A exposición pública o proxecto de Real Decreto que flexibiliza a PAC

A nova norma modifica diferentes reales decretos sobre a xestión da Política Agraria Común en España para mellorar a situación das explotacións en relación cos ecorreximes e as fotos xeoetiquetadas. Regúlase tamén o plan sanitario integral por granxa, que será obrigatorio a partir do 1 de xuño do 2025

ensilado herba 2024 Ganxabar2 PACO Ministerio de Agricultura vén de iniciar o trámite de audiencia e información pública do proxecto de Real Decreto que modifica diferentes reais decretos para simplificar e flexibilizar a Política Agraria Común (PAC) en aspectos como a aplicación dos ecorreximes e as fotos xeoetiquetadas. Esta iniciativa forma parte das 43 medidas comprometidas polo Goberno para dar resposta ás preocupacións de agricultores e gandeiros.

En concreto, a nova norma modifica o Real Decreto de dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade, ao obxecto de revisar as condicións de acceso á asignación de dereitos á reserva nacional, así como o acceso ao pago complementario aos novos agricultores para casos concretos nos que o beneficiario é unha persoa xurídica.

O envío de fotos xeorreferenciadas pasará a ser voluntario

En relación co Real Decreto sobre xestión e control da PAC, establécese a voluntariedade no uso de fotos xeoetiquetadas de tal forma que, se o agricultor non as achega, a administración retirará a solicitude polas superficies afectadas sen penalización ou enviará un inspector a campo. Ademais, revísanse distintos aspectos dos controis nos dous alicerces da PAC (axudas directas e intervencións sectoriais e desenvolvemento rural).

De igual forma, efectúanse cambios no Real Decreto das intervencións de pagos directos e requisitos comúns do PEPAC e a solicitude única, co obxectivo de simplificar e flexibilizar a aplicación dos ecorreximes. Con iso búscase garantir que se aplique algunha das prácticas deseñadas na maior superficie agraria posible.

Cambios nos ecorreximes

En particular, introdúcense cambios para facilitar determinadas prácticas dos ecorreximes de pastos, como a diminución da porcentaxe sen segar da práctica de illas de biodiversidade, así como distintas flexibilidades para mellorar a acollida da práctica de sega sustentable. De igual forma, flexibilízanse aspectos da práctica de rotación con especies mellorantes, para o que se elimina a porcentaxe máxima de barbeito e rebáixase a porcentaxe esixida de leguminosas nas zonas áridas.

O procedemento de consulta pública permanecerá aberto desde o martes 25 de xuño até o próximo 15 de xullo, ambos os días inclusive

Tamén se introduciron cambios substanciais para lograr unha maior acollida das superficies de secaño e secaño árido en distintas prácticas, permitindo o establecemento de cubertas en rúas alternas, sen que exista un período mínimo do ano no que a cuberta debe estar viva sobre o terreo.

Doutra banda, revísanse outras cuestións relacionadas cos requisitos comúns das axudas acopladas e realízanse determinados axustes nas disposicións financeiras, en base á experiencia adquirida na xestión e aplicación das axudas da PAC na campaña 2023.

Súmase aos cambios na condicionalidade reforzada

Este novo Real Decreto, que tamén inclúe os axustes técnicos necesarios tras máis dun ano de aplicación da PAC, vén complementar a modificación do Real Decreto sobre condicionalidade da PAC, que foi publicado no Boletín Oficial do Estado o pasado 19 de xuño.

As explotacións con menos de 10 hectáreas quedan exentas en relación aos controis e penalizacións

As modificacións incluídas neste proxecto de Real Decreto son consecuencia das modificacións propostas no Plan Estratéxico da PAC (PEPAC), negociadas coa Comisión Europea no diálogo informal, tras ser analizadas polo Comité de Seguimento do PEPAC na súa reunión do pasado venres 21 de xuño.

Aínda que non se espera que a Comisión aprobe o PEPAC de maneira formal até o mes de agosto, decidiuse iniciar agora a audiencia pública para adiantar a tramitación en relación cos anos precedentes, de forma que a normativa poida estar publicada no outono. Desta forma, agricultores e gandeiros terán unha maior seguridade xurídica de cara ao comezo da campaña agrícola.

Plan sanitario integral a partir do 1 de xuño do 2025

O Ministerio dediciu adiar ata o 1 de xuño do 2025 a obriga de que as granxas conten cun plan sanitario integral. Este plan sanitario poderá ser elaborado por veterinarios dunha ADS, dunha entidade asociativa (cooperativa ou similar) ou dunha integradora, no caso de que a granxa teña vinculación con algunha destas entidades. Para o caso de granxas independentes sen ADS nin ligadas a unha entidade asociativa ou integradora, a norma establece que deberán designar un veterinario de explotación.

Desde as organizacións Asaja e Coag veñen de emitir un comunicado cuestionando esa decisión, pois entenden que representará máis carga burocrática para as granxas. Piden que tanto o veterinario de explotación como o plan sanitario integral teñan carácter voluntario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información