Faílde, unha gandería que compaxina a granxa de vacas de leite, a de porcos e a de polos

A familia Faílde Fernández levaba anos compatibilizando a gandería de leite con varias granxas de porcos. A incorporación do fillo á actividade gandeira propiciou que deran un paso cara outro sector e construíran una granxa de polos. Coñecemos máis polo miúdo esta gandería diversificada de Rodeiro

Faílde, unha gandería que compaxina a granxa de vacas de leite, a de porcos e a de polos

Carlos Faílde e Adrián Rielo, nas instalacións da nave avícola da gandería.

Na gandería Faílde, en Rodeiro (Pontevedra), compaxínase o coidado das vacas, co dos porcos e os polos. Carlos Faílde e Rocío Fernández decidiron diversificar a súa actividade gandeira e xunto co rabaño das vacas frisoas de produción de leite incluíron varias granxas de cebo de porcos. Cando o seu fillo Carlos se incorporou á gandería familiar fíxoo apostando polos polos e construíron unha nova granxa.

Hoxe compatibilizan as 3 actividades, aínda que coa vista posta en centrarse so nas granxas avícola e de porcino. “Precisaríamos facer máis inversións nas instalacións para continuar coa produción de leite, polo que xa estamos pensando en ir cambiando cara un rabaño de carne en extensivo”, explica o mozo.

No seu día a día, cada un dos membros da familia está centrado nunha das actividades e os tres colaboran en momentos puntuais ou nas campañas de máis traballo. Así mentres, o mozo se encarga da granxa dos polos, o pai atende as catro naves de cebo de porcos e a nai xestiona a gandería de vacún de leite en pastoreo.

A granxa de polos

Hai 7 anos que Carlos se incorporou á gandería e dende o 2016 atende a nova nave que construíron para os polos na aldea dos seus avós, en Paredes de Álceme. “Eu quería tirar por unha rama diferente ó que xa tiñamos na casa, por iso me decidín a construír a nave dos polos”, comenta. Coa instalación da nave nestas terras, a poucos quilómetros do lugar de A Portela, onde reside a familia e teñen o resto da gandería, están a continuar aproveitando as terras familiares. “Houbo un tempo que tivemos aquí tamén a recría das vacas, pero non resultaba cómodo para iso e decidímonos a construír aquí a granxa dos polos”, apunta.

“Eu quería tirar por unha rama diferente ó que xa tiñamos, por iso me decidín a construír a nave dos polos”

As novas instalacións, dotadas con sistemas automatizados de alimentación e controis dos animais, teñen capacidade para uns 22.000 polos. Nun convenio coa integradora Coren, Carlos sacou adiante unha media de 6 camadas anuais, nestes tres anos que leva funcionando. “Polo momento estamos moi contentos. Eles encárganse de poñer os animais, o penso, os consumibles das camas e de buscar solucións cando xurde algún problema nestes ámbitos. Eu reviso e controlo os animais no día a día e xestiono o mantemento das instalacións”, detalla.

nave-polos-Ganderia-Failde-

Estado das instalacións antes da entrada dunha nova camada de polos.

Deste xeito, cada día a primeira hora, controla o estado dos animais así como a limpeza e os comedeiros para asegurarse que teñan dispoñible o alimento. A revisión repítese a última hora da xornada, aínda que tamén conta con sistemas de alarma que detectan incidencias tanto na alimentación, como na ventilación ou no sistema de calefacción, que son determinantes para a supervivencia dos animais. Unha vez á semana, tamén a cama dos polos.

A construción das novas instalacións supuxo unha inversión duns 340.000 euros, para o que obtiveron financiamento a través das axudas de incorporación e do plan de mellora da consellería de Medio Rural.

O cebo dos porcos

O pai de Carlos é quen se encarga de atender as catro granxas de porco de cebo que xestionan. Nelas teñen capacidade para uns 2.000 porcos cebados. Hai xa máis de 20 anos que construíron a primeira destas granxas e nestes anos foron ampliando e remodelándoas de xeito que agora teñen as 4 operativas.

Carlos-Failde-Gand-porcino-Failde-

Teñen capacidade para uns 2.000 porcos de cebo.

Na gandería de porcino traballan nun sistema de integración coa firma Nutriporc, que lle subministra os animais con 20 días e eles aténdenos ata que acadan os 4 meses. Cando cómpre desinfectar as instalacións, sobre todo entre camada e camada, na gandería empregan produtos como o Virufín, un potente desinfectante que elaboran na empresa lalinense Proquideza, e que lle subministran directamente.

O tratamento da auga na granxa é tamén fundamental, polo que adoitan empregar unha solución de peróxido, que tamén lle proporciona Proquideza, e coa que garanten a desinfección da auga e reducen os riscos de infeccións durante o cebo dos animais. “Levamos xa máis de 4 anos traballando só cos produtos de Proquideza polos bos resultados que nos están a dar”, afirma o gandeiro. É tamén esta firma dezá a que lle abastece o tratamento para os xurros, o Purifín. “Este tratamento licúa, elimina os cheiros e mellora o poder fertilizante dos xurros”, explica Adrián Rielo, técnico da firma Proquideza, que se encarga do reparto dos produtos á gandería.

Tanto o xurro das granxas de porcos como a dos polos emprégano para a fertilización das 35 hectáreas de terreo, a metade delas en propiedade, que manexan coa gandería de vacún. Todas elas téñenas a pradeira, que van renovando periodicamente con Raigrás inglés.

Carlos-Failde--Vacas-pastoreo-Gand-Failde

Unha das vacas que máis aprecia Carlos na gandería é un exemplar da raza Montbeliarde.

As vacas, en pastoreo

O terceiro pé da Gandería Faílde constitúeo a granxa de vacún de leite en extensivo, que xestiona directamente Rocío Fernández, aínda que para aqueles labores que requiren de maquinaria agrícola adoita colaborar tamén Carlos. Contan cun rabaño de 30 cabezas de vacas frisoas e pasiegas na súa maioría, e das que teñen unhas 24 en muxido. Teñen unha produción anual duns 200.000 litros, cunhas calidades de proteína de 3,4% e de graxa de 3,9%.

As vacas pasan no prado boa parte do día, dende media mañá ata que cómpre volvelas traer para a granxa para o muxido, do que se encarga Rocio, nun sistema de circuíto de cinco puntos. “Temos unhas instalacións antigas, que fomos reformando e ampliando para poder ter capacidade para 30 vacas”, apunta o gandeiro.

Xunto co pasto, a ración das vacas en produción compleméntana con silo de herba e uns 8 quilos de penso, cantidade que varían manualmente en función do aporte que lle proporcione a herba da pradeira. A herba, ben sexa fresca ou no silo, é o ingrediente principal da alimentación destas vacas, xa que na gandería non botan millo nin o mercan. “Levamos moitos anos sen botar millo para as vacas, funciónanos ben co silo de herba e co pasto”, valora.

Vacas-Ganderia-Failde-

Boa parte dos traballos de laboreo e mantemento da terra da gandería realízanos coa súa propia maquinaria, aínda que para a campaña de ensilado adoitan contratar algúns dos labores á Cooperativa O Rodo, de Rodeiro, da que son socios.

Na gandería de vacún, Proquideza é tamén un aliado para garantir a limpeza das instalacións. Así é que acostuman empregar solucións como o deterxente Bactoclor, un desinfectante alcalino clorado, e o desincrustante Decalcid. Non só no lavado das instalacións botan man destes produtos, senón que a firma dezá tamén lles proporciona solucións para garantir a hixiene dos animais como o selador Lactovac-n, un baño de tetos cunha elevada capacidade dermoprotectora, grazas ó seu alto contido en suavizantes.

Polo momento aínda teñen previsto continuar coa gandería de vacún de leite, pero xa están barallando ir dando o cambio cara á produción de carne en extensivo. De feito, levan xa varios anos sen contar con recría propia. “As instalacións que temos non nos permiten crialas con comodidade, polo que cando precisamos, preferimos mercar unha xovenca”, explica o gandeiro.

Hai uns anos tiveron unha mala experiencia coas moscas na recría e foi un dos detonantes para que se decidiran por deixala. Agora tódolos exemplares que lle nacen na gandería véndenllos directamente a Ganados José Manuel Cambeiro. Así é que xa inseminan para ter becerros de cruces industriais. “Se botas conta das horas que precisas para atender as vacas, en comparación co que che requiren as granxas de porcos e de polos, nunca che vai compensar”, valora Carlos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información