O Mercado de Abastos de Lugo acollerá desde o venres ao domingo unha exposición sobre a historia da apicultura e do mel en Galicia, organizada pola Asociación Galega de Apicultura coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O deputado Daniel García e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza de Lugo Cristina López, acompañados por representantes de AGA, presentaron esta mostra, que repasa a historia do mel e da relación coas abellas a través da evolución das construcións apícolas e que amosará útiles básicos desta actividade.
Ademais da visita libre no horario de apertura do Mercado, ofreceranse dous pases -as 12.00 e ás 16.00 horas – con explicacións guiadas e unha cata de meles galegos.
Daniel García enmarcou “a actividade no apoio da área de Rural ao sector, con iniciativas de formación directamente dirixidas a produtoras e produtores” e explicou que “iniciativas coma esta exposición, pensadas para o público en xeral, contribúen a divulgar a dimensión cultural e ambiental desta actividade e a poñer en valor o mel como alimento”
Cristina López sinalou que “a exposición contribúe a dinamizar o Mercado de Abastos cun contido que incide no coñecemento e na promoción dos produtos de proximidade” e convidou “a visitar a mostra e a participar nas actividades guiadas”
A entrada á exposición e a asistencia ás actividades guiadas é libre e gratuíta.
Galego









Control OJD