Factores de vulnerabilidade das ganderías ante o lobo

Unha investigación realizada sobre 33 explotacións extensivas de vacún de carne conclúe que as menores probabilidades de ataques danse en granxas con touros limusín, vacas rubias e que estean en parcelas de menos de 8 hectáreas

Factores de vulnerabilidade das ganderías ante o lobo

O tamaño das parcelas é un dos factores a ter en conta para reducir o risco de ataques.

En Galicia, o lobo ten presenza en case todo o territorio. Calcúlase que operan na comunidade 90 mandas, que aglutinan entre 700 e 800 lobos. Os seus ataques sobre o gando danse a diario nalgún punto da comunidade, cunha media de arredor de catro baixas ó día. Ese escenario xera preocupación entre os gandeiros e obrígaos a plantearse como facer a súa gandería menos apetecible para o lobo.

Unha investigación desenvolta sobre 33 granxas de vacún de carne analizou cales son os principais factores de vulnerabilidade en rabaños manexados de xeito semiextensivo, en parcelas pechadas que se van rotando.

O 68% das perdas concéntrase en xatos de menos dun mes de vida

O traballo, realizado por Laura Lagos (Universidade de Santiago) nun área ubicada nos montes do centro da dorsal galega (Sobrado dos Monxes, Friol, etc.) analizou factores como as características do rabaño (raza, cohesión, presenza de cornos), a dimensión das parcelas, a presenza humana ou o hábitat (porcentaxe de bosque e pradarías).

Das 33 explotacións estudadas, que aglutinaban 1.182 vacas e 33 touros, houbo 16 con danos polo lobo. O 68% dos ataques concentrouse en xatos con menos dun mes, a maioría na primeira semana de vida dos animais.

Claves
Da análise das granxas con danos e das que non tiveron danos, o traballo concluíu unha serie de factores que reducen as probabilidades de eventos de depredación dos lobos:

– É recomendable ter o gando en parcelas de menos de 8 hectáreas. Canto maior sexa o tamaño das parcelas, máis risco de depredación, pois o rabaño está menos cohesionado e as vacas en parto tenden a afastarse do rabaño.

As explotacións con vacas rubias teñen menos ataques. O 46% das perdas foi en granxas de rubia galega por un 86% das ganderías de outras razas. A raza que peor comportamento amosou foi a fleckvieh. No lado contrario, non tiveron ataques as 3 explotacións de rabaños de cachena, unha vaca caracterizada polos seus longos cornos.

As ganderías sen touros limusín teñen 18 veces máis probabilidades de sufrir un ataque

– O touro semella un factor clave. As ganderías sen touros limusín teñen 18 veces máis probabilidades de sufrir un ataque do lobo. Esta circunstancia lígase principalmente á menor porcentaxe de partos difíciles (distócicos) que se rexistran nas ganderías con touros limusín. Tamén hai diferenzas de agresividade na reacción dos touros ante un ataque. En granxas sen touros limusín, houbo un 75% de ataques, polo 30% que rexistraron as granxas con eles.

– Na primavera-verán, redúcense os ataques do lobo sobre o gando. Na área de investigación, nos montes do centro da dorsal galega, había no intre da investigación (ano 2008) arredor de 200 cabalos en extensivo nos montes. O traballo demostrou que os lobos aumentan os ataques na primavera sobre as greas de ‘bestas’ pola maior dispoñibilidade de poldros, en tanto reducen de xeito paralelo as accións sobre as ganderías de vacún.

Tamén hai unha relación entre a dispoñibilidade de corzo e xabarín e os ataques sobre o gando, polo que é probable que en áreas sen cabalos no monte pero con alta densidade de fauna salvaxe, como boa parte da provincia de Ourense, tamén haxa unha influencia da maior dispoñibilidade estacional de presas sobre os ataques ás ganderías.

Impacto do lobo sobre os cabalos

A depredación do lobo sobre as greas de cabalos do monte está a chegar a niveis en que son escasos os poldros que se salvan dos ataques dos cánidos. A redución do número de ‘bestas’ nos últimos anos é un dos factores que explican a gravidade do problema.

“Cantos menos cabalos haxa no monte, máis probabilidades hai de que os que permanecen sufran a depredación do lobo”, recoñece a investigadora Laura Lagos.

Outros factores que determinan a incidencia de ataques sobre os cabalos son os seguintes:

– Estabilidade e tamaño das greas. As mandas cun mínimo de 8-11 cabalos presentan unha maior capacidade de defensa colectiva. Se as greas son estables, estarán máis cohesionadas. Recoméndase, por tanto, evitar o traslado de animais adultos ou a introdución de animais domésticos nas greas.

– Os poldros que nacen ó comezo da primavera teñen máis posibilidades de supervivencia, pois os lobos tardan unhas semanas en axustar o seu comportamento á dispoñibilidade estacional de presas.

– Os cabalos de cor castaña teñen menos probabilidades de supervivencia que os brancos, negros ou grises.

Máis información
“Os mastíns son o método máis eficaz contra os ataques do lobo”.
Sistemas de protección do gando fronte ó lobo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información