Factores socioeconómicos e de xénero aumentan os riscos laborais nas mulleres do sector agropecuario galego

O Sindicato Labrego Galego, co financiamento da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, está a desenvolver a campaña TRABALLA SEGURA, unha campaña a prol da saúde laboral das mulleres labregas cuxo obxectivo é reducir os riscos laborais e enfermidades profesionais no sector agrario

Factores socioeconómicos e de xénero aumentan os riscos laborais nas mulleres do sector agropecuario galego

As desigualdades no acceso á recursos, formación especializada con perspectiva de xénero, a dobre xornada e as barreiras na atención médica agravan a sinistralidade e enfermidades profesionais das labregas.
En Galicia, o sector primario, que engloba a agricultura, gandería e silvicultura, emprega a aproximadamente 89.500 persoas. Con todo, a distribución de xénero nestes empregos reflicte unha marcada desigualdade xa que só o 30% destes postos están ocupados por mulleres, segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA).

Pero estas cifras non reflicten a realidade completa. Existe un número moi importante de mulleres invisibilizadas, que se dedican á profesión labrega pero non constan nas estatísticas oficiais. Moitas non son titulares das explotacións, non cotizan á seguridade social e son frecuentemente denominadas como “axuda familiar”. Estas mulleres, aínda que desempeñan un papel fundamental na produción agrícola, permanecen sen recoñecemento legal nin protección social. Segundo un borrador de 2021 da análise de xénero da Política Agraria Común (PAC) 2023-2027, estimábase que entre 31.000 e 55.500 mulleres en España poderían acollerse á Lei 35/2011 de Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias, destinada a visibilizar e recoñecer legalmente ás mulleres que traballan nas explotacións familiares. Non obstante, na actualidade só se rexistraron 1.345 solicitudes ao amparo desta lei. Isto deixa a decenas de miles de mulleres en situación de vulnerabilidade e invisibilidade.

Estas mulleres enfrontan riscos laborais exacerbados por factores socioeconómicos e de xénero. O Sindicato Labrego Galego (SLG) subliñou en varios informes os riscos laborais específicos que enfrontan as mulleres no agro, sinalando que estas desigualdades desempeñan un papel crucial no aumento da sinistralidade e das enfermidades profesionais entre as labregas. Polo que propoñemos analizar unha realidade que, aínda que coñecida, segue desatendida.

O informe destaca que as mulleres no sector agropecuario a miúdo teñen un acceso limitado a recursos e oportunidades de formación. E mesmo cando as mulleres acceden á formación, esta adoita carecer dunha perspectiva de xénero e non aborda as necesidades específicas das mulleres labregas. A falta de sensibilidade de xénero nas formacións existentes deixa ás traballadoras nunha posición de desvantaxe en termos de coñecemento sobre riscos laborais e medidas de prevención adaptadas ás súas circunstancias. Esta carencia de coñecementos agrávase polo uso de ferramentas e maquinaria deseñadas para homes, o que incrementa o risco de lesións musculoesqueléticas entre as traballadoras.

Impacto da Dobre Xornada: cando o traballo non remata nunca

Para as labregas, o día non remata cando acaban os traballos no agro. A miúdo, tras longas xornadas de traballo físico, regresan ao fogar para asumir a maior parte das tarefas domésticas e de coidado familiar. Este fenómeno, coñecido como “dobre xornada”, segue sen ser remunerado nin recoñecido. Segundo datos recentes, as mulleres dedican de media 2 horas e 15 minutos máis ao día que os homes a estas actividades non remuneradas. Esta situación non só aumenta a fatiga física e mental, senón que tamén reduce o tempo dispoñible para a recuperación e a atención da saúde. A fatiga mental ou o estrés crónico poden afectar a capacidade de concentración, a memoria e a toma de decisións, o que aumenta o risco de erros e accidentes laborais.

Estas longas xornadas de traballo e a falta de tempo libre tamén poden dificultar a participación en actividades sociais e o mantemento de relacións persoais, o que pode contribuír ao illamento e a soidade.

A precariedade que custa saúde: as barreiras no acceso á atención médica

O acceso limitado á atención médica, especialmente en zonas rurais con infraestrutura sanitaria deficiente, agrava aínda máis a situación. O desmantelamento dos servizos públicos, particularmente os sanitarios e o transporte público, ten un impacto directo nas mulleres labregas. Moitas zonas carecen de transporte público, o que provoca un illamento que afecta especialmente ás mulleres, limitando o seu acceso a servizos básicos e a oportunidades de participación social. As labregas enfrontan grandes dificultades para recibir atención médica oportuna e especializada, en ocasións por falta de profesionais sanitarios con formación e sensibilidade de xénero, así como o descoñecemento das tarefas específicas das persoas labregas o que é particularmente preocupante no caso das enfermidades profesionais e as lesións laborais, que requiren un tratamento especializado e continuo para previr complicacións a longo prazo. A sobremedicación é unha resposta común ante a carencia de atención médica especializada, especialmente no ámbito da saúde mental, unha demanda crecente entre as labregas. Segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a participación das mulleres no emprego rural aumentou nos últimos anos, pero a precariedade e a falta de recursos seguen sendo unha realidade diaria.

