Abordamos co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Dieguez, as iniciativas vinculadas co agro que o organismo provincial mantén. Interesámonos polo apoio ás cooperativas e por dous dos referentes do sector agrogandeiro da provincia: a Finca Mouriscade e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, ambas dependentes do ente provincial.
-Parece que unha das apostas claras que está facendo dende a súa chegada ó cargo é o agro. Aínda que falaremos ó longo da entrevista das distintas áreas e proxectos, cales son as liñas prioritarias para a Deputación no ámbito agrario a curto prazo?
-O sector primario é un dos máis importantes motores económicos e de emprego da provincia e debe ser tratado como tal. Contribuír a facer do noso campo un sector máis forte, moderno e competitivo é un dos nosos principais obxectivos. Desde a nosa chegada á Deputación, os contactos cos distintos ámbitos do sector primario foron constantes. Escoitamos as súas demandas, entendémolas e atendémolas, unha comunicación fluída que manteremos ao longo de todo o mandato.
-Ó longo destes meses ten participado de xeito moi activo en moitos dos actos das Cooperativas agrogandeiras da provincia, con presenza en actos no Deza, principal comarca gandeira, e como non na súa terra, Rodeiro, na cooperativa O Rodo. Á marxe do apoio xa comprometido, haberá novas liñas de financiamento para as Cooperativas?
-O principal programa de apoio para o sector agrícola e gandeiro que temos na Deputación son as subvencións para o sector agrogandeiro. De feito, ampliamos un 40% os recursos da liña de axudas para as cooperativas e para este ano 2025 incrementamos a súa dotación en 100.000 euros. Deste xeito, poñemos a disposición do sector un total de 350.000 euros, o maior apoio da historia da Deputación ao sector primario. Ademais, os profesionais do sector contan coa asistencia da Deputación a través dos servizos de Smart Peme, que conta cunha oficina de atención no viveiro de empresas de Lalín; ou dos profesionais da Finca Mouriscade.
-Precisamente con respecto da Finca Mouriscade, co anterior goberno da Deputación impulsouse unha revitalización deste centro, en especial da Granxa, para volver a convertelo nun referente a nivel nacional para as ganderías tanto da provincia como de toda Galicia. Continúa a aposta por revitalizar Mouriscade?
-Mouriscade xa fora un referente xenético, non só para a provincia, ao conquistar ser a explotación número 1 de España en índices xenéticos nos anos 2010 e 2011. Tamén cómpre sinalar que aínda que se está a adaptar á irrupción da xenómica, Mouriscade xa conseguiu na avaliación xenética de xuño de 2024 ser a explotación número 4 do estado por índices xenéticos ICO e a número 3 por índices económicos.
“Coa aposta que se está a facer pola Granxa Mouriscade búscase poñer a disposición do sector xenética punteira que faga ás granxas moito máis eficientes e rendibles”
-Que obxectivos se perseguen para este centro?
-Máis alá do ranking no que este a Finca, o realmente importante é poñer a disposición do sector unha xenética punteira que faga as granxas, principalmente da provincia pero tamén do resto da comunidade, moito máis eficientes, e por tanto máis rendibles.
Por outro lado, na Finca, como centro experimental, estanse a levar a cabo ensaios da man de distintas empresas do sector e transmitindo eses coñecementos ás ganderías, mediante xornadas formativas co obxectivo de mellorar a rendibilidade das mesmas.
Nese labor formativo tamén se enmarca o “Curso de Preparación de novos gandeiros” na que 50 rapaces aproximadamente, 25 por quenda, conviven durante unha semana e aprenden os coidados básicos dos animais, así como a doma e presentación dos mesmos en certames gandeiros.
Polo tanto, o fin último é contribuír a dinamizar e axudar ó sector a ser mais rendible, favorecendo a fixación de poboación no medio rural.
-Como centro experimental dedicado principalmente á selección xenética, unha das liñas que se impulsou foi o servizo de implantación de embrións. Que resultados está a ter? Hai demanda por parte das ganderías?
-Internacionalmente o fluxo de xenética é mediante a transferencia embrionaria e é por esta razón que se apostou por impulsar esta biotecnoloxia reprodutiva, poñendo embrións de alto valor xenético a disposición dos gandeiros, principalmente da provincia, pero tamén para o resto da comunidade.
Co lanzamento da páxina web, permitimos un acceso moito máis áxil e transparente, xa que mediante un mailing a todos ós gandeiros inscritos se lles avisa da venda dos embrión ó día seguinte a partir dunha hora, conseguindo os embrións o que termine o proceso de compra máis rápido. Faise a través da sede electrónica da Deputación, con total transparencia.
-Chega a ser rendible este servizo tamén para a propia Deputación e aporta fondos para o mantemento da granxa?
-A Deputación non está para gañar cartos, senón para prestar servizos ós administrados, neste caso a un sector, como o gandeiro, polo que se aposta decididamente.
-Outro dos proxectos destacados no seu momento na Finca Mouriscade foi a planta de biogás para o tratamento do xurro da gandería e os restos de forraxe do laboratorio. Este tipo de sistemas segue a xerar moito interese entre as ganderías para valorar se pode ser un proxecto tamén asumible para elas. Que resultados está a ter a planta de biogás de Mouriscade?
-A planta de biogás en Mouriscade permite o tratamento de xurro gandeiro, restos forraxeiros e de mostras orgánicas procedentes do laboratorio, reducindo o impacto ambiental e xerando enerxía renovable. Estamos a obter resultados positivos tanto na xestión de residuos como na produción enerxética.
“O laboratorio de Mouriscade é o primeiro laboratorio en Europa en ofrecer un servizo de analíticas NIR para forraxes, pensos e materias primas tan completo”
-En canto ó propio Laboratorio, como está a funcionar na actualidade este centro? Activáronse tamén novas liñas ou servizos?
