A falta de limpeza de fincas centra as queixas do agro á Valedora do Pobo

Das 105 queixas tramitadas relacionadas co rural, un total de 65 corresponden á prevención de incendios forestais. Os problemas derivados das concentracións parcelarias son o segundo foco de reclamacións

A falta de limpeza de fincas centra as queixas do agro á Valedora do Pobo

A proximidade do arborado a vivendas ou a falta de desbroce de fincas forestais suscitan a maioría das queixas. / Arquivo.

A Valedora do Pobo é un organismo no que a cidadanía adoita buscar amparo cando lle fallan o resto de institucións. O seu informe anual de queixas é un termómetro das preocupacións sociais que teñen complicada solución. Un ano máis, o ránking de problemas difíciles encabézao a falta de limpeza de fincas forestais próximas a vivendas. Arredor da metade de expedientes ligados ó rural que tramitou a Valedora, 53 de 105, corresponden a esta cuestión.

A falta de xestión de biomasa forestal é un problema xeneralizado en toda Galicia, como proba que as queixas chegadas ó organismo proceden de tódalas provincias, tanto de áreas metropolitanas como de comarcas rurais da costa ou do interior.

Cando lle chega unha queixa deste tipo, a Valedora adoita trasladarlle a cuestións ós Concellos implicados. Os gobernos locais son os encargados de contactar cos propietarios para emprazalos ós correspondentes desbroces. De non proceder os propietarios á limpeza, os Concellos poden aplicar multas coercitivas e proceder á execución subsidiaria, cargándolle os custos ós propietarios, segundo lembra a Valedora no seu informe 2021.

Distancias de arborado e plantacións ilegais
Un segundo foco de queixas ligadas coa prevención de incendios atópase nas distancias do arborado ás vivendas e nas plantacións ilegais, en especial de eucaliptos, en terreos nos que esta especie está prohibida. Por estes motivos, a institución recibiu unha ducia de reclamacións.

A Valedora do Pobo sinala que o proceso para solventar este tipo de cuestións é complexo, pois inclúe inspeccións e medicións sobre o terreo dos axentes forestais, así como a determinación dos propietarios implicados. En caso de que non se localice ós propietarios, haberá que proceder a publicacións nos diarios oficiais (Boe e Dog), o que dilata os trámites e os prazos a cumprir. “Debido á complexidade do expediente e os medios con que contan os pequenos Concellos, a finalización dos expedientes con execución subsidiaria prolóngase no tempo”, recoñece a Valedora.

Outras cuestións forestais
No informe de actividade da Valedora do último ano, hai outra cuestión forestal a destacar, a queixa de asociacións de Riotorto, Meira, A Pontenova e Pastoriza (Lugo) polas taxas municipais á extracción de madeira. Desde o punto de vista da Valedora, trátase de taxas acertadas, pois actividades como a forestal ou a das canteiras implican un impacto para as pistas. “O obxectivo da taxa é que os danos causados á rede viaria municipal sexan soportados polos causantes dos mesmos, que obteñen un beneficio pola realización da súa actividade”, subliña.

Cuestións agrarias
En cuestións estrictamente agrarias, a concentración parcelaria volve ser un dos motivos máis frecuentes de queixas, por factores diversos como desacordo coas fincas de reemprazo, retrasos, estado de camiños de acceso e outros.

Tamén se recibiu unha queixa polas axudas do lobo, en concreto dunha granxa que entendía denegada a súa solicitude de dano por silencio administrativo. É dicir, pasados 3 meses da solicitude non recibira contestación da Consellería de Medio Ambiente. Consultada a Consellería pola Valedora, Medio Ambiente precisou que os seus traballadores non tiveran capacidade para contestar ó expediente en tempo, pero que esa indemnización fóra aprobada por unha resolución posterior, o que deixaba sen efecto a suposta denegación por silencio administrativo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información