A Asociación Americana da Soia (USSEC), en colaboración coa Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), organizou o “Country Meeting Galicia”, unha xornada sobre mercados de materias primas a nivel internacional.
Destinada a profesionais do sector, á cita, celebrada este venres no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela, acudiron preto dun cento de expertos para debater e pór en común as súas ideas acerca da tendencia mundial que está a experimentar o mercado de materias primas e, especificamente, o da soia, cuxa produción é estratéxica para a alimentación animal.
O evento deu comezo ás 10.00 horas, coa benvida aos asistentes por parte da organización. Pedro Giannullo, de Cargill, foi o encargado de abrir a xornada cun relatorio sobre o mercado de físicos da soia en España e Europa, na que puxo de manifesto o incremento da demanda desta materia prima nos últimos anos e as súas implicacións sociais e económicas.
Pola súa banda, Emily French, de Global AG Protein, aproveitou a súa intervención para actualizar a situación que está a vivir o mercado global da soia. Falou de inflación, dos cambios na lexislación coa aplicación da normativa EUDR, pero tamén da inestabilidade política e económica que se está vivindo en Europa e en Oriente Medio, e como esta afecta á produción de materias primas.
“A pesar dos conflitos bélicos, os prezos da soia non están a variar”, asegurou a experta, salientando que as condicións meteorolóxicas son aínda o principal escollo para a produción de materias primas. “O mercado mantense inmune a estes condicionantes”, afirmou, pondo o foco na demanda “masiva” e na subministración “estable” de soia, que aínda domina o escenario internacional.
Evolución do mercado da soia
French fixo tamén un balance sobre a evolución que experimentou o mercado nos últimos anos, facendo unha comparativa entre os principais exportadores de soia. Aínda que Brasil e Estados Unidos mantéñense á cabeza, incrementando a súa produción, China parece que está desacelerando o seu crecemento en canto a produción e exportación de materias primas se refire, o cal cualifica de “significativo”.
A deforestación e o seu impacto na industria foi clave ao longo da xornada. Todos os relatores concordaron en que se trata dun tema preocupante, que ten unha gran repercusión en todas as partes da cadea da alimentación animal. “É fundamental que as materias primas non proveñan de áreas deforestadas, polo que haberá que cambiar de lugar para asegurar que cumprimos coa normativa”, asegurou French.
Alejandro Herráiz, de ADM, fixo unha presentación da perspectiva xeral para o mercado de cereais español, na que puxo de manifesto as dificultades que está a vivir o sector debido á demanda interna e a factores externos como a competencia, a incerteza política internacional e os custos de produción. “Os prezos altos manteranse mentres duren as guerras”, afirmou, en referencia ao conflito entre Rusia e Ucraína.
Lola Herrera, da USSEC, quixo ir máis aló na súa análise da situación do mercado de materias primas. “A deforestación é moi preocupante, como tamén o é a pegada de carbono e o seu impacto no medioambiente”, manifestou, apelando ao sector a apostar pola sustentabilidade para reducir as emisións contaminantes derivadas da súa actividade.
A demografía, clave no mercado de materias primas
Ivo Sarjanovic puxo o foco na xeografía humana e na súa relación co mercado de materias primas. As dinámicas de crecemento poboacional centraron o debate. Redución da taxa de fertilidade, crecemento vexetativo negativo e envellecemento da sociedade, son só algúns dos temas que puxo sobre a mesa o experto, que explicou a vinculación entre estes cambios e a produción de alimentos, tanto para consumo animal como humano. “Canto máis rica é a sociedade, menor é a demanda de materias primas”, concluíu Sarjanovic.
A nota final púxoa un panel con representantes da industria, no que participaron Daniel Ferreiro, de Aira; Manuel Orosa; de Bograo, ambos da Xunta Directiva de Agafac, e José María Fernández Monje, de Coren. Moderada polo presidente de Agafac, José Luís Rey, os relatores centraron a súa intervención na capacidade exportadora de Galicia, así como no consumo da comunidade. “Sería moi interesante para o sector e para reactivar a economía pór unha extractora preto dun gran porto. Sería un investimento moi rendible a longo prazo”, manifestou Fernández Monje. Alegación que secundaron os demais relatores, amparados polos beneficios que tería para a industria.