Fabricantes galegos de penso advirten do risco de desabastecemento de soia pola Lei de Deforestación da UE

Agafac alerta de que a Comisión Europea só permitirá importar o 30% da soia necesaria se entra en vigor a lei de deforestación no 2026. O impacto económico sería de 1.300 millóns en Europa, 240 millóns en España, e 30 millóns en Galicia

17 Oct 2000 --- A mature open soybean pod resting on a bed of mature harvested soybeans. --- Image by © Corbis

A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) advirte de que a actual redacción da Lei de Deforestación da Unión Europea “pon en risco a subministración de soia para a alimentación animal en Europa”. En concreto, aseguran que “se a norma entra en vigor tal como está prevista o 1 de xaneiro de 2026, só podería importarse o 30% do volume necesario, o que xeraría un encarecemento medio de 40 euros por tonelada”.

“É algo impensable”, asegura José Luis Rey, presidente de Agafac. “Europa consome entre 30 e 34 millóns de toneladas de soia ao ano, España outras seis e Galicia 600.000 toneladas. Sen abastecemento suficiente, o impacto económico será enorme e non poderemos garantir unha alimentación adecuada para os animais”, explica.

Segundo os cálculos da asociación, o impacto económico ascendería a 1.300 millóns de euros na UE, 240 millóns en España e 30 millóns en Galicia, cifras que poderían incrementarse se tamén soben os prezos doutras proteínas alternativas como a colza ou o chícharo.

“A norma esixe trámites imposibles para os produtores”

A lei obriga aos produtores de soia a demostrar que o seu cultivo procede de terras non deforestadas despois do 30 de decembro de 2020; a xeolocalizar as súas parcelas; a enviar imaxes destas; a segregar a soia certificada do resto, a demostrar que non utilizan man de obra infantil, e estar ao día coa Facenda do seu país.

“Estamos a favor de protexer os bosques, pero a norma non é realista”, sinala Rey. “O problema non é o obxectivo, senón a imposibilidade práctica de certificar todo isto en Brasil ou Arxentina. Moitos produtores non quererán acollerse, porque non hai incentivos e si sancións: os importadores europeos poderían perder o 4% da súa facturación se algo falla. O comercio podería paralizarse.”

Galicia é unha das comunidades máis dependentes do mercado internacional de soia. Produce 3,3 millóns de toneladas de pensos compostos ao ano, é a quinta comunidade de España e líder nacional en pensos para vacún de leite, cun 45% de toda a produción española.

“O impacto sería directo en granxas, cooperativas e fabricantes. Non queremos traer soia a calquera prezo: queremos cumprir, pero cunha lei viable. Pedimos unha revisión que garanta o equilibrio entre sustentabilidade e subministración”, engade Rey.

Un fito europeo na Coruña: a nova sede de Agafac

Mentres persisten as incertezas lexislativas, Agafac avanza na construción da súa nova sede no Porto Exterior da Coruña, un proxecto pioneiro que reforzará a seguridade alimentaria na entrada de materias primas en Europa.

As obras finalizarán a mediados de 2026 e supoñerán “un gran investimento”, segundo sinala Rey. O centro incluirá un laboratorio dotado con tecnoloxía avanzada para detectar micotoxinas, insecticidas e contaminantes en tempo real. “Será un fito europeo. Todo o que entre polo porto será analizado e calquera materia prima que non cumpra a normativa será rexeitada. É o primeiro gran paso para blindar a cadea de seguridade alimentaria.”

A xeopolítica presiona ao sector

Rey explica que, tras a pandemia e a guerra de Ucraína, “os prezos empezaban a estabilizarse”, pero as tensións comerciais entre Estados Unidos e China e os aranceis estadounidenses volveron xerar incerteza.

“A soia chegou a duplicar o seu prezo e o millo subiu un 60%. Somos un sector altamente dependente do mercado global: calquera movemento xeopolítico aféctanos de forma inmediata”, lembra.

Por iso, Agafac insiste en que a lei europea de deforestación debe aplicarse “con sentido común, atrasándose e adaptándose á realidade do mercado para evitar un desabastecemento que poñería en risco a miles de explotacións e á industria de alimentación animal”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información