Fademur e a Deputación da Coruña homenaxearon ás mulleres rurais de Pontedeume

A poeta e labrega de Agrón (Ames) Filomena Fraga, a gandeira de Ortigueira Rosa Carrodeguas, a xornalista de SER Galicia Lara Salgado, e o proxecto Entrelampo de Santiago recibiron os recoñecementos deste ano

Fademur e a Deputación da Coruña homenaxearon ás mulleres rurais de Pontedeume

O municipio de Pontedeume celebrou, un ano máis, unha homenaxe con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais. O encontro, organizado pola Deputación da Coruña e FADEMUR Galicia, reuniu a máis de 400 mulleres chegadas de todas as comarcas da provincia.

A cita puxo en valor o papel das mulleres no desenvolvemento económico, social e cultural do medio rural e recoñeceu o labor de quen mantén vivo o territorio. Por iso se entregaron os recoñecementos ás Mulleres Rurais 2025, impulsados pola Deputación da Coruña, que poñen en valor a contribución das mulleres e das iniciativas que transforman, dinamizan e fortalecen o medio rural.

A xornalista de SER Galicia Lara Salgado foi distinguida polo seu compromiso coa información e a comunicación desde o territorio. Graduada en Xornalismo e Dereito, Salgado destacou este ano pola súa cobertura rigorosa e próxima dos incendios que asolaron o sur da provincia de Ourense, ofrecendo unha información útil, humana e comprometida coa xente do rural.

O segundo recoñecemento foi para o proxecto Entrelampo, en Santiago de Compostela, unha iniciativa de economía social que aposta pola inclusión laboral de persoas con problemas de saúde mental a través da produción agroecolóxica e do emprego sostible. A asociación, que comercializa produtos de proximidade baixo marcas tan simbólicas como Avoa Hortensia, Xema ou Clara, foi premiada pola súa contribución a un rural máis inclusivo, solidario e respectuoso co medio ambiente.

Tanto FADEMUR como a Deputación da Coruña coincidiron en que o emprendemento feminino e o asociacionismo son claves para frear o despoboamento e garantir o futuro do rural

Tamén foi recoñecida Rosa Carrodeguas, gandeira de Ortigueira, polo seu compromiso co sector primario e o territorio. Pioneira en poñerse á fronte dunha explotación de vacún de carne nunha comarca de gran valor ambiental, Rosa destacou polo seu traballo incansable en defensa dos prezos xustos e pola súa implicación sindical e asociativa a través de Unións Agrarias e da Asociación de Mulleres Rurais Ortegalia.

O último dos recoñecementos foi para Filomena Fraga, poeta e labrega de Agrón, no concello de Ames, que aos seus case cen anos é exemplo de sabedoría, resistencia e compromiso coa igualdade. Vinculada á creación da Escola Familiar Rural da súa parroquia e defensora da educación como ferramenta de liberdade, Filomena encarna o espírito das mulleres que abriron camiño e inspiraron xeracións.

O encontro contou coa asistencia do presidente provincial, Valentín González Formoso, o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, a presidenta e a secretaria xeral de Fademur Galicia, Verónica Marcos e Rosa Arcos, e o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García. Tanto FADEMUR como a Deputación da Coruña coincidiron en que o emprendemento feminino e o asociacionismo son claves para frear o despoboamento e garantir o futuro do rural, promovendo servizos, emprego e oportunidades en igualdade. “As mulleres son o motor do rural e, sen elas, non hai futuro posible para as nosas aldeas”, destacou González Formoso. O presidente afirmou que “Galicia ten no rural unha fonte inmensa de oportunidades”, pero advertiu da necesidades de impulsar políticas que revertan a situación de abandono histórico do rural, que preveñan os incendios e que o “doten de máis e mellores servizos públicos, infraestruturas e oportunidades de emprego que permitan establecer no rural proxectos de vida”.

Rosa Arcos, afirmou que “hoxe estamos aquí para falar de Mulleres, de Organización, do Rural, de Asociacionismo, de Igualdade, de Memoria e de Avance, e todas as iniciais destas palabras forman un precioso nome de muller: Moraima, co que queremos celebrar este Día da Muller Rural en Pontedeume”.

Tanto Rosa Arcos como Verónica Marcos lembraron que a entidade cumprirá 20 anos en 2026 “reivindicando un futuro mellor para o rural e representando os intereses das mulleres, que son o motor do rural galego”.

O acto, que contou tamén coa participación musical da regueifeira Lupe Blanco, rematou cunha emotiva homenaxe a todas as mulleres que fan posible un rural vivo, sostible e igualitario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información