-O laboratorio de Mouriscade atópase plenamente operativo e ampliou recentemente os seus servizos coa incorporación de analíticas NIR para forraxes, pensos e materias primas, sendo o primeiro laboratorio en Europa en ofrecer un servizo NIR tan completo. Ademais, estamos a levar a cabo un plan integral de dixitalización e renovación de equipamento, fortalecendo aínda máis a nosa capacidade para atender as necesidades do sector.
O obxectivo principal é seguir innovando e adaptándonos ás necesidades do sector. Estamos a traballar na ampliación dos parámetros acreditados baixo a norma ISO 17025, así como na obtención da certificación ISO 9001 para garantir a máxima calidade e eficiencia nos nosos servizos. Todo isto reforza o noso compromiso coa excelencia e a sustentabilidade no sector primario.
-Mouriscade está a converterse nun símbolo da Deputación, queda descartado por agora un traspaso á Xunta ou séguese traballando en facelo máis rendible e logo favorecer o traspaso?
-A Deputación de Pontevedra mantén unha filosofía de colaboración leal con todas as administracións, incluída por suposto a Xunta. Sempre estamos buscando a forma de mellorar os servizos que ofrecemos en todos os nosos departamentos. Así o fixemos, por exemplo, coa Escola de Cantería, o Pazo de Lourizán ou os centros educativos de Príncipe Felipe, que foron transferidos recentemente á Xunta. Con todo, a atención por parte da Deputación a estes centros e a vontade de colaborar en todo o que estea na nosa man está garantida. Un compromiso que tamén aplicamos no relacionado coa Finca Mouriscade, por exemplo, coa cesión de parte dos terreos ao Concello de Lalín para desenvolver todo tipo de actividades.
-Outro dos eixos para o agro é a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, referente no tratamento de pragas, con ferramentas de tanta utilidade como os avisos que cada semana sacan sobre todo centrados no viñedo ó longo da primavera e época estival. Prevese reforzar ou actualizar este sistema?
-A vixilancia e control sobre as pragas que ofrecemos desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro é un dos servizos mellor valorados e máis útiles que prestamos para os profesionais do sector agrícola da provincia. É un servizo que manteremos e, cos medios que temos dispoñibles, sempre tratamos de mellorar e reforzar.
-Precisamente dende algunhas Denominacións de Orixe estase a traballar para dispoñer dunha rede de alertas meteorolóxicas máis eficiente que implica a instalación de novas estacións e o emprego de tecnoloxías de detección. Está a Deputación implicada?
-A porta da Deputación para colaborar en proxectos beneficiosos para as nosas empresas e para o sector agrogandeiro da provincia sempre está aberta. As Denominacións de Orixe do sector primario son embaixadoras dun modelo produtivo de calidade e sustentable, polo que a Deputación vai ser sempre un aliado leal e un apoio sólido para todos os proxectos que permitan mellorar a súa actividade.
-Tendo en conta o importante expansión da produción vitícola na provincia, e á marxe de apoiar a difusión, valoran impulsar tamén liñas específicas de axuda para as adegas?
-Na liña de axudas da Deputación ás cooperativas agrogandeiras, as que medraron un 40% o seu orzamento ata os 350.000 euros, inclúense tamén as cooperativas vitivinícolas.
-Nos últimos tempos o Té de Areeiro converteuse nun proxecto de referencia. Séguese a traballar nesa liña ou abríronse novos proxectos prioritarios para Areeiro?
-O Té Areeiro é unha marca 100 % Rías Baixas, un produto que nos sitúa como unha referencia na produción dun té de calidade elaborado na nosa provincia e cos nosos produtos ecolóxicos e de proximidade a partir de brotes e follas das camelias que medran na nosa terra. Ademais, o Té Areeiro supón un paso adiante cara a diversificación e promoción do rural da provincia, así como un xeito de afrontar o reto demográfico e combater o despoboamento do rural a través do desenvolvemento económico centrado nun produto tan propio como é a camelia.
A camelia e o Té Areeiro son grandes atractivos turísticos
Con todo isto, seguiremos apoiando a produción deste té e promocionándoo dentro da nosa campaña de promoción do Turismo que, por primeira vez este ano, céntrase na riqueza do interior da nosa provincia, onde o té e a camelia é un dos máis grandes atractivos.
-Outra das liñas de acción relacionadas en certo xeito co agro e impulsadas dende a Deputación foi a rede de composteiros para mellorar a xestión de residuos orgánicos. Está a funcionar? Teñen previsto incrementala?
-A xestión do lixo é un dos grandes retos que debemos afrontar como provincia. Debemos mellorar os nosos datos de separación de residuos, de recollida e de reciclaxe, reutilización e tratamento do lixo. A través de programas como o +Provincia ou o novidoso Plan Extra ofrecemos apoio aos concellos para poñer en marcha sistemas de xestión de residuos. E tamén, a través do servizo de Medio Ambiente, temos en marcha unha campaña para educar, informar, fomentar e vixiar unha correcta separación de residuos nos fogares e, sobre todo, nas empresas.
-Algún outro proxecto ou liña de actuación relacionada co agro no que se estea a traballar dende a Deputación? Algo máis que engadir?
-O dito, o sector agrogandeiro da provincia é un dos principais motores económicos da nosa provincia e a ferramenta máis útil para afrontar o reto demográfico. Todas as medidas, programas e proxectos que desenvolvemos están pensadas para apoiar e desenvolver o noso rural. Do mesmo xeito, as portas da Deputación e do goberno provincial están abertas para escoitar as demandas dos traballadores deste sector. Como vimos facendo ata agora, escoitamos, entendemos e, finalmente, atendemos.