
As novas medidas de facturación electrónica -especialmente o sistema Verifactu- e as relativas a envases e embalaxes poden acabar prexudicando os pequenos produtores e as empresas de pouco volume e estrutura que, ademais, teñen que competir no difícil mercado da venda directa. É a conclusión de colectivos que agrupan a produtores, cooperativas e pequenas empresas.
A normativa de envases entrou en vigor o 1 de xaneiro deste ano. Pero xa vai ser reformada no 2026 por un regulamento comunitario, co cal se crea confusión e máis problemas ao produtor. Por eso, piden sentido común as administracións autonómica e central e que se faga unha aplicación gradual, unha redución ou exención de gravames e un acompañamento efectivo.
A norma establece que hai que levar un rexistro numerado de todos os envases que se empregan, que sexan adaptados á normativa e que ese rexistro estea vencellado cun Sistema Colectivo de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAP)- E eso ten uns custos.
Para a reciclaxe de envases pagamos polo residuo, polo supervisor e polo propio envase. Un triple gasto inxustificado (Carlos Rea, AGOAAP)
Ademais, hai que facer constar na etiquetaxe os materiais que se empregan e que tipo de residuos supoñen -e, por tanto a que colector deben ir-. “Estamos pagando tres veces o custo do reciclaxe: polo residuo que producimos, polo xestor que nos supervisa e por cada envase que empregamos.”
Tanto a aplicación de normativa de envases, os materiais, as cantidades e a súa contabilidade teñen que ir recollidos na factura. Por eso, os produtores din que non só complica o envasado senón tamén a facturación.
“Non se pode aplicar a mesma normativa e esixencias a un produtor que está só no seu negocio que a unha gran industria. Ou, polo menos, non cos mesmos prazos e criterios. Sería moi lesivo para o pequeno tecido produtivo agrogandeiro.”, dixo Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA).
“Tampouco pode ser que unha pequena empresa ou unha cooperativa teña que destinar recursos e persoal específicos para atender toda esta tramitación, que é moi traballosa. “, dixo Mougán. E pediu tamén que se dispoña de ferramentas dixitais o máis desenvolvidas posible.
O principal cometido de produtores e empresas é producir e transfomar. Non poden dedicar horas e horas á burocracia. (Higinio Mougán, xerente de AGACA)
Os asinantes remitiron escritos con reclamacións e propostas de medidas á Xunta de Galicia, e ós ministerios de Agricultura e de Hacienda. “O sector primario está nunha empanada normativa constante. Por exemplo, o caderno dixital non está adaptado á operativa do día a día das explotacións e por eso xa se vai volver demorar a súa aplicación e veremos en que condicións.”

As botellas e outros envases estarán suxeitos a controis para a súa reciclaxe
Leonor Lorenzo, Presidenta de Slow Food Compostela (SFC) falou de que hai moito malestar entre os socios e lembra que organizaron formacións específicas sobre facturación electrónica e xestión de residuos de envases e que os propios profesores non puideron aclarar as dúbidas dos socios por non estar nada claros os aspectos técnicos e legais.
“Bastante traballo supón producir os alimentos e vendelos como para, por riba, ter que dedicar unhas horas das que non dispoñemos a estes temas que non se acaban de definir axeitadamente.”, dixo Lorenzo.
A representante de SFC aludiu ao feito de que, cando se fan consultas sobre envases e facturación electrónica na administración, tampouco se obteñen respostas. E pediu que se deixe claro a que entes públicos -autonómicos, estatais ou europeos- corresponde tomar e aplicar as medidas.
Ademais, estas situacións crean malestar entre os produtores porque “mentres non se deixan claros os requisitos legais e non se di exactamente o que hai que facer e como hai que facelo, o produtor ten a sensación de que vive ao borde da legalidade. E eso non é normal.”
A inconcrección, demora e falta de claridade das normativas leva o produtor a sentirse ao borde da legalidade. Algo inxusto. (Leonor Lorenzo, SFC)
José Carlos Rea, da Asociación Galega de Operadores Artesanais de Alimentación e Pensos (AGOAAP) insistiu en que as normativas están deseñadas para grandes empresas situadas en centros industriais e non “para o 98% dos nosos asociados, que viven e traballan nun entorno rural despoboado.”
“Estamos dedicando un 40% do noso tempo, á burocracia, a traballos que non terían que ser competencia nosa e, ademais, con cada vez máis dificultades técnicas e legais engadidas. Ese tempo teriámolo que dedicar a producir e transformar, que é a mellor garantía para o consumidor.”

A facturación electrónica vese freada pola falta de conexión e de cobertura
Rea opina que o exceso de burocracia -que obriga a ter que pagar cada vez máis ás xestorías ou a perder horas de traballo produtivo- sumado á suba das materias primas e insumos nalgúns sectores agrarios e gandeiros pode levar a que aumenten os prezos dos alimentos ou ao peche de explotacións se as subas en orixe non cubren os gastos burocráticos.
Por outro lado, Rea criticou que se obrigue a desenvolver sistemas de facturación electrónica como é o caso de Verifactu, cando “a inmensa maioría de pequenos produtores e pequenas empresas que estamos no rural seguimos tendo enormes problemas de conexión e cobertura.”
Os convocantes, aos que se sumou a plataforma de produtores ecolóxicos galegos PROECOGAL, fan un chamamento a todas as organizacións de produtores de Galicia e mesmo de España a actuar conxuntamente para poñer fin a unha situación que, aseguran, pon en risco a viabilidade de centos de explotacións e pequenas empresas.
Galego









Control OJD