Un informe do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) sinala que existe unha infrautilización dos servizos de prevención e saúde laboral entre as labregas. Factores como a falta de tempo, a dificultade para desprazarse a centros médicos e a escaseza de recursos sanitarios especializados en áreas rurais agravan esta situación.

Esta tendencia a non buscar atención médica profesional perpetúa un ciclo de dor crónico e deterioración da saúde que se podería evitar cun acceso adecuado á atención sanitaria e unha maior concienciación sobre a importancia da saúde laboral. A normalización do sufrimento físico non só afecta a calidade de vida das labregas, senón que tamén incrementa os riscos de accidentes e enfermidades a longo prazo.

Brecha salarial e precariedade laboral: outro fío solto

A brecha salarial de xénero e a precariedade laboral son factores adicionais que contribúen á vulnerabilidade das mulleres no campo. Moitas traballadoras vense obrigadas a aceptar traballos informais e mal remunerados, sen acceso a seguridade social nin a medidas de protección adecuadas. Esta situación limita a súa capacidade para reclamar dereitos e melloras nas súas condicións laborais.

Medidas urxentes para protexer as labregas

É esencial que se tomen medidas concretas para abordar estas desigualdades e protexer a saúde e a seguridade das nosas labregas. Unha intervención estrutural que teña en conta as desigualdades de xénero e os factores socioeconómicos. As políticas públicas deben garantir o desenvolvemento dos proxectos labregos, dignificar o sector e recoñecer o papel fundamental que as mulleres teñen na produción de alimentos. As accións prioritarias inclúen:

-Reverter o desmantelamento dos servizos públicos nas zonas rurais, garantindo o acceso a servizos sanitarios de calidade e a un transporte público eficiente que evite o illamento.

-Desenvolver programas de formación específicos para mulleres labregas, que inclúan unha perspectiva de xénero e aborden as súas necesidades específicas. Os profesionais deben ter formación e traballar con perspectiva de xénero, comprendendo as tarefas específicas do traballo labrego.

-Mellora das condicións laborais e de seguridade, promovendo o deseño e o uso de ferramentas e maquinaria adaptadas ás características físicas das mulleres, para reducir o risco de lesións e mellorar a seguridade laboral.

-Introducir unha perspectiva de xénero nas políticas de axudas agrarias, asegurando que as mulleres teñan acceso equitativo ás axudas e subvencións, e fomentando a súa participación nos órganos de decisión do sector.

-Impulsar a aplicación efectiva da Lei 35/2011 de Titularidade Compartida, facilitando o rexistro das mulleres como cotitulares das explotacións agrarias, o que lles proporcionaría recoñecemento legal, dereitos laborais e protección social.

-Establecer políticas que recoñezan e reduzan a carga adicional que supón a dobre xornada, facilitando a conciliación entre a vida laboral e familiar. A corresponsabilidade nos coidados e a valoración do traballo doméstico e de coidado son pasos imprescindibles para avanzar cara á igualdade de xénero.

É o momento de alzar a voz polas nosas labregas. O futuro do noso agro depende delas.

As mulleres labregas son o alicerce invisible que sostén o agro galego. A súa contribución á produción de alimentos e ao sostemento das comunidades rurais é innegable. Pero, mentres o seu traballo é esencial, tamén está cargado de desigualdades estruturais que poñen en risco a súa saúde, o seu benestar e o seu futuro.

A súa situación é un reflexo das desigualdades que persisten non só no sector agropecuario, senón en toda a sociedade. Para cambiar isto, é fundamental desenvolver e impulsar programas de concienciación que empoderen ás mulleres, informándoas sobre os seus dereitos laborais e brindándolles ferramentas para facelos valer e saiban onde acudir en busca de asesoramento en caso de necesitalo. A comunicación clara e a documentación adecuada son esenciais para enfrontar os desafíos como na solicitude de baixas laborais e o recoñecemento de enfermidades profesionais, especialmente nun contexto onde as mutuas poden mostrar resistencia. O futuro do noso agro depende delas, e só promovendo a súa autonomía e participación activa na toma de decisións poderemos avanzar cara a un cambio real.

Se queremos un agro galego próspero e sostible, é esencial que estas traballadoras poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas e seguras. Isto só será posible a través dun enfoque inclusivo e equitativo que promova a igualdade de xénero e o empoderamento económico. Romper o silencio e actuar con decisión é máis necesario que nunca.

As institucións, organizacións e a sociedade no seu conxunto teñen a responsabilidade de tomar conciencia desta realidade e de actuar en consecuencia. Co compromiso colectivo, podemos construír un sector agropecuario máis xusto, seguro e sostible, onde as mulleres labregas poidan exercer o seu traballo con dignidade e saúde.

slg SINDICATO LABREGO CAMPAÑA TRABALLA SEGURA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información