglutina á maior parte dos concellos do interior de Lugo, Ourense e parte dos da Coruña- era un terzo inferior á media da renda galega.

Se se analizan as explotacións agrarias, a penas un 16% era viable cos únicos ingresos da explotación, pois a maioría dependían de rendas complementarias e/ou de pensións familiares. Sineiro avoga por apoiar a economía das explotacións familiares por medio de xornais de traballo no monte, así como por axudas ou compensacións por melloras ambientais.

O ex-profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo propón un plan de emprego ligado a actividades forestais e medioambientais que beneficie á poboación rural, así como incentivos para o uso do monte